Monday, January 31, 2011

É unha nena


Pois si. A dona desta cabeciña é unha nena que vai ser irmá de Leo.

Sunday, January 30, 2011

Cincuenta e dous meses ( e tres días )

O Leo continúa dando pequenos avances. Volveu coller o peso despóis dunha tempada con mormeiras, febres e mocos. Tamén lle colleu gusto á bicicleta e vai prosperando dende a primeira vez que tiña medo a chocar coa xente e se botaba ao chan en marcha. Onde non semella estar á gusto é na piscina onde chora bastante. El di que é polo frío e porque lle botan auga aos ollos pero tamén ten medo a caír e a que o solte a monitora facendo exercicios. As alturas, os cans e non ser capaz de facer algo son os seus medos principais.

Iso si, gústalle o cole e todo o que teña que ver coas letras e os números e xoga muito a ser profesor.

E aquí deixo un vídeo de Leo debuxando e montando historias coas personaxes de Fondo de Bikini.

video

Wednesday, January 26, 2011

Demolición e lembranzas


Podería falar hoxe do frío pero oín unha ocasión que falar do frío no inverno non é noticia. Se fixese frío de dous grados baixo cero en agosto iso si sería noticia.



O que foi noticia estes días por aquí foi a demolición do antigo colexio onde estudei eu e o Leo.
Con el van lembranzas de xente, estudos, xogos e anécdotas como a da columna do saber ou a Pinoucha que raptaba nenos.



En canto a xogos había bastantes pero hoxe quero falar do " pulso gallego " que chamabamos nós. Facíamos un circo no chan e puñamos pé contra pé e logo agarrados por unha man turrabamos e puxabamos para tratar de botar o rival fóra do circo.
Non volvín ver xogar a ninguén a isto dende aqueles tempos pero supoño que hoxe sería visto coma un xogo de brutáns.
E agora unha preguntiña. Lembras algún xogo curioso do tempo do cole e as súas regras ?.

Saturday, January 22, 2011

Música


Traballando eu de noite non teño o vagar preciso para escribir no blogo. Iso si: hoxe o Leo e outros rapaces e non tan rapaces puideron desfrutar da actuación de Pablo Díaz e Olga Kirk. Houbo música, bailes facendo a roda e ata houbo un libriño de agasallo.

Sunday, January 16, 2011

Pascuala, a ra


Ao Leo tocoulle levar para casa a ra Pascuala, a mascota da clase. Isto da ra é unha iniciativa coa que cada fin de semana un neno leva a ra para a súa casa para acompañalo e despóis hai que pór fotos e escribir sobre o que fixo e a onde foi.
O Leo quedou mui contento coa súa amiga e ata por momentos esquecía ao seu amigo imaxinario Jónistan. Non a meteu na piscina e na cama porque non quixo pero levouna ao parque, á biblio, de paseo e a Arbo e agora Pascuala dorme na súa bulsa esperando a mañá para volver ao cole e o Leo na súa cama cunha tose e unha voz rouca que non o deixou desfrutar ao cen por cento de Pascuala. Aínda así non deixou de inventar historias mentres debuxaba aos habitantes de Fondo de Bikini: Bob Esponxa, Patricio, Calamardo, señor Cangrexo, Plankton e Perla. E aínda tivo imaxinación para inventar a árbore " paspallón " que empeza coas follas amarelas e marróns e cando cambian a verdes cain.
Imaxinación ao poder !.

Friday, January 14, 2011

Algúns necesitan unha columna do saber


Na época que petei contra a columna estaba eu en plena fabricación dun mundo imaxinario cheo de razas extrañas coas súas linguas máis extrañas aínda. Eu inventei un son distinto de "q" para distinguilo de "k" e ata había palabras con tres "r" seguidas ( non é tan raro; se te esforzas es capaz de pronuncialo ). Bueno, ao que ía: todo isto está ben para un neno ou para un escritor ou guionista pero o que non me parece normal é este " Cochilrra " mal escrito nun sinal feito por adultos.

Monday, January 10, 2011

A columna do saber


Hoxe o Leo estreou cole que o vello van tiralo. No vello cole estudei eu e ten columnas como esta. Nunha ocasión tapei os ollos e quixen probar como facían os cegos para desprazarse pero rematei petando contra a columna. De resultas diso rompín un dente e botei unha longuísima tempada indo a un dentista. Esa foi a parte mala da historia da columna do saber. A parte boa foi que miña nai me mercaba " Joyas literarias juveniles " para amenizar a espera na consulta e a viaxe en autobús e esa foi a parte boa porque gracias a iso collinlle afección á leitura e muito do que hoxe sei débolle a unha columna destas.
Vaia este posteo por esa columna que lle queda pouca vida.

Saturday, January 8, 2011

Empezan as rebaixas


Remataron as festas e comezan as rebaixas. Búscanse por todas partes ofertas e gangas e atopas cousas curiosas coma este logo que non sei se terá mensaxe escondida.
Ata o Leíño sabe que o A non ten puntiño e aínda menos dous coma cabezas !.

Monday, January 3, 2011

Non podo aguantar máis


Xa non se pode ocultar por máis tempo así que podo dicir que leoeosseus vai ter un " seu " ou " súa " máis na casa alá para xuño.
Estamos vivindo momentos de ledicia contida !.

Ilustración preciosa de Carmen Blanco no libro " Historia da lúa " de Claudio Rodríguez Fer da editorial Galaxia.

Sunday, January 2, 2011

Empezou o 2011


As uvas foron un desastre para o Leo que miraba que corría a conta e el non era capaz de comer máis rápido. Iso si, este ano non esquecemos brindar de pé enriba das cadeiras que é costume arxentina. O Leo calmou o seu choro rallante de sono admirando a foguetería que invadiu o ceo dende O Barriño, As Veliñas, O Pouso, Ghodón e O Ferral. Despóis na cama tiven que inventarlle un conto con Jonistán e Noddy porque esquecemos traerlle contos e gustoume a cara de ilusión que puña o neno.
O primeiro de ano trouxo agasallos atrasados de Papa Noel e un paseo tranquilo pola beira do río semirrecuperado de Vilaguindastre.
E o día de hoxe seguimos desfrutando co tempo case primaveral pola zona da Madroa e Trasmañó con comida nun sitio-mirador altamente recomendable. Houbo máis agasallos de Papa Noel e do Apalpador e parolada sobre o touro fuxido do Porriño.
Mañá é luns e empeza o traballo outra vez.