leoeosseus

Friday, 30 September 2011

Setembro rematou

Non sei a ti pero a min sempre me quedan atrás fotos e ideas para postear.
Neste mes de setembro houbo algúns.



Este cartel serve de mostra da fusión entre os vellos tempos e os novos. A festa do Libramento de toda a vida misturada con música actual.




Este pazo de Alxén en Salvaterra semella un bo escenario para unha serie de televisión.




A xente é mui porca e tira pantallas de ordenador en calquera lugar.


Eu andaba á busca de natureza silvestre e mira que topei.





Na mesma zona está esta indicación duns que non saben o que escriben.







Esta estatua está en Vide, As Neves, e pensei que era dun neno comendo un xeado. Cando parei non dubidei que tiña que fotografala: non todos os días uns veciños adican un monumento a un veciño que estivo sempre aí á hora de animar a vida cultural e festiva da parroquia.


Creo que é millor adicar unha estatua a unha persoa así e non a un soldado ou un político.







Esta mancha nunha porta parece a cara dun home. Se chega a parecerse á virxe habería peregrinación ata este lugar.






Aquí queren vender grazas á imaxe de Deus nunha piscina cos anxos. Tamén din que os prezos son da Terra. Pero como queren vender non din que as hipotecas son un inferno.





Esta empresa nas festas de Vilaguindastre ten un nome que máis semella un anuncio de preservativos.






Quedan poucas ocasións para ver as parellas de parrulos que queren tranquilidade.






E en Arbo hai dous novos inquilinos que están aprendendo a comer verzas. O malo para eles é que non lles queda demasiado tempo.




Isto, entre outros temas, foi o que deu de si o mes de setembro para min.

Labels:

Tuesday, 27 September 2011

Cinco anos

Hoxe Google está de aniversario pero non é o único.



O Leo fai hoxe cinco anos que logo se di !.




Seguen existindo os seus amigos imaxinarios que levan unha vida paralela co noso mundo e así van tamén ao cole, teñen irmás e viven perto de nós.
Vai madurando aos poucos e así perdeulle o medo aos cachivaches da festa e aí o vai montado no tren preconstitucional da festa.
Agora faltaba a proba principal a ver como reaccionaba se apareceran os cabezudos.



Gústalle estar soíño xogando ás súas historias pero cando hai que xuntarse cuns amiguiños para xogar ás bolas, merendar, soprar as candeas e recibir agasallos aí o está.

Preguntámoslle que tal hoxe no cole e se xogan xuntos maiores e pequenos no patio e díxonos: - " Os maiores xoban no outro patio. No noso xobamos os pequenos da miña jaula i os das outras jaulas ".

E agora quedou frito na cama despóis de tanta bricadeira que a vida continúa.

Labels:

Sunday, 25 September 2011

Cando eu era pequeno ...


Recibín un convite do Robinson Kaplan e acéptoo anque non quede ao seu nivel.
Antes de nada teño que dicir que non lembro muito daqueles tempos en branco e negro dos meus dez anos para atrás e tampouco fun eu mui fedello que digamos.

A maior trasnada que cometín foi a medias coa miña irmá Kasege que deixamos pechada á nosa nai no faiado. Entrábase por unha porta sen fechadura que estaba sempre aberta cunha bombona de butano atrancándoa. Nós apartamos a bombona e a nosa nai quedou alí porque subira a pendurar a colada. A todo isto estaba a comida no lume e o meu irmán pequeno no berce. Miña nai tivo que arrincar unhas tellas e pedir auxilios dende o tellado ata que chegou un veciño. Dende aquela quedaron impresas as rabuñaduras de miña nai na porta aquela e dá arrepíos pensar o que podería ter pasado.

Lembro unha vez que me perdín. Acostumabamos ir ao monte Castro os domingos para coller cogumelos ou pasear. Eu quedei atrás e logo non topei á miña familia. Como sabía o camiño fun ata a casa a esperar no portal ata que apareceron meus pais xa de noite e todos preocupados.

En canto a leitura dicir que eu era de tebeos e non había muito libro para nenos na casa. Lembro estar enfermo na cama e ler libracos ilustrados de Culturas ou Historia. Logo cos Nadais foron aparecendo libros infantís e eu lin e relín varias veces Robinson Crusoe.

Da igrexa apenas lembro algo. Foi facer a primeira comuñón e non volvín. Lembro rematar as misas e ir xogar cos amigos ás canicas, aos trompos, ao cacharro ou ao fútbol antes de xantar.
Tamén lembro imaxes de domingos asociadas a tabernas con cuncas de viño para os maiores e Mirindas compartidas para os pequenos. Estabamos rodeados de fume de tabaco, ruido e co chan estrado de cascas de manises. Non podo pasar por alto ao famoso mono Claudio que estaba nun bar da praia de Coruxo.

Cando nos mudamos do bairro da miña primeira infancia quería enfermar de nostalxia como Heidi para non marchar dalí pero fun dar a un pequeno paraíso en Coruxo o verán de 1976. Lembro ir case todos os días á praia andando pola vía do tranvía abandonada e non sei polo que pero asocio esta imaxe a Tom Sawyer. Chegabamos á praia e non nos podiamos bañar para gardar o tempo da dixestión e aproveitabamos para percorrer os cons e apañar ducias de matahomes e queimacasas.

O tempo pasa e rematou ese verán e exactamente hoxe cúmprense trinta e cinco anos da mudanza para Vilaguindastre. Pero iso xa é outra historia.

Labels: , ,

Saturday, 24 September 2011

Terceiro mes



A xoubiña vai medrando a quilo por mes e sen muitos problemas. Aguanta ben a cabeza e ri e conta " contiños " mentres bota burbullas pola boca. O outro día deu media volta sobre o seu corpo por primeira vez e cando está debruzada quere agatañar. Leva bastante ben os gases e as viaxes en coche e protesta máis cando quere durmir que cando quere comer pero tampouco é tan grave.

E que siga así !.

Labels:

Thursday, 22 September 2011

Lerias de Leo



O Leo non para de falar e cando non sabe inventa.


O outro día saiu da casa co primeiro libro que colleu da nosa biblioteca que era unha guía de Oviedo. Dixo que ía ler o conto e empezou: " Hace añísimos..."


Na foto sae co libro de Pelogato 24 que ten CD coas letras e inventaba unha canción mentres andaba: " Agora hace una mujer desnuda en un carballo ".


O outro día estaba Leo no parque co amigo X. e remataron mal como acostuma pasar entre nenos. Naideleo díxolle que lle pedise perdón a X. e Leo dixo: " X. tonto ". Naideleo enfadouse: " Leeeo !". E Leo autocorrixiuse: " Ah, vale. X. estulto ".


Para estas cousas vale ben un blogo.

Labels:

Wednesday, 21 September 2011

Adeus verán



Na foto retrato un cacho de uva Loureiro que xa non existe como tal , estruchado e fervendo para facer viño .

Non sei a ti pero para min o verán remata cando remata a vendima, empeza o cole e empezan as festas de Vilaguindastre. Tamén agora as tardiñas son frescas e hai que pór pantalóns longos e mangas longas.

Outro feito máis: queda pouco para o aniversario de Leo !.

Labels:

Sunday, 18 September 2011

Intento


Co inicio do curso hai que buscar algunha actividade extraescolar para Leo que lle guste. O asunto non é nada doado que o rapaz é tímido e cústalle socializar. Probamos a metelo nunha asociación de baile onde está un compañeiriño de clase pero non lle chistou a idea e iso que Naideleo o invitou a gominolas para que probase a bailar. Cando marchamos do local Naideleo díxolle: " - Non fago máis tratos contigo. Quedamos en que che compraba gominolas e ti probabas a bailar." O Leo, mui espabilado para o que lle convén, retrucoulle: "- Eu pensaba que o trato era solo que eu comera gominolas. "

Labels:

Thursday, 15 September 2011

Inicio do cole



O Leo empezou o cole o luns pasado. O pobriño pensaba que lle ían tirar o cole novo do ano pasado e ían facer outro porque coincidiu que todos os cursos cambiou de edificio pero, claro,non foi así. O que si cambiou foi a profe que xa non é unha chica cun tríscele no colgante e que fala galego. Pero este non foi o único cambio. O ano pasado ninguén nos dixo que ía ter relixión e levamos unha sorpresa no Nadal cando o Leo quería buscar a Herodes que mata aos nenos por todos os Nacementos. Podemos pasar iso, vale; que non nos avisen de que hai opcións arelixión e que lle metan cousas extrañas na chencha ao neno. Que o libro de relixión sexa o único en castelán, vale, tampouco é problema para nós. O que si non se pode pasar é pagar por un libro que ensine cousas como a da imaxe: o pai e o neno a xogaren e a nai a varrer. Este ano o Leo vai dar alternativa e a ver que sae daí.

Labels: ,

Wednesday, 14 September 2011

Premio Raiola



Recibo o Premio Sunshine Award ( Premio Raiola ) dende o blogo de Zeltia e estou agradecidísimo de que alguén se lembre de min no momento de conceder un premio.

Non sei mui ben de que trata o premio e o que hai que facer pero creo que hai que ligar o blogo premiante e darlle este mesmo premio a outros doce blogos, deixar a ligazón e explicar a razón pola que se premian.

Eu non quero obrigar a ninguén a seguir este meme así que lle dou o premio a doce blogos que agora mesmo están parados e que no seu momento me aprenderon cousas, divirtíronme e fixéronme pasar mui bós momentos.

Aquí deixo a listaxe e lembra que os millores momentos destes blogos e de todos adoitan estar nos inicios así que se te animas a mergullarte neles vai aos vellos arquivos. Hai de todo como en botica !.













Labels: ,

Monday, 12 September 2011

Sigo entre uvas








Neste tempo non só se vendima. A uva despóis de vendimada ten que ser estruchada na espaleadora que separa a uva que vai para o barril do cangallo que hai que tirar.



A uva bota varios días a ferver no barril e hai que ir baixándoa coa ghaia para que estea toda mollada e non borde.

Na foto de arriba retrato a ghaia e o barril.










Cando deixa de ferver hai que cambiar a uva de barril e hai que pasala a un barril limpo de sarrio.

Na foto de arriba aparecen un medio de branco e un bocoi con sarrio antes de limpalos.





O que queda no primeiro barril despóis de pasar o seu líquido a un novo barril chámase baghazo e hai que metelo na laghareta para prensalo e aproveitar o líquido resultante da espremedura.




Este ano houbo tanto tinto que avóM. mercou un depósito de mil litros de aceiro inox.

Na foto retrato o depósito ben roxiño cando baixa o viño.

E mentres o viño tinto ía facéndose na adega houbo que vendimar uva branca híbado pola tarde.


Pero tamén hai tempo para tirar algunhas fotos bonitas.






Labels:

Thursday, 8 September 2011

Vendima 2011





Nótase que hai crise que a vendima se adiantou e vén máis farturenta que outros anos e así a adega non quere máis uvas que os dous mil cincocentos quilos do cupo e o resto hai que tragalo. Menos mal que apareceu outra adega que quedou cos máis de mil quilos a máis de Albariño que produciron San Benito, Soutelo, Suborribas, Correlos, O Couto, Tumbalobos e As Carmelas.



Levamos unha boa farta os dez vendimadores contando o primeirizo curmánD con doce anos.



Agora queda a Treixadura para a adega e as tintas e híbados para a casa pero iso é outro cantar.



Na foto uns cachos de Albariño non mui grandes que había outros coma rapaces pequenos.

Labels: ,

Saturday, 3 September 2011

Maxia




De todos é sabido que a necesidade agudiza o inxenio e así pasou este conto.


Un enxeñeiro da empresa que fabrica os Uro ( únicos veículos verdadeiramente galegos ) sentía mágoa de seus pais e outros maiores que coñecía que non tiñan carné de conducir e tiñan que ir ás verbenas á chuvia. Que fixo este enxeñeiro ?. Pois creou un veículo pechado para xente sen permiso de condución. Levou o proxecto a varios empresarios e só houbo un que se comprometeu a realizar o proxecto. Iso si, o veículo non podería chamarse Maxia como quería o enxeñeiro que non ía vender nin o primeiro cun nome en galego, ese dialecto que non vale para nada; así que o enxeñeiro puxo o nome en galego raro, deulle a volta ao pensado e puxo o nome máis comercial, molón, chupiguai e fashion da historia e quedou como Aixam que, seica, é máis moderno e soa millor.

Labels: