leoeosseus

Friday, 30 January 2009

Bertha Ringer


Na consulta do dentista pode un pasar un momento agradable lendo as revistas e tamén pode aprender un algo. Eu coñecín a Bertha Ringer, a muller de Benz que apoiou ao seu home nos proxectos para idear o primeiro automóbil da historia. Cando todos se botaban atrás ela apoiou e confiou no marido e meteu o seu dote no invento. Non só iso senón que un día de agosto de 1888 deixou unha nota na mesa onde dicía " Vou visitar a miña nai ". Colleu os dous fillos de 15 e 14 anos e o aparato e alá foi visitar a nai a 106 quilómetros de distancia. O aparato corría a 16 quilómetros por hora pero os camiños non estaban preparados para el. Tiveron que ir mercando alcol en boticas, coller auga para o motor en ríos e bulleiros e cambiar os freos de coiro gastados nun garnicioneiro. Nas costas baixaba a puxar mentres guiaba o fillo maior e así chegaron ao destino... cinco días máis tarde !. Mandou un telegrama dicindo " Chegamos sans e salvos " e demostrou a todo o mundo que o aparato tiña futuro. E Bertha Ringer converteuse na primeira persoa en facer un traxecto en automóbil da historia.
Na foto sae unha recreación da proeza que repiten tódolos anos en agosto en Alemania.


Labels:

Thursday, 29 January 2009

Cama de san Xián


O outro día andei a buscar o nome de Xiana en internet para ver se topaba algunha lenda ou historia referida a Xiana para poderlla contar cando naza á irmá de Leo pero non topei nada aparte das xianas asturianas. O que si topei foi a cama de san Xián que está aquí perto no monte Aloia. Eu pensei que tiña poderes procreadores coma outras camas de pedra esparexidas por Galicia pero a única lenda que ten é de que nunca nace herba nela.
Supoño que terei que inventarlle unha historia á nena para cando queira escuitar contos.

Labels: , ,

Tuesday, 27 January 2009

Vinteoito meses


Despóis dun inicio de ano apouchadiño con días de febre e sen apetito o Leo recuperou a saúde, o humor e o apetito. Pasou de xogar con monecos a enamorarse dos contos de Disney e Mortadelo e Filemón e busca tódalas personaxes e pregunta como se chaman. Tamén lle gusta pintar á súa maneira e debuxou a primeira cousa evidente que era un caracol. Está falando todo o día e inventando historias e ten días de palabras e expresións e así pasou a época de dicir " chavala " para todo a " non sei ". Tamén empeza a cantar ( máis ben tararear o fin das frases ) e esperemos que herde o sentido musical da nai. Agora esperemos que millore o tempo para poder pasealo máis. Falando de pasear onte levámolo á pediatra e estivo todo entretido cos contos ata que saiu a muller e dixo: " Ahora Fulanito de tal y después Leo S. ". O Leo saltou " Leo, no. Buaaa. A pasear. A pasear."

Labels:

Saturday, 24 January 2009

Meme con opción a libro

Un libro sempre cae ben e desta volta pode vir dun meme. O amigo Carlos Sousa embarcoume nun meme onde só hai que deixar un comentario no posteo do blogo Mezclado no agitado que empezou co meme e automaticamente entro no sorteo do libro " El fuego " de Katherine Neville asinado pola autora e todo. Así de sinxelo. Unha ocasión coma esta non acontece a miudo así que agora vou comentar alá correndiño.
Tamén teño que embarcar a tres blogueiros ( neste caso son blogueiras ) para que entren no sorteo se queren elas.
- LM: para darlle ánimos.
- Peke: que sei que é unha lectora habitual.
- Ana: outra que devora libros.
E a quen lle toque o libro ( sorteado o 14 de febreiro ) que o desfrute.

Labels: ,

Friday, 23 January 2009

Frase redonda


" Quen tal teña, non diga que é pobre ".
avóP

Labels:

Thursday, 22 January 2009

Yo no soy tonto


O comercio da foto fai como a inmensa maioría das empresas que non publicitan en galego. Supoño que non será maldade e será simple desleixo e rotina. Non mirei un cartaz deles en galego por Galicia e só mirei este da foto...en Portugal !. Non sei a quen discriminarán así con cartaces en español en Galicia e en galego en Portugal: se aos portugueses ou aos galegos ou a ambos grupos. Que cres ?.

Labels: ,

Wednesday, 21 January 2009

Trisquel sospeitoso


Hai un pub en Vilaguindastre que está coa enésima remodelación e cambio de dono. O cartel parece inofensivo e espero que non teña nada que ver cuns que teñen vídeos no " you tube ". Non poño ligazón pero se che interesa busca en " you tube " Galicia nacionalsocialista.

Labels:

Tuesday, 20 January 2009

Hai cincuenta e un anos


Esta foi a primeira viñeta de Mortadelo e Filemón tal día coma hoxe hai xa cincuenta e un anos.
As personaxes perderon roupa co tempo pero gañaron en capacidade de facerme rir.

Labels:

Sunday, 18 January 2009

San Antonio de xaneiro


A avoaM dixo onte: " Por San Antonio de xaneiro se chove pon a pipa no fumeiro e se non chove pon a pipa no canteiro " que vén a dicir que se chove non vai haber viño ese ano porque o fumeiro é para secar a pipa e se non chove ese día vai haber viño e vaise precisar o canteiro que é a base onde se coloca a pipa.
Na foto non se apreciaba chuvia. A ver se ten razón o refraneiro.

Labels: ,

Friday, 16 January 2009

Cada vez menos


Hoxe houbo dúas despedidas no traballo. Un compañeiro xubilouse merecidamente e trouxo empanada, rosca, xamón, xamón para monos ( como lle chama el aos manises ) e viño. Esa foi a despedida alegre. A triste é a do compañeiro que non lle renovan o contrato. Este home viu de Madrid porque coñeceu á súa muller de aquí por internet. Gustáronse e aquí quedou. Quixeron ter un fillo pero teñen problemas. Probaron con inseminación artificial e nada e agora seguen probando pero co método " divertido ", que di el. Eu só espero que o seu porvir veña cun sorriso grande coma o seu e amenizado co falaricar rebuldeiro dun neno.
Na foto sae un moneco dunha protesta por despidos laborais nesta época de crise.

Labels:

Thursday, 15 January 2009

A señora Gloria e a isoglosa


Unha isoglosa vén sendo unha liña imaxinaria que separa dúas zonas que resolven de maneira distinta unha cuestión da fala. Así pola parroquia onde vivo pasa a isoglosa que separa a zona sur que di " teis " para a segunda forma do singular do verbo " ter "; da zona norte onde se di " tés ".
Bueno, así era cando vivía a señora Gloria hai máis de vinte anos na casa da foto. Era unha viuva cun fillo na Alemaña e que tiña unha tenda-bar. Lémbroa sempre vella e como a persoa máis parecida a unha bruxa que coñecín. Tiña pelos alborizados, nariz grande, queixo saído e ata unha verruga con pelos e o seu falar era malhumorado e era a señora máis ao norte que dicía " teis ".
Agora mudaron muito as cousas e desaparece a xente que di " teis " e " tés " e cada vez hai máis " tienes " e incluso " tenés ".

Labels: , ,

Monday, 12 January 2009

Lenda da coroa de ferro


No choio falamos de temas diversos no momento do taco e hoxe falamos dos programas lixo da televisión onde sacan todos os trapos sucios á vista. Isto fíxolle lembrar a un a lenda da coroa de ferro que contou máis ou menos así.

" Nos tempos medievais había un conde de Lemos que estaba casado cunha moza fermosa. O rei chamou á súa xente para ir á guerra e alá tivo que ir o conde. Deixou a súa muller ao coidado do cardeal que, aparte, era bó amigo. Pasou o tempo e o cardeal encaprichouse coa muller pero non puido posuila e acabou matándoa nunha pelexa. Enterrouna e seguiu pasando o tempo ata que chegou o conde de volta. Levou unha sorpresa desagradable pola morte da súa dona e non acababa de crelo e mandou desenterrar o cadáver. Observou que tiña o puño pechado e abriuno e descubriu dentro o anel do cardeal. Caíu na conta do que de verdade pasara pero non dixo nada. Invitou a nobles e súbditos a unha festa para coroar ao cardeal por coidar da súa muller na súa ausencia e chamou a uns ferreiros para que fixeran unha coroa de ferro nese día. Cando estaban todos na mesa mandou traer a coroa candente recén sacada do lume e mandoulla pór na cabeza do cardeal aos ferreiros ".

A lenda é tétrica como adoitaban ser aqueles tempos pero topei unha versión literaria e outra na enciclopedia de Eladio Rodríguez ( ler o final da entrada de coroa ) .

Na foto saen cintos de castidade.

Labels:

Sunday, 11 January 2009

Sobremesa nadaleira


Estas pasadas festas teñen tamén as súas sobremesas típicas. Por Arbo son típicas as tostadas de viño e o requesón ( na foto sae con viño e azucre como a min me gusta ). Logo están as típicas mercadas ou conseguidas nos lotes que perduran e perduran. Non sei a ti, pero a min despóis das festas xa non me apetecen e quedan aboiando por aí un tempo. E así agora quedan roscos de viño da Estepa que teñen un ingrediente de nome curioso como é a " matalahúva ". A miña curiosidade encendeuse e non parei ata descubrir o que é.
Bueno, vou ver se remato os dóces dunha vez.

Labels:

Saturday, 10 January 2009

Farrapos


Esta é a primeira foto nocturna feita coa cámara nova en Arbo e conto con facer máis.
Onte caíron uns farrapos de neve ( é como se lle chaman ás folerpas por Vilaguindastre ) pero non callaron no chan e non os fotografei ( se queres mirar unha foto da nevarada en Vilaguindastre e saber de refráns clica aquí ). Eu cheguei tarde ao espectáculo porque o Leo anda algo pocho con febre e o nariz atascado e con voz rouca que parece un neno poseído. Anda cos ollos longos e mui mimento que non quere estar só. Supomos que será unha gripe ou un constipado que colleu nun día destes tan fríos.
Bueno, esperamos que millore para facer vida normal outra volta.

Labels: , ,

Tuesday, 6 January 2009

Fin de festas


Onte foi o día da cabalgata en Vilaguindastre e chegamos apurados despóis dunha sesta longa do Leíño. Había un feixe de xente e saudamos a algúns coñecidos. Cada rei levaba a súa carroza e Baltasar estaba algo tristón pero polo menos era negriño de verdade. As carrozas ían acompañadas de tres rondallas. Atronaba a música dos altofalantes das carrozas e, curiosamente, soaba música en inglés do halloween. O pior momento foi cando recibimos uns caramelazos cousa seria duns paxes postos ao choio. Simpático foi cando lle preguntamos a Leo máis tarde a quen miraramos na cabalgata e respondeu: Melchor, Basaltar e Papa Nel.
Esta mañá tamén foi simpática a cara do Leo cando mirou que non estaban os reis nin os camelos no nacemento e que había regalos debaixo da árbore.
Pola miña parte non debín de ser malo de todo que recibín unha cámara nova para sustituir á outra que está nas últimas e calquera día deixa de funcionar totalmente.
E agora toca tirar boas fotos.

Labels: ,

Monday, 5 January 2009

Novo ano, vellos tempos


Estes últimos días foron intensos de actividades e o tempo adicado ao blogo foi ben pouco. Foron días de xuntarse con familia e amigos, días de axudar aos reis magos entre o formigueiro humano do que formamos parte, de vivir semanas laborais con dous " venres " e " luns " e foron días para ver fotos ben vellas por primeira vez.
Non sei que opinaría o tartaravó Ricardo de Leo e Xiana se saíse da foto onde posa co ese bigote dos anos vinte e mirase a civilización actual; seguro que lle caía o bigote ao chan.

Labels: