leoeosseus

Sunday, 27 May 2012

Touras " everywhere "



Coa cercanía do verán e as festas patronais as comisións de festas buscan cartos onde sexa. Multiplícanse bingos, sorteos, campionatos de tute e outras actividades co fin de recadar o máximo posible. Para chamar á participación poñen de reclamo muitos produtos alimenticios como follas de bacalao, aceite, años, porcos e touras e aquí foi onde se me parou o ollo. As touras semellan uns animais míticos que valen o mesmo de cuarto ca de quinto premio e que poden ser regalos a máis sobre premios coma se se multiplicasen por xeneración espontánea.
O dito, hai touras " everywhere ".
Sorte a quen opte por elas.


Labels: ,

Thursday, 24 May 2012

Undécimo mes


Aquí temos o fervellico da casa. Alá a vai ela a onde hai movemento. Se abrimos unha porta, ela vai atrás e dá o mesmo que sexa a neveira, un armario ou a porta da casa. Desprázase a toda velocidade agatañando, co correpasillos ou enganchada a unha man dun adulto e onte deu o seu primeiro pasiño sen decatarse. Calquera día destes sóltase.
No comer segue sen emocionarse demasiado pero parece que quere comer comida de maiores que bota para atrás cando mira unha papa ou un iogur. Ten seis dentiños e un sorriso fácil e meigo. Tamén ten muito carácter e chora se non consegue algo. Dorme bastante ben anque con horarios irregulares, tanto dorme sesta de mañá como de tarde, sen horario fixo. E segue sen gustarlle espirse ou vestirse ou mesmo cambiar o cueiro que chora que parece que a matan.
En fin, nada novo para quen tivo un neno, verdade ?.

Labels:

Sunday, 20 May 2012

Números agrarios



E falando de números hai que falar dos números agrarios. Estes números danse, como indica o nome, nas zonas rurais. Acostuman aparecer a última hora de domingo ou festivo cando toca deixar a zona agraria e familiar que se visitou e chega a hora da volta ao domicilio laboral e escolar do resto da semana. Estes números acostuman ser múltiplos por un e medio, por dous ou máis de outros números nomeados anteriormente. Explícome.Vai a avoaM e di: "- Queres levar ovos ?. " Eu dígolle: "- Vale, pero só media ducia. " E vai ela e dá unha ducia ou ducia e media e aínda di, cáseque pedindo perdón, que non ten máis para dar. Este é un exemplo pero vale para todo tipo de produto agrario como fruita, patacas, cebolas, hortalizas, pratos feitos, etc. etc. E non vale de nada queixarse porque a avoaM espétame un "- Benocomes. " que non dá lugar a seguir discutindo.
Ben poderían aprender desta xenerosidade dos números agrarios tanto o Estado coma os bancos pero para min que vai ser que non.

Labels:

Saturday, 19 May 2012

Números


Ao Leo encántanlle as cancións e os contos relacionados con números e mentres come conta o número de letras que teñen as palabras que lle pasan polo maxín. Así non é de extrañar que o outro día me preguntase cal é o nome do número máis grande e eu cheguei á conclusión de que era o catrillón porque non coñecía un número máis grande. Cando o deitei busquei na interrede e descubrín que o número máis grande con nome é o " gúgol " que é un 1 seguido de 100 ceros. Ese nome inventouno un neno de 9 anos e deu orixe ao nome de Google que vén a ser " googol " mal escrito. E grazas a Leo tamén descubrín que hai un número curioso e simétrico que resulta de multiplicar 111111111 por 111111111. Ese número non é outro que 12345678987654321.
Está visto que os fillos non só nos sacan de paseo senón que tamén nos aprenden cousas !.

Labels: ,

Thursday, 17 May 2012

Baldío


Hoxe é o día das Letras Galegas e non miro millor motivo para ofrecer dúas frases que aprendín hai pouco.
O outro día falaba un camioneiro cousas dun novo compañeiro e dixo: " non o poñas na miña boca " que vén a significar " non digas que cho contei eu ". Isto contoumo un compañeiro que cando lle piden un sobresforzo no traballo responde: " Ei, tranquilo; ou pensas que isto é baldío ?. " que vén a dicir que muita xente se aproveita do baldío facendo a ecuación simple de que o que é de todos non é de ninguén e así faise de todo no baldío.
E falando de baldío tamén nace de todo como os xoios da foto que protagonizaron grandes batallas da miña infancia actuando de frechas que se cravaban na roupa e no pelo.
E para que non caia en baldío este día das Letras pola miña banda aparte das frases que escribín e o nome da pranta poño unha ligazón a unha máis que interesante páxina sobre o galego con muitos recursos e que ten para perderse nela como por exemplo cos cantos dos paxaros.
PD: Eva infórmame dunha ligazón boísima sobre os paxaros e teño que deixala aquí. Ademáis está creada en Vilaguindastre !.

Labels: , ,

Sunday, 13 May 2012

Mediando maio




O tempo de chuvia dá un respiro e debuxa solpores espectaculares.





Pódese fotografar unha xoubiña preciosa sentada na herba.






Ou unha parelliña de irmáns atentos a varios paparazzis.




Tamén o menda pode ser obxectivo para a cámara do fillo aprendiz de fotógrafo.






Pódese cazar un grilo para " capar " ou buscar pedras.





Pódese ir buscar un tesouro de piratas a unha cova que non é máis que un óquele deitando auga abundante resultado de tanta chuvia.





Anque tamén hai tempo para axudar a moer millo para os pitos ou probar cereixas de cedo ou comer as últimas mandarinas da tempada.
En fin, isto e máis pasa a mediados de maio.

Labels: ,

Wednesday, 9 May 2012

Como pasa o tempo !


O outro día topei de casualidade unha bolsa dun comercio onde saían as palabras Nunca Máis. Fixeime máis e celebran os vinte anos desa tenda poñendo unha imaxe dun acontecemento por cada ano e hai que ver como pasa o tempo. Michael Jackson semella que morreu o outro día e xa pasaron tres anos. E Lady Di que ?, pois vai facer quince anos no verán !. E iso non é nada comparado coa película Forrest Gump que xa ten dezaoito anos.
En fin, o tempo voa e nós non o controlamos.

Labels:

Saturday, 5 May 2012

Festa da lamprea 2012


Outro ano máis Arbo celebra a festa da lamprea e haberá que comela e ben a gusto que quedo.
Como xa puxen algunha foto dese becho que nin á súa nai lle gusta a súa cara pois este ano poño o debuxo da rede con toda a súa nomenclatura. Xa sabes, para que non se perda isto. Esta rede ponse amarrada a unha especie de peiraos de pedra que se adentran no río e chaman pescos ou pesqueiras e que son antigos. Actualmente son propriedade de Fenosa mentres non constrúan un novo encoro e desaparezan afogados despois de levar dous mil anos en pé nalgún caso.
Pois nada, a desfrutar da lamprea mentres se poida !.

Labels: ,

Thursday, 3 May 2012

Buscando traballo


Nestes tempos de crise hai que espabilar e buscar en todas partes. Seguindo estes principios Manuel e Carlos reparan e constrúen tellados e ofrecen os seus servizos e o seu saber nun cartaz máis que correcto. Iso si, se esperan ter clientes angloparlantes creo que o teñen máis que crudo.

Labels:

Tuesday, 1 May 2012

A metade de prezo


Hoxe prometía ser un día repousado co este tempo alterado que case non deixa saír da casa cando a veciña de enfrente nos avisa de que hai un supermercado aberto en Portugal que ten todo a metade de prezo só hoxe. Alá collo o coche coa intención de abastecer a casa de comida, bebida e demáis produtos para a casa e o cuidado da familia. Cheguei e xa tiven que aparcar a trescentos metros do supermercado. Pola ganga non me importaba carrexar o carriño da compra ata alí. Na entrada xa avisaban que había que gastar máis de cen euros para que quedase a compra na metade e non se podía mercar nin textil, nin electrodomésticos. Se non se chegaba a cen euros había que pagar o importe íntegro. Entrei pola zona da fruita e collín peras e mazás e circulaba bastante ben co carriño pero foi un espellismo. No seguinte corredor xa non se podía andar pola cantidade de xente así que optei por arrimar o carriño e acercar produtos a el. Fun metendo friame, iogures, potitos para Xela, latas de fruita en almibre, pan de molde, zume, etc; vamos, o que atopaba por diante nun supermercado descoñecido para min. Ah, pero cheguei aos cueiros e xa non había dos que precisa Xela. Fun contra marea á zona de aceites pero só quedaban desas botellas pequenas de cristal para sibaritas. Fun collendo conciencia do que estaba pasando e fun ver as bebidas. Alí chegaba a cola da xente que esperaba para pasar por caixa e a cara da xente era un poema. E iso que xa ían saír !.Volvín atrás e fixeime no mundo de xente pedindo peixe e carne. A xente apenas camiñaba e había nenos que choraban. Os altavoces avisaban para que retirasen coches aparcados en segunda e terceira fila. Por todas partes parecía que a xente collía por coller nas " prateleiras " onde escaseaba todo e estaba descolocado. E parecía que cada vez aceleraban máis. Semellaba un asalto ao local ou que ía estalar unha guerra e nese momento tirei a toalla. Deixei arrombado o meu carriño da compra coas cousas dentro e o euro da chave e marchei para casa sen mercar nada de nada. Perdín os cartos do gasoil e o euro do carriño pero recuperei a paz. Non me pillan noutra así. Foi como a quinta baixada ao inferno.

Labels: