Páxinas

martes, 12 de outubro de 2010

Outonizar


Outonizar significa apañar as primeiras trece castañas, pirixel para casa e un coco ou calacú ou cabaza para decorar.
Outonizar tamén significa comer as penúltimas uvas do ano.


Outonizar quere dicir separar a bisavoa Celia o millo bo do podre neste ano non mui bo para o millo porque o verán foi seco.



Outonizar é pasear e fotografar oito tornarratos ou mós e varios pés de canastro amoreados e esquecidos para que debatan os arqueólogos do futuro sobre este misterio.



Neste paseo tópanse saltóns e unha barbatesa ou teresiña e muitos pericos de cabalo e unha fita de " Los Chunguitos " semisoterrada no camiño que fai pensar en como pasa o tempo e que poucos coches levan hoxendía música de cassette.

16 comentarios:

  1. E nas tardes outonizas saír a buscar cogomelos e apañar noces e castañas.
    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Gústame moito o outono, por iso gustóume o post.
    O Leo anda feitiño un home.
    Lástima de eses tornarratos.
    Bicos.

    ResponderEliminar
  3. Que bonita a foto da avoa Célia, que bonita ela a traballar. Encántame!

    Nós tamén é que estivemos a outonizar e apañamos máis de 13 castañas, aínda que facía un calor...

    Un biquiño

    (e a cinta é dos Chunguitos, non dos Chichos hahaha)

    ResponderEliminar
  4. O encanto do outono que tamén o ten!bicos

    ResponderEliminar
  5. Mui ben apuntado, Meni.
    Correxido o troco de Chichos por Chunguitos.

    ResponderEliminar
  6. Hoxe outonizar seméllame a palabra máis fermosa do mundo.

    ResponderEliminar
  7. A ver se contas que é iso das trece castañas, que eu non sei.
    O millo da avoa Celia parécese a un que esfollei onte...
    Xa contarei.

    ResponderEliminar
  8. Pois logo eu xa outonicei algo (xa apañei máis de trece castañas).

    Apertas

    ResponderEliminar
  9. gústame moito o outono pero o teu outonizar gústame mais!

    ResponderEliminar
  10. Non sei que me parece máis de museo, se os tornarratos ou o casete dos Chinguitos.
    E si, témolo xa enriba outro ano máis.

    ResponderEliminar
  11. aaaai, que disfrute tan sereno e feiticeiro é o de outonizar...!
    (iso existe ou é un palabro?)

    ResponderEliminar
  12. coma sempre, aprendo algo nos teus posteos: o da barbatesa (no enlace dí "barbantesa")
    e... carallo para a teresiña!
    :)

    ResponderEliminar
  13. Eu aínda non fun ás castañas e dubido que vaia, pero andei a apañar nas noces, que co aire tolo da outra semana alá marcharon todas ao chan.

    Leo está feito un mozo.

    Parabéns pola entrada. Gustoume sobre todo a foto do millo. Hai moitos anos que na casa de miña nai non se sementa o millo.

    Saudiños e bico para Leo.

    ResponderEliminar
  14. Parece incrible o grande que está Leo. E que bonito este post de outono.

    ResponderEliminar
  15. A modo de aclaración.
    - Trece castañas son as que collemos no camiño debaixo dun castiñeiro dun veciño e Leo non paraba de contalas e recontalas.
    - Outonizar é un palabro invención miña.
    - Barbatesa e teresiña son dúas denominación da barbantesa en Arbo.

    Graciñas a todos por comentar.

    ResponderEliminar
  16. Outonizar é un palabro ben fermoso. Eu outonizo poñendo calcetíns para durmir... e lembrando a miña avoa que marchou hai un ano. Ela moito outoniza tamén o meu sentir onde queira que este.

    ResponderEliminar

És humano ti ?