leoeosseus

Wednesday, 30 December 2009

Outro ano


Por fin remata este ano impar e vén outro par que acostuma ser bo para min.
Espero que este ano entrante dea para bautizar cafeterías con nomes felices.

Labels:

Monday, 28 December 2009

Viaxe en avión


O primeiro " asalto " do Nadal rematou e alá marcharon os foráneos todos. Os derradeiros foron os norteamericanos que xantaron aquí antes de seguir viaxe para coller avión. O xantar foi bo e de alimentos que alí dificilmente proban coma o polbo, o chourizo e bacallao. Todo regado con viño da casa e pan un chisco diferente ao norteamericano. Houbo charlas e aprendín que as criadillas chámanlles " mountain oysters " ( ostras de montaña ) por aquelas terras.

Agora quédalles a volta agrisada polos atentados aéreos e con medos e seguridade máxima. Os nacidos norteamericanos non son sospeitosos pero os estranxeiros ou nacionalizados alá xa é outro cantar. Menos mal que o presidente Feijoo mandou a Galician Born Security Cart ao tío Pepe cando foi das eleccións xunto coa propaganda política. Nesa Carta, de validez internacional, otórgase unha especie de título de garantía personal onde o titular consta como persoa legal e fóra de sospeita á hora de seguridade nacional contra terrorismo e delincuencia. Para que logo se fale mal de Feijoo !.
Así que agora só queda desexarlles bo retorno.
Máis información sobre a Carta aquí.

Labels:

Sunday, 27 December 2009

Saber gañar

Un familiar non me cría cando lle dicía que no xadrez quen gaña é o que convida. Entón teño que deixar constancia de que o que dixen naquela ocasión non é invención miña.
A imaxe está tirada do " Método elemental de ajedrez " de Ricardo Aguilera do ano 1957.
Xa choveu e pode ser que hoxe estea errado eu.

Labels:

Saturday, 26 December 2009

Vincas


Onte o Leo seica levaba uns calcetíns que lle apretaban un pouco e lle facían unha marca. O Leo dixo: " Os calcetíns fan dano. Fan raias. " E nós rimos, é claro; pero eu sabía como lle chama a bisavoa Celia ás marcas que fai a roupa cando apreta e non o lembraba eu nese momento. Ao final lembrei a palabra que é " vinca " ( poño con v non sei polo que ). E aquí a deixo como parte da memoria dos ancestros para que non se perda e, sobre todo, para que non volva esquecela eu !.

Labels:

Friday, 25 December 2009

Mamanoela

Foi unha noiteboa para lembrar con familia chegada de Galicia, Madrid, Brasil e os Estados Unidos. Apareceu a Mamanoela cunha rena e repartiu agasallos. A Leo preguntoulle se se portara ben este ano e Leo respondeu: - No. Porque ten pánico tanto a Papa Noel, coma ao Apalpador ou aos Reis Magos que non quere saber de mascaradas nin no entruido. E como se portou mal levou un Elmo, un libro de cabalos, un quebracabezas, un videoconto, un parquing con coches e un " helitóquero ", unha bici e o que lle fixo máis ilusión: un conto.

Labels: ,

Sunday, 20 December 2009

Ágape


Este ano, como hai crise, a cesta de Nadal da empresa vén máis lixeira e, en troques do xantar cheo de zamburiñas feitas de tódolos xeitos coñecidos; houbo un ágape nas instalacións da Torredocaminho. A comida non foi copiosa pero o xamón estaba delicioso e o queixo curado tamén. Probei o viño Triskel dunha adega famosa en Arbo e o viño escumante de moscatel feito en Valencia de marca Reymos.
Só espero que para o ano non haxa crise e se poida repetir todo e con máis abundancia.

Labels:

Wednesday, 16 December 2009

Cesta de libros


Hoxe fomos co Leo buscarlle contos á biblioteca de Vilaguindastre ( na foto hai oitenta anos ). Levamos a sorpresa de que dan unha participación por cada libro que prestan para entrar no sorteo dunha cesta chea de libros que enche o ollo a calquera. Segundo parece non é o primeiro ano que fan isto.
Gústame este xeito de animar á leitura !.

Labels: ,

Sunday, 13 December 2009

Castañas e gofres


Despóis da chuvia destes días apareceu o frío. Vilaguindastre solta frío dende as súas pedras vellas e o novo cheiro dos gofres anima o apetito na curta tarde. Forma ringleiras a xente para coller gofres e lambetadas modernas pero eu prefiro quentar as mans cunhas castañas de sempre neste día con sopro de candeas de aniversario, tocamentos de peitos graníticos e carreiras infantís entre sombras da noitona ( noitiña supetamente feita noite negra coma fariña do demo).

Labels:

Saturday, 12 December 2009

Rematou o tempo de reflexión

Rematou o tempo de pensar nos agasallos e de relaxarse á beira do río, descalzo e mandándolle unha Coca-Cola. Agora é tempo de que se poñan a traballar Papa Noel e demáis personaxes nadaleiras.
Sorte para todos !.

Labels:

Thursday, 10 December 2009

Estos gallegonos !


Nesta fin de semana longa, invernal e sen viaxe programada viaxei pola rede e cheguei ao youtube onde descubrín " El chigre ", unha serie asturiana de humor onde sae unha personaxe que lle chaman "El Gallego " que é da Asturias de fala galega. A foto feita por min no verán de 2005 é precisamente desa zona e está tirada dende a ponte que une-separa Galicia e Asturias. Podes botarlle unha ollada ao vídeo aquí:

Labels: , , ,

Monday, 7 December 2009

Sorpresa, susto e singladura


Sorpresa grande como coñecer da separación dunha parella de vellos amigos.
Susto abafante como perder por dous ou tres eternos minutos ao Leo nos corredores dun centro comercial.
Singladura única no último barco de vapor do país en funcionamento nunha oportunidade conseguida a última hora.

Labels: ,

Saturday, 5 December 2009

Montando o Belén


O Nadal está de cada vez máis perto e tocou facer a instalación da árbore de nadal e o nacemento. O Leo está encantado coas luciñas e os adornos e non hai forma de que entenda que os agasallos de adorno da árbore están baleiros e alá os abre todos. No Belén fai carreiras cos reis e os seus camelos e inclúe un tal Mortadelo na lista de reis. Estes días está na casa a curmá e pásano mui ben xuntos e onte entrou na biblioteca de Vilaguindastre por primeira vez e apampou con tanto libro. E a chuvia que segue.

Labels:

Wednesday, 2 December 2009

Historia da tetilla


Fedellando pola interrede topei esta imaxe dun queixo que di: Em Santiago de Compostela havia a estátua de uma rainha que tinha os seios muito avantajados. Um dia, um bispo mandou cortá-los. Assim nasceu o queijo " Tetillas " que curiosamente tinha... E aí remata a historia dunha curiosa campaña publicitaria que di " Histórias que a comida nunca teve hipótese de contar " e que me deixa intrigado porque non sei se haberá no fondo algunha lenda relacionada co este queixo.
Se alguén pode iluminarme estaría agradecido que me informase.

Labels: