Páxinas

xoves, 9 de novembro de 2006

Trompos



Xa estamos case no san Martiño, trompos no camiño; así que puxen unha foto cos meus trompos. Teño outro trompo pero fáltalle a punta así que non valería para xogar. Dos trompos da foto só vale un: o que está máis á dereita porque baila ben e ten unha arrincada boa para poder fuxir do ataque dos outros xogadores. O resto dos trompos son apouchas, trompos que poño se o meu trompo non baila dereito ou queda no círculo trazado no chan cando remata de bailar. A unha das apouchas fáltalle a piricota que é a cabeciña de madeira onde normalmente se lle crava unha chatola para que non rompa por aí. A apoucha da dereita está rachada vítima dun nicazo bo.

En fin, teño gañas de que medre Leo para xogarmos ós pións.

14 comentarios:

  1. ¡Canto máis medre Leo...mmmmm!
    Non teñas presa, o millor é ver a herba medrar.
    Saúde e terra.

    ResponderEliminar
  2. Para que despois falen dos tecnólogos e da súa xerga inentendible... :-) Había tempo que non escoitaba o de nicazo.
    Bicos para o Leo

    ResponderEliminar
  3. teño que confesar non sen vergoña que nunca fun capaz de facer bailar medianamente ben un trompo... patoso que é un, hehehe

    ResponderEliminar
  4. Encántanme os xoguetes de madeira. En Praga son moi típicos e hai moita artesanía de madeira ademáis dos famosísimos títeres.

    ResponderEliminar
  5. Cantos recordos...ainda que eu era mais xogador das canicas...ese Leo vai ter sorte co pai e co seu galego que sempre empresta verbas esquencidas (ainda que ti en contraprestación xa te podes ir poñendo coa Play Station)...a coidarse

    ResponderEliminar
  6. Leo é afortunado.

    E vese que eras (ou es) todo un campión co trompo

    unha aperta

    ResponderEliminar
  7. ... e que non che esqueza ensinarlle a xogar á billarda.

    ResponderEliminar
  8. Eu tamén fun mais de canicas e de pincho que de trompos, ainda que algún tiven tamén.

    ResponderEliminar
  9. O Leo é un pícaro con sorte vai aprender xogos ben fermosos e divertidos. Estou coa Randeeira que non se che esqueza de ensinarlle a billarda.

    Unha aperta.
    :)

    ResponderEliminar
  10. Que lembranzas traes, acórdome de estar a pintar os trompos toda contenta convencida de que ían a ser os máis bonitos. Despois o de xogar dábaseme peor, que nunca lle daba atado a corda ben de todo...
    Apertas!

    ResponderEliminar
  11. Vese que non os ten de decoración, que lles dá bo uso. Saúdos para toda a familia.

    ResponderEliminar
  12. Aínda o outro día había unha morea de rapaces na Praza Maior de Ourense xogando ao peón. A min nunca se me deu ben (como calquera cousa para a que se precise a máis mínima habilidade).
    Un saúdo dende a néboa.

    ResponderEliminar
  13. xa medrará! antes do que pensas estará andando e falando. O tempo é tramposo: corre demais sen deixarse ver...

    ResponderEliminar
  14. Ouça, senhor paideleo. Quando eu era pequena, meu avó ensinou-me a jogar ao trompo. Logo, de grande, em cada escola ou Colégio polos que passava, aí polo mes de novembro, volvião os trompos.
    Mas o curiosso é que aquí, no Rif, onde não se come porco, nem hà São Martinhos, os meninhos do meu colégio, também trazem os trompos polo mes de Novembro.
    Náo sei como explicar o caso.
    Mas é verídico.

    ResponderEliminar

És humano ti ?