leoeosseus

Friday, 31 October 2008

Calacú

Deixei a Leo na gardería, fun á tenda e mirei un calacú e deume a arroutada de facer un calacú desta noite. Cun cuitelo pequeno e outro grande e en menos dunha hora fixen o meu calacú. Agora, se eu fose da illa de Arousa e doutras zonas iría pedir cartos polas casas para os mortos do máis alá.

Aquí deixo as fotos paso a paso de mostra.



Primeiro hai que abrir un buraco na testa para poder baleirar o calacú.


Logo toca facer a boca, os ollos e o nariz.

Aquí está o resultado final.

A escuras e cunha candea acesa no interior ten esta pinta. Eu meto a candea acesa por riba e póusoa no fundo do calacú cunha culler desde a boca.

Labels:

Thursday, 30 October 2008

Adiós ríos, adiós fontes.



Seguindo co tema de Vilaguindastre o cartaz da foto fíxome lembrar a Teté Delgado, vilaguindastreira bastante coñecida. Coincidimos varios anos no instituto e de sempre foi mui falangueira e viva. Nun festival do día das letras galegas cantou cuns compañeiros o poema " Adiós ríos, adiós fontes " nunha versión rock mui simpática que non dei esquecido e iso que son bastante malo en asuntos musicais. Pero o máis simpático do conto é que apareceu uns días atrás o cartaz da Charleston Big Band que anuncia o merengue Rosalía que podes escuitar aquí e baixalo ao móbil e todo.
En fin; non sei que terá ese poema para que o versionen tanto.

Labels: ,

Wednesday, 29 October 2008

Vilaguindastreiros na rede


O outro día chegou a revista A Peneira á casa. No número impreso saio eu nunha foto no medio de xente atendendo ao pregón de Uxía Senlle na festa dos callos. Lendo a revista souben dun debuxante e dun artiguista e ata souben duns rapaces con inquietudes artísticas en Vilaguindastre.
Parece que Vilaguindastre ten un espazo na arañeira e alédome por iso.

Labels: ,

Monday, 27 October 2008

Vintecinco meses



Hoxe o naipelo cumpriu os vintecinco meses. Empeza a correr cando lle apetece e a facer o que quere. Encántalle o colo e ir ao parque a botarse polo " tabán " de cu. Tamén é un exquisito coa comida e encántalle a sopa e as lambonadas: " tata ", " tetas " ( galletas ) e " sixo " ( galletas con forma de Simpsons ). Fala todo o tempo cousas que non se entenden intercaladas con palabras coñecidas e tamén lle gusta cantar ao seu xeito. Quere mirar o DVD de Miliki e di " ovos " para la Gallina Turuleca e " Ola Pípol. Ola Cosé " para " Hola Don Pepito. Hola Don José ". Repite todo coma un loro e agora encántalle a gardería. Di a educadora que baila e fai rir aos compañeiros e que temos que mandalo á televisión. Non sei se será para tanto pero deixo aquí un vídeo del bailando para que opines.

Labels:

Saturday, 25 October 2008

Big Ben


Pouco a pouco imos esquecendo a tristura e o mal sabor de boca do despido dos compañeiros e ata botamos unhas risadas. Un exemplo pode ser o que pasou o outro día. Resulta que para paliar o frío destas mañás poño bastante roupa como a camisola da foto que está gastada e a deixo para traballar. O " He asistido " mirouma posta e soltou unha das súas: " - Ah, ese es Einstein; el que formuló la teoría del BIG BEN ".

Labels:

Wednesday, 22 October 2008

Maxia do abandono



Este tempo de outono ten un aire triste e como de abandono. Non sei a ti pero a min sempre me atraeron os lugares abandonados ou arruinados e o ano pasado non puiden evitar a tentación de entrar nun pazo abandonado cerca de Vilaguindastre. Supoño que será ilegal pero movíame a curiosidade por ver por dentro aquel lugar. Ao final non tiña ningún misterio anque a silla esa que mira á fiestra non sei que será.

E como hai blogos de todo hai un blogo adicado a lugares abandonados como minas, aldeas ou puticlús !.

Vía magago.

Labels: , ,

Monday, 20 October 2008

Adaptación do Leo



O Leo de cada vez se adapta máis á gardería e hoxe bailou para os compañeiros. Proba desa adaptación é que agora colle calquera cousa e di: " É mío ", frase que aprendeu alí e que non me gusta. O que si me gustaba era cando decía " nunca " para dicir " non ". Era chistoso. Como é chistoso como din por Arbo para dicir nunca; " cando mexen as ghaliñas ". E co verbo mexar tamén din " ese non mexa pola perneira " para falar dun tipo fino. En fin, cousas que aprende o Leo e o Paideleo.

Labels: ,

Saturday, 18 October 2008

Crise



O cataclismo da crise anunciada xa se asomou pola Torredocaminho e deu a primeira sacudida. Neste venres despediron a tres compañeiros. De dous deles xa falara algo no blogo pero do outro aínda non dixera nada. Este compañeiro coñecémolo como o " Quiyo " porque é andaluz. Hai tempo chegou de acampada pola costa galega cuns amigos e coñeceu á que sería a súa muller. Durante uns anos víanse só nas vacacións pero logo o Quiyo deu o paso e deixou o sol e a ledicia de Sevilla por este clima noso que tal mal o fai pasar. E todo por amor. Buscou traballo e entrou na empresa esta e o venres chámano á oficina e dinlle que está na rúa despóis de seis anos e medio traballando.

A impresión foi grande para todos e non sabemos por onde seguirá atacando o mal becho da crise.

Labels:

Thursday, 16 October 2008

Palmira


Hoxe estivemos falando no choio de xubilacións e o pouco tempo que queda despóis para desfrutar da vida. Bueno, iso se non se dura o que dura Palmira Paramos que sae toda gabacha na foto despóis de estibar un tractor de leña. Hai compañeiros que son veciños dela e falan de cando en vez dela. Entroume a curiosidade, busquei na interrede, topei un vídeo e subín esta foto.

Aí onde a miras Palmira ten 106 anos cumpridos e ten unha saúde de ferro. Vive soa, fai almorzo e xantar para ela, cuida as galiñas, traballa na horta e ata ten viñas. Nunha entrevista di que o seu segredo é comer do que lle dá a horta, beber un vaso de viño coa comida e durmir unha sesta. Pero na entrevista non contan detalles simpáticos como os que me dixeron os compañeiros. Palmira vai á médica a camiñar e serán uns catro quilómetros ida e outros tantos volta e ten que ir sen comer para as probas. A médica pregúntalle se almorzou e ela dixo: Almorzar non almorcei pero non saio da casa sen tomar a parva ( cunca de cachaza ou augardente ). Outra anécdota que me contaron foi que a colleron apañando leña nunha propiedade que non era súa e ela respondeu: Home claro, teño que gardar a miña leña para o futuro por se me fai falta.

Nada, que esta muller é especial.

Labels:

Monday, 13 October 2008

Contando candeas



O Leíño prospera no seu falar e xa pronuncia a vocal " e ". As iniciais " p ", " b " e " m " trabúcaas e así Micky, Miliki e Vickie son todos " Piki " e a moto é " poto " e un moucho é " pocho ". O " r " inicial é " gh " ou " k " e así di " can " ou " ghan " para ran. Agora gústalle contar anque empeza polo " catu ", " sinco ", " sis " e volta ao catro. O outro día estaba nun parque a contar candeas e ensineille a palabra e el dixo " caenas ". Ao millor era máis fácil para el dicir " fasco " que é como lle chaman por Arbo á folla do piñeiro ou " arume " que é a palabra empregada no himno galego; pero eu prefiro ensinarlle a palabra común en Vilaguindastre: candeas.

Por certo, como lle chaman pola túa terra á folla do piñeiro ?.

Labels: ,

Sunday, 12 October 2008

Bólo e bagazo



Hoxe levamos quince sacas de bagazo ao augardenteiro para que faga catro garrafóns co bagazo. Non sei se será mui legal pero había bagazo e garrafóns de varios veciños alí.

No xantar houbo bólo ou bica que é o que sae na foto en segundo plano. É coma pan pero case todo codia. Faise con fariña milla pasada primeiro pola tixola e logo polo forno e estaba rico porque a fariña era nova. En primeiro plano está a polenta que é fariña milla pero desta volta cocida no pote do cocido. Anque sae na foto de hoxe non a houbo hoxe; a foto é doutro día.

Logo mercamos cueiros en Portugal e tomamos catro bebidas e unha bolsa de patatillas por catro euros con oitenta céntimos.

Bueno, que hoxe foi un día typical spanish !.

Labels: ,

Saturday, 11 October 2008

Agasallo dende Marín



Dende Marín chegou un presente para Leo en forma de camelia e pinturas e un bloc de debuxo con algunhas das follas xa pintadas. Dende aquí queremos agradecer á avoa Cris e familia polos detalles e o cariño demostrado de sempre. E, de paso, desexamos un feliz aniversario a Iago.

Labels:

Wednesday, 8 October 2008

Meme do millonario excéntrico


Ten razón o comentarista anónimo que di que o meme do derradeiro día é tétrico de máis. Así que vou crear un meme .
O meme chámase: o millonario excéntrico. Nel hai que nomear polo menos cinco excentricidades que poderías permitirte facer se foses millonario de poder ilimitado. No meme non pregunto polo típico que farías se foses millonario senón polo raro de máis. E agora empezo eu e como soñar é bonito e barato vou dicir cinco excentricidades:
1- Usaría calzóns e calcetíns só unha vez.
2- Aprendería a pilotar un helicóptero e voaría sempre que puidese.
3- Montaría un cámping ou hotel con hórreos abandonados que se rehabilitarían.
4- Mercaría un terreo de 100 quilómetros cadrados e pecharíao para que non entrase ningunha persoa e sería un santuario da natureza.
5- No muro de peche mandaría esculpir o meu blogo con fotos e comentarios incluidos en plan faraónico, seino, para a posteridade.
E agora mando seguir este meme a: Veca, Rui, Paidovento, Conxurada, la queue bleue, Marcus, carlos sousa, manuel l. rodrigues, meninheira, kaplan, peke, cuspe de pita, bágoas insomnes e mer. Anque pode seguilo calquera.
Na foto saen o campo de hórreos de Lindoso no norte de Portugal no ano 2002.









Labels: ,

Monday, 6 October 2008

Meme do derradeiro día

Recibín invitación dende tres bandas para facer o meme do derradeiro día e estou máis que obrigado a responder.
O meme trata disto: suponse que estou no derradeiro día da miña vida e teño que responder a estas cinco cuestións.

1- Que canción me gustaría escoitar ?. Eu non son muito de cancións pero postos a pedir quería escuitar " O cóndor pasa " de Simon and Garfunkel e " Os animais " de Luar na Lubre.

2- A que libro lle botaría un ollo ?. Ningún en concreto e todos en xeral. Botaríalle un ollo á miña biblioteca e acabaría por ordeala e forrar os libros que me faltan. Non deixaría de reler " El Quijote " de Editorial Naranco que teño en cómic.

3- Con quen me gustaría falar ?. Máis que falar deixaría escritas cartas a familiares e amigos. Tamén deixaría para Leo e o seu irmán a mensaxe de Randy Pausch.

4- Que me gustaría comer ?. Muitas cousas !. Case morrería de empacho !. Supoño que con polbo á feira e navallas me conformaría. Se o día é frío unhas castañas asadas estarían mui ben.

5- Que faría e que me quedaría pendente por facer ?. Quedar por facer, quedaría muito e non sei polo que decidirme xa que procuro non pensar no futuro. Gustaríame estar na illa de san Martiño ( a da foto ) coa miña moza con champán e os dous sós nun día quente de verán. Só para apañar caramuxos, non penses mal.

Tócame embarcar a alguén no meme este e vou dicir: Dorvisou, Mr. Tichborne, Besbellinha, enmeigada e abuela Cris.

Labels: ,

Sunday, 5 October 2008

Unha vila case pequena



Hoxe houbo callos en Vilaguindastre e houbo muita xente pero non tanta como para non coñecer bastante e saber cousas da vida duns e doutros porque Vilaguindastre é unha vila case pequena.

Estaban inflando un globo aerostático no parque da Feira e o avóM coñecía o piloto e case estiven tentado de pedir para montar no globo. Quen non desexa voar en globo ?. O pregón leuno Uxía ( coincidín con irmás no instituto ) que ten bastantes raíces en Vilaguindastre e muito do que dixo eu coñecíao e ata coincidimos en sermos alumnos dun profesor marabilloso: don Antonio Valverde Mayo. Cantou unha copla adicada á vila e sabíaa un gaiteiro co que coincidín no instituto. Logo mirei xente coñecida nas mesas ou nas colas e xente que facía anos que non miraba. Chegaron coñecidos da festa da bicicleta e foron buscar callos ( ben merecidos ). Unha colexiala loira saudou a outro compañeiro de instituto antes de mercar eu a revista Malladoura e aquí e acolá a xente falaba castelán, galego ou español con acentos suramericanos e un negro trataba de vender música polas mesas. Os callos estiveron ben e o viño, para acabar de demostrar que o mundo é pequeno; estaba feito na adega do alcalde de Arbo.

A foto é unha foto fusilada dunha familia de Arbo ocupada nunha roca e cun biturón, a rede para pescar lampreas.

Labels:

Saturday, 4 October 2008

Meme lector



Hai xa un tempo que fun convidado por Kaplan a falar dos libros que lin nas vacacións.

A verdade é que lin pouco comparado co que lía hai anos e aínda teño pendentes libros obsequiados por familia e amigos e algún que merco.

Fixen unha foto de algúns dos que lin neste verán:

- " The witch of Portobello " de Paulo Coelho. Unha muller que profundiza na súa natureza feminina.

- " Ibiza shorts " de Trev Hunt. Son uns relatos curtos ambientados en vilas de Eivissa.

- " A escola da lareira " de Manuel Quintáns Suárez. Un compendio etnográfico de literatura popular.

- " Made in Galiza " de Séchu Sende. Relatos curtos sobre a lingua galega nesta sociedade.

- " Os nomes do traidor " de Xurxo Sierra Veloso. Novela onde o protagonista é un delator cunha identidade nova dada pola policía.

- " El discreto encanto de la vida conyugal " de Douglas Kennedy. Libro onde a unha muller se lle complica a vida por un desliz do pasado.

- " El juego del ángel " de Carlos Ruiz Zafón. Un escritor recibe un encargo dunha personaxe sinistra. Está ben pero prefiro o anterior " La sombra del viento ".

- " Te daré la tierra " de Chufo Lloréns. Ambientada na Barcelona medieval e que trata dun home que ten demasiada sorte nos negocios para o meu ver.

Non é gran cousa o que lin pero estou nunha etapa pouca lectora.

Non embarco a ninguén co meme anque se alguén quere recomendar algún libro ou avisar da mala calidade doutros, pode facelo nos comentarios.

Labels: , ,

Friday, 3 October 2008

Fin das vacacións



Pois iso; hoxe tócame volver ao choio despóis de máis dun mes de vacacións.
Atrás queda o verán revolto que tivemos e coas súas festas gastronómicas e patronais. Tamén queda atrás este cartaz de poucos meses atrás que hoxe semella de hai un século. É un cartaz dunha asociación que hai veces que se autocalifica de cultural anque cando di " una taza de vino por persona o refresco " arrinca un sorriso. Tamén escriben " sardinada ", que non existe en español: e non falemos xa dos " tikes " e da escaseza de tildes.
 En fin...

Labels: ,