Tuesday, August 31, 2010

Operación retorno


Rematan as vacacións para muitos ( eu tívenas en abril ) e toca volver á rotina. Os que non volven á rotina son os da furgoneta da foto que están na súa volta polo mundo e empezan " modestamente " en Europa cunha camiñada de tres a catro anos de duración. Resultoume curioso topalos no meu bairro obreiro de Vilaguindastre supoño que perdidos na súa andaina ou bébedos a pesar da proibición que teñen no seu regulamento de beber alcol antas das seis da tarde.
Se queres ver vídeos deles aquí podes consultalos. E que conste que lles teño algo de envexa.

Monday, August 30, 2010

Corenta e sete meses ( e tres días )


Pasa o tempo pero non esquezo o mesario de Leo. Pasou a data polo mesmo motivo polo que non posteo muito en agosto: paseos, acampadas, praia, visitas, traballo e poucas ganiñas de arrimarse ao ordenador fixo que non postease.
Ao que ía; o Leo quere cumprir catro anos e pregunta cando é o seu aniversario para celebralo no parque de bolas. Está rebelde e só a ameaza de quedar sen festa logra dobregalo. Come pouco e dándolle. O asunto das necesidades lévao mal.
No resto vai ben: relaciónase ben anque monta encima da xente que topa no sofá. Fala seguido e distingue bastante ben as dúas linguas e pregunta muito por palabras en inglés. Sigue falando só mentres xoga e faino bastante en castelán e inventando palabras.
E o pequeno segue medrando e mudando !.

Monday, August 23, 2010

Na terra dos pirlos


Na terra dos pirlos combinan mar e terra.



Descubres hórreos xigantes en terreo privado con castiñeiros á vista do mar.

Mesmo ten unha praia que descubrín buscando moras.



O malo foi ter que recoller a tenda pola chuvia e deixar a marca na terra cuberta por " pirlos " que é o nome precioso que lle dan ás follas do piñeiro por terras fisterrás.
Por certo, como se chama a folla do piñeiro pola túa zona ?. En Vilaguindastre chamámoslle " candeas " e en Arbo " fasco ".

Wednesday, August 18, 2010

Laxe



Laxe foi unha casa de pedra nun labirinto de ruelas empinadas e estreitas e sen sinais de tráfico.






Laxe foi unha praia de area branca, auga quente ( si, quente ), vento sen descanso e ceo azul con carreiras de nubes.



Laxe foi unha chimenea ecolóxica que bota árbores á capa de ozono.




Laxe foi unha camiñada a unha ermida nun alto cunhas boas vistas por diante e por detrás.

E Laxe tamén foi festa con pistolas de pompas de xabón, moras para o Leo ou mercar un libro do fotógrafo muxián Ramón Caamaño.
En definitiva, Laxe foi outra fin de semana para meter no baúl das lembranzas.

Sunday, August 8, 2010

Lonxe do ordenador


A calor, as visitas de familiares e amigos, a praia, as viaxiñas e demáis téñenme lonxe do ordenador e o seu mundo.
A ver cando recupero o ritmo blogueiro.