leoeosseus

sábado, 29 de outubro de 2011

Calacús e pitufos


Onte celebraron o Samaín-Halloween no cole do Leo e el di que o pasou mui ben. Foi disfrazado de fantasma e levou o calacú da foto. Había un concurso no cole e houbo muitos calacús mui traballados e artísticos.
Xa hoxe tocou sesión de cine cos Pitufos e Leo aguantou toda a película. Tamén hai que dicir que a película está mui ben feita e é entretida.

Etiquetas: ,

venres, 28 de outubro de 2011

Viaxiña ata Ourense



Hoxe fixen unha escapada ata Ourense acompañado da miña irmá Kasege. Visitamos as exposicións do pintor realista Modesto Trigo e a do pintor abstracto Roberto Vila. Despóis aínda demos unha voltiña polos arredores do centro cultural da deputación de Ourense e topamos unha tendiña chea de monequiños de todas as épocas. De alí saímos cun parchís dos pitufos de agasallo para Leo.

Días coma este, tan fóra das rotinas, merecen ser lembrados sempre.

Etiquetas: ,

mércores, 26 de outubro de 2011

Tempo de amorotes


Chove con forza e ganas e a chuvia tira abaixo cos amorotes que teño diante do portal.
Estes fruitos son algo alucinóxenos e forman parte de lendas. Tamén hai sitios onde fan licor co eles e, tirando do fío, ata aparece un cantante de Australia algo "perxudicado"  adicando unha canción country a este licor típico do Algarve.

Etiquetas:

luns, 24 de outubro de 2011

Cuarto mes



E aí está Xela !. Sorrí cando lle sorrís e quere erguerse e mirar o mundo. Agora empeza a xogar cos seus pés e non hai millor xogo para ela. Non para un momento nin para comer. Cando ten sono ponse pesada e mete o polegar esquerdo para durmir. A pediatra dixo que non é problema durante o primeiro ano. Como non para durante o día, na noite dorme bastante.

Etiquetas:

luns, 17 de outubro de 2011

Culpabilidade




Levan máis dun mes coa mesma rotina anque cada día son menos xente. Chegan ás seis da mañá dos días laborables e extenden un cartaz diante da fábrica que di " Xefes Islas especuladores ". A esa hora son catro ou cinco persoas e despóis das nove da mañá cando recollen serán unhas quince. Non cortan o tráfico nin berran nin molestan. Están aí para facérense ver e máis nada.


O outro día pasei por eles co bocadillo cara o meu coche para ir ao traballo e mirei para eles. Normalmente están de leria entre eles e nin se decatan da miña presenza pero ese día un quedou ollando para min e o meu bocadillo. Eu non puiden aguantar a súa ollada e mirei para o chan. Entroume como unha mistura de vergonza e culpabilidade por ter eu un posto de traballo e eles non que me bateu no corazón.

Etiquetas:

domingo, 16 de outubro de 2011

A deshora



Non fun pero gustoume a frase para convocar a xente. É como o dito chinés que di que toda viaxe longa empeza cun paso ou que bago a bago enche a vella o cabazo.

Etiquetas:

sábado, 8 de outubro de 2011

Expresións e Cangas



O outro día fomos a Vigo facer unha xestión que nos saiu ben e lembrei o que se di no caso oposto: cando vas facer algo a propósito a Vigo ou calquera sitio e non o dás feito. Por aquí dicimos " ir a Vigo por ver Cangas ". Outra frase que dicimos coa palabra Cangas é " vai chorar a Cangas " que significa que podes pedir o que queiras que non se che vai conceder.

Entroume a curiosidade por saber máis destas frases e preguntei a Google en galego e mandoume á ligazón dun libriño de fraseoloxía de Matamá onde topei estas frases e outras cousas simpáticas ou curiosas como as que poño neste resume tal como vén numerado no libro:

- 4. a cara de can: pagando cada un o seu.

- 43. botar a vida dun can: tardar moito tempo nalgún sitio ou en facer algunha cousa.

- 59. cagar o can diante: malograrse algo que se tiña previsto.

- 117. empreñar de vento: crer todo o que lle din.

- 153. mirar para dentro: durmir.

- 158. mollar o ollo: chorar.

- 180. tío de América: a menstruación.

Podes curiosear máis frases e expresións na ligazón esta.

A foto é de Cangas en sepia no ano 2005 e está feita por min.

Etiquetas:

xoves, 6 de outubro de 2011

Remataron as festas


E houbo de todo. Dende as inevitables fallas de ortografía nos cachivaches ...



Pasando por momentos de diversión...



Ata protestas na festa dos callos ...


E semella que seguimos no verán.

Etiquetas: