Thursday, April 28, 2011

Cincuenta e cinco meses ( e un día )



Aí o está cunha das súas rotinas adquiridas. Cando imos de paseo polo río ten que levar unha viseira ( sempre temos que pedirlle unha ao tío Nan ), un pau para defender as ovellas do lobo e os petos cheos pero ben cheos de pedriñas da vía do tren. Logo clasifica a todo o grupo que o acompaña en rei, raíña, príncipe, guía, etc. ou ponnos nomes dos pingüíns de Madagascar.

Agora xa non ten un amigo imaxinario; ten tres !. Son o imperecedeiro Jónistan e máis os novos Finogordo e Llaques.

No cole segue ben e cos mesmos amigos e un día estaba desgustado porque Noé nin Álex quixeron o conto que lles ofrecía e o Leo non quería ir á biblioteca municipal porque ningún dos seus amigos vai.

Anque cada vez está máis activo e rebelde aínda se entretén ben só e coas súas historias inventadas e así o outro día pasou esta anécdota. Iamos ir a Portugal un par de horas e preguntámoslle se quería vir conosco ou quedar cos avós. El dixo: - Non vou. Cando veñas cóntasme que tal o pasache.

E que siga a conta !.

Monday, April 25, 2011

John


O bo das vacacións é que se xunta a familia e achegados. Así estes días en Arbo houbo conversas en tres idiomas e muita leria. Un dos achegados é John, un home grande e simpático que proba de todo: dende lamprea a licor café. É tan simpático que se ofreceu de escravo de avóM por dous anos para aprender a facer viño ( e hoxe soubo o que é embotellar ) e por cinco anos de escravo de avoaM para aprender a cociñar. Estivo vivindo na India, centroamérica, China e muitos lugares dos Estados Unidos e conta anécdotas de todos os tipos.
A min impresionoume a que contou de Panamá. Estaba no exército e estaban de manobras na selva. Ían de noite sen ningunha luz, en silenzo e en fila india. El ía segundo coa búsola e notou un cheiro a menta ao redor. Foi abrir a boca para comentalo e caiulles enriba un niño de formigas asasinas que os obrigou a fuxir todos trabados. Despóis de varias duchas e mudas de roupa aínda aparecían formigas doce horas despóis.
Impresionoume muito a historia e lembroume a marabunta de cando a mirei na tele sendo un neno.
A ver cando toca máis reunións de clan !.

Wednesday, April 20, 2011

Chocos e mostros


Estes días atrás retirouse na torredocaminho o " Manitas malfalado ". Así que hoxe trouxo empanadas de chocos " da casa " ( pescados polo fillo ) e viño e estaba todo mui bo e seino de primeira man porque me tocou traballar muitas horas e comín nos dous tempos para o taco.
O malo foi que hoxe botei pouco tempo coa familia. Iso si, o Leo tivo tempo para ir apagando as luces da casa na noitiña e dicirme: " Ahora vai vir un mostro e vaite levar ao traballo outra vez ".
Menos mal que todo quedou na imaxinación do neno e nos nosos risos !.
Na foto sae unha das últimas notas típicas que deixaba para Ross Jonander.

Sunday, April 17, 2011

Arde o pazo

Onte acerqueime ata Mos onde celebraban os veciños a terceira edición de " Arde o pazo ": unha festa onde recrean a chegada das tropas napoleónicas á zona en abril de 1809. O día estaba espléndido para a festa e había xente vestida de campesiños da época, de marqueses e de franceses. Tamén había mercadillo e postos de artesanía e gastronomía. O Leo asustouse un chisco cos tiros e estaba o fotógrafo omnipresente.

Friday, April 15, 2011

Agasallo da matrona


A matrona agasallounos cun paquetiño para falar e xogar coa bebiña. No paquete hai de todo: vén unha listaxe de nomes e apelidos galegos, xogos para facer rir e arrolos estilo Orella pendella, unha pegatina para o coche ( xa está posta ) e incluso un CD cos arrolos que tamén teño no coche para ver se os dou aprendido... que é o difícil !.

Thursday, April 14, 2011

Aprendamos inglés

Escuitado nunha clase de inglés:- Profe, " No sé " en inglés sé que es " I don't know " pero " No te sé "; ¿ cómo se dice en inglés ?. A imaxe está tirada nestas terras e representa o muito que me queda por aprender de inglés. E logo din algúns que nos impoñen o galego.

Friday, April 8, 2011

Para querelo


É feliz cando corre e cando lle len. Fedella nos mandos dos radiadores. Aprende a contar anos nos aneis dos troncos das árbores. Canta no coche o Waka Waka ou Mamacabra. E fai muitas máis cousas.

Non me extraña que cando lle pregunta a nai que soñou pola noite el responda: - " Nada. Non tuven tempo ".

Para querelo.

Tuesday, April 5, 2011

Aclarando termos


As vosas peticións piden resposta así que vos deixo unha foto dun oitocóptero que é un oktokopter ou helicóptero de oito hélices. Seica ten unha estabilidade máxima no aire e serve para cargar unha cámara e filmar dende o aire. Non é un invento galego ( supoño ) e só ten de galego o nome que lle puxen eu. A foto topeina na interrede porque eu non posúo un becho destes.

E a imaxe do posteo anterior retrata unha trituradora de uva como podes comprobar aquí.

Espero aclarar dúbidas.

Sunday, April 3, 2011

Sempre orgullo


Non fai falla buscar muito para sentir orgullo.


Escuitando a xente coas ideas ben claras.

Ou sabendo de rapaces novos que retratan o seu mundo e poñen música que lle acae.

Saturday, April 2, 2011

Morreu Himahe


Hai case un mes sesenta traballadores de Vilaguindastre toparon a porta do traballo fechada ás seis da mañá. Pasaron as horas con incertidume e asomou a cara o xerente. Mandou entrar á xente á sala de xuntas e na mesa tiña cada persoa un sobre coa liquidación pagando corenta e cinco días por anos e as vacacións íntegras deste ano. Todo estaba legal e a empresa fechaba liquidando as contas cos empregados e así morreu Cuq, o antigo Himahe co letreiro irónico de rúa Progreso na súa parede. Todo legal pero unha mala faena á fin e máis correndo os tempos que corren.


En fin, eu prefiro lembrar os risos que botei hai muitos anos cun empregado. Resulta que o rapaz tiña un reloxio de propaganda da empresa co nome Himahe, tal como soa. Unha noite foi á zona do Areal de Vigo de marcha e apareceulle un pijo por alí que se fixou no reloxio. Colleulle a man para mirar o reloxio de cerca e espetoulle: - Anda, un " Jimajei ". ¿ Es buena marca ?.

Friday, April 1, 2011

Camioneiro última xeración


Non deixo de abraiar coa personalidade da xente e así coñezo máis a fundo a un camioneiro " last generation ". Gústalle a informática e a interrede e le nun ebook mentres espera para descargar o camión. Como é camioneiro ten unha pegata da virxe de Fátima que é unha virxe viaxeira, seica e, de mistura; pon na viseira do seu camión o nome da Virxe en código de barras !.

Está visto que novas tecnoloxías, xuventude e vellas crenzas non teñen por que ir desparelladas.

Se queres pasar calquera texto a código de barras podes facelo nesta ligazón.