leoeosseus

Thursday, 27 September 2012

Seis anos


O tempo pasa por riba nosa a unha velocidade incrible e o Leo fixo seis anos hoxe xa !.
Onte tivo a festa cos compañeiros de clase no parque forestal de Beade e como o tempo estaba revolto tiveron que saltar no inchable dentro da cafetería. Despóis tocou merenda, tarta, entrega de presentes e discoteca. Pasárono mui ben e Leo volveu a casa carregado de xoguetes, roupa, contos e DVDs de Scooby Doo.
De aquí a pouco entra na idade do pavo !.

Labels:

Wednesday, 26 September 2012

Recolléndonos


Co este tempo outonal tan cheo de razón non queda outra que recollerse na casa ou saír a sitios cubertos que é o que lle gusta a Leo e desgusta a Xela. Así o luns tocou sesión de cine coa película " Tadeo Jones " ( Taveo segundo Leo ) e que estivo mui ben e entretida a pesar do incordio de levar gafas. Eu aínda rin un pouco co can e o loro e os soldados malos parecían clons dun tal Feijoo.
Na cama rin tamén hai un cacho cando lle contei o conto a Leo. Ultimamente o Leo anda un pouco desafeito a ler así que lle mandei ler uns títulos duns contos que xa leramos e cando lle tocou ler " Por que el cielo está tan lejos " cando chegaba á palabra " lejos " el estaba farto de ler e inventou " alto ". Eu rin un pouco e volvín sinalarlle a palabra para que a lese de novo. Desta volta leu " lonje " e aí rin máis que ata curei a moqueira momentaneamente. Eu non paraba de rir e o Leo contaxiouse e riu coma nunca. Eu xa choraba da risa pero aínda rin máis cando Leo deixou de rir e preguntou inocentemente:  " Por que rimos tanto ?. De que te ris ? ".

Labels: ,

Monday, 24 September 2012

Décimo quinto mes


Comezou o outono con forza e coincidiu cos primeiros quince meses de vida de Xela.
A xoubiña espabila con rapidez e xa anda lixeira e ata quere correr. Vai saudando á xente, a cans e a coches e manda bicos polo aire. Asinte coa cabeza e dá golpes no peito cando mira unha foto súa explicando que é ela a da foto. Quere subir e baixar escaleiras ela soa e fuchica e foza en todo canto hai. Está pasando malas noites porque lle están a nacer os últimos dentes de leite que son os cairos e algunha moa. Gústalle a música, a tele e os sitios onde hai acción e estes días coas festas de Vilaguindastre está no seu ambiente.
Que siga así !.

Labels:

Thursday, 20 September 2012

Revoltallo de tempos

 
Hoxe acerqueime a Vigo e as imaxes na zona do porto asaltáronme coma un revoltallo dos tempos.
Mentres paseaban os cruceiristas ingleses había unha protesta dos afectados polas preferentes de NovaGaliciabanco ou como se chame agora. Esta era a imaxe de rabiosa actualidade ( como se diría por aí ).
Eu ollaba a protesta dende a terraza do centro comercial que fixeron onde me vacinaron a min sendo un neno e a un paso de onde despedín ao meu avó que marchaba a Venezuela no trasatlántico " Begoña ". Esta sería a imaxe dos tempos pasados.
De muda testemuña estaría a figura do escritor Jules Verne que salvou por un peleiro a súa cabeza de ser arrincada por un tubo que están montando no fondo da zona de atraque.
 
 
 
 
 
 

Labels:

Sunday, 16 September 2012

Repetindo cando a cousa é boa



Hai dous anos a acampada na illa de Arousa abriunos as portas a ese miniparaíso e quixemos repetir.
Mentres Leo crea historias de piratas aínda lle dá tempo a cabalgar crocodrilos de pedra ou acarrexar cordas coma un penitente.
 


Xela é máis de explorar e saudar ananiños e ir visitalos unha e outra vez.
 

Tamén soubemos da nova da morte hai seis meses de Rocky, o loro pirata supervivinte dun naufraxio segundo unha lenda creada a propósito para animar a facer unha camiñada a Leo. Agora quedan no sitio de Rocky dúas ninfas que dixemos que son fillas daquel loro pirata.
 

No parque da illa hai un tren de madeira que serviu para facer de dinotren e estimular a imaxinación dos pequenos.
 

A auga non estaba quente como hai dous anos pero aínda o pasamos ben.

Labels:

Tuesday, 11 September 2012

Comezo escolar


O Leíño volve mañá á escola e non está mui animado que digamos pero é o que hai. Só espero que o pase ben, que xogue cos seus compañeiros, que lle guste a comida do comedor e que aprenda algo máis que os chineses que fixeron o xoguete da foto. Por suposto que non merquei este xoguete. Nin para Leo nin para Xela porque quero que " apreMdan " ben.

Labels:

Monday, 10 September 2012

Xela de anxiño



Como todos os anos celebrouse este ano en Arbo a misa pola Virxe do Libramento e este ano tocoulle a Xela levar as asas de anxiño que usa a familia dende hai máis de cincuenta anos. Tamén tiña que ir sentada no carro pero era mala hora para ela e non houbo maneira de que non saíse do colo dalgún coñecido. Este ano só había dúas nenas con asas e semella que esmorece o costume cada ano que pasa. Primeiro foi cambiar a xunta de bois por un tractor para tirar do carro e de cada vez hai menos nenas con asas. Tamén antes había festa e xa leva uns anos sen habela. Iso si, non mudou o baile de catro parellas e o amoreamento da xente e coches que interrompen o baile.

Labels: , ,

Friday, 7 September 2012

Efectos secundarios


Eu levo anos abondo vivindo en Vilaguindastre para enteirarme de cambios e de historias de xentes e lugares. Así sei que na miña parroquia a empresa química do ZZ esparexía os restos polos camiños haberá uns corenta ou cincuenta anos. A xente do lugar facía cartos fáciles levando o carro de vacas á fábrica, enchéndoo daquel veleno en forma de restos e botándoo nos camiños que mesmo semellaba xabre pero branco e dun cheiro forte. Pasaron os anos e apareceron veciños con cancros estraños e parece que hai unha relación entre os restos depositados pola parroquia adiante e estes cancros. Houbo algunha protesta apagada por falta de probas e de cando en vez tamén aparece algunha pintada referíndose ao DDT acumulado na zona.
Eu non sei se chegará a ser canceríxeno. O que si semella é que provoca outro efecto secundario como a dislexia á hora de escribir.


Labels:

Thursday, 6 September 2012

Xacemento arqueolóxico


Xa sabes. Se queres montar esta fachada no teu xardín ou facer unha casa pregúntame que eu sei onde están indo parar estas pedras numeradas.
Se non as recolle ninguén acabarán xuntándose coas da vella ponte de Vilaguindastre e rematarán converténdose nun xacemento arqueolóxico misterioso para as xeracións vindeiras.

Labels:

Tuesday, 4 September 2012

Máis avances



Mentres o Leo é capaz de subir a cordas altísimas e lanzarse por tobogáns, Xela aprende a dicir "pan" , "aba" para auga, "mamá" para chamar pola nai e "mam" para dame.
Este par non deixa de sorprendernos.

Labels: ,