leoeosseus

Wednesday, 29 June 2011

Cincuenta e sete meses ( e dous días )


E aí o está co regalo que " recibiu " da nai o outro día. Mentres estivo a nai e Xela no hospital, o Leo tivo que repartirse coa tía Kasege e o tío Nan e a avoaE e avóP e portouse ben. Muitas gracias a estes cuidadores de primeira, por suposto.
Onte deille a Leo a nova de que iamos buscar a Xela e a Naideleo e foi de admirar como abriu os ollos de contento. Díxenlle que iamos os catro á casa e preguntou que a que casa e díxenlle: " Á nosa que agora somos unha familia de catro ". E volveu abrir os ollos como pratos e puxo un sorriso que lle cabía o mundo. Pobriño. Seguro que na súa cabeciña rondaba a idea de que o iamos deixar noutra casa sen nós.
E mui ben, esta noite foi a primeira na casa dos catro xuntos e portáronse ben os dous e o Leo volveuse aledar cando saimos por primeira vez de paseo os catro xuntos.
Dende logo, a pesar das arroutadas que lle dá ás veces, Leo é un santiño.

Labels:

Friday, 24 June 2011

Habemus nena !!!


Mentres o cheiro do fume e o ruido dos foguetes da noite máxica do san Xoán entraba polas fiestras do hospital, dentro ocorría o marabilloso milagre do nacemento de Xela.



Naceu ás tres menos vinte da madrugada e pesou 2,860 quilos.
Esta nena tranquiliña e xeitosiña deixounos a todos felices e aliviados.
Agora trátase de cuidar a familia que iso é o primeiriño neste mundo.

Labels:

Wednesday, 22 June 2011

Na prórroga


A nena xogou todo o tempo do partido e agora está no final da prórroga.
Os ceos que está a perder teñen un azul húmido fermoso.


As uvas deste ano prometen.



E a ver se probamos este agosto os kiwiños por primeira vez.




A nena perde o fin de curso do Leo hoxe pero retrato para a posteridade as súas simpáticas listas da compra.


E non queda outra: seguimos á espera.

Labels: , ,

Friday, 10 June 2011

Pasa o tempo


Hai solpores fermosos.


Os nísperos xa maduraron de máis.



E dedícome a cazar osos de peluche xigantes en forma de nubes treboentas.


Pasa o tempo e agardamos que chegue a nena.

Labels: ,

Tuesday, 7 June 2011

Destremando



Mentres non nace a nena seguimos coa mesma rotina e o domingo fomos a Arbo. O avóM quería mostrarnos o patacal do Reghengo e alá fomos coa bisavoa Celia que saiu da casa despóis de muitos días pachucha e gozou destremando as patacas.

Chámalle destremar a distinguir as castes de patacas pola forma das follas, o tamaño e as flores.

Na foto de arriba está xunto a patacas Kennebec ( a bisavoa Celia chámalle Quenia ).



Na foto do medio está Leo con patacas Desirée que son roxas e boas para fritir.
Este ano están grandes porque botaron esterco de burra en canto de esterco de coello.




A min gustáronme as Jaerla ( gherla en Arbo ) que son temperás e mui boas para guisar e que este ano saíron pequenas pola pouca auga que houbo pero duriñas, sustanciosas e sans coma nunca. A bisavoa riu pensando en que antes se lle daba aos porcos estas patacas cando saían así de pequenas.

Labels: ,

Saturday, 4 June 2011

The final countdown




Empezou xuño coas formigas aladas e as anduriñas voando os ceos. En Vilaguindastre florecen concertos e inchables e o fotógrafo omnipresente está alí. Dúas rapazas falan de dietas mentres comen sen problemas dúas pizzas medianas e un litro de cocacola. No traballo loce unha foto de Ait Ben Haddou para relembrarme canto me falta por visitar no mundo. E a canción " The final countdown " está presente nestes últimos días de espera pola nena.

Unha curiosidade: no minuto 3:03 cantan en galego e din " Meu pai non canta ".

Labels: