leoeosseus

Saturday, 26 January 2013

Décimo noveno mes ( e máis dous días )

 
 

Na foto temos a alegría da casa. Segue comendo mui pouco pero iso non impide que estea activa a máis non poder. Gústalle explorar e repetir todo o que mira facer. Está enamorada do irmán e chámao coa súa lingua de trapo: " Lô ! Ven ! " cando senta para comer ou quere xogar co el. Saúda a todo o mundo e se entra alguén na casa alá vai ela saudar e logo pasa a presentar a familia toda.
Vai ampliando vocabulario e así di " ben ", " pe ", " ollo ", " tan " ( chan ), " bobo " ( lobo ), " ente " ( quente ), " pápoz " ( zapatos ), " lolo " ( colo ), " lulú " ( iogur ), " toi " ( sol ),  " llus " ( luz ), " too " ( cando remata algunha cousa ), " abí " ( cando pide para subir ou abrir ), " oto " ( cando sinala para pedir unha cousa ), " vede " ( verde que é a cor universal para ela ), " gazaz " ( gracias tanto cando dá como cando recibe algo ) etc, etc. Tamén segue algunhas cancións ao seu xeito e a ver se sae coa memoria e ritmo musicais do Leo. Encántalle a velocidade e dá voltas ao redor no asento xiratorio con forma de ovo que sae na foto, que semella milagre que non se maree. A velocidade é tanta que cando monta Leo co ela ten que pedirlle o irmán maior que pare. Outro detalle que ten é que gusta de andar descalza e de buscar lixos dos calcetíns entre as dedas. Tamén gusta de roubar calzado dos demáis e poñelo ela. Gústalle facer círculos con lápices e ao final fai puntos con tanta forza que rompe a punta dos lápices; iso si, empeza no papel e remata pintando na mesa ou no chan.
Na forma de ser hai que dicir que ten carácter e é teimuda. Incomódase cando non se lle cumplen os desexos. Por outra banda hai que dicir que é xenerosa e se lle dás unha galleta pide outra para o irmán.
Na guardería vai ben. Agora xa entra sen chorar e sae contenta. Preguntamos que tal o pasou e ela di " ben " e logo bota parrafeos no seu idiolecto supoño que explicando todo o que fixo alá dentro.
E así, aos poucos, vai Xela abrindo camiño.
 

Labels:

Sunday, 20 January 2013

Xaneiro mollado

 
 
Remata esta semana de chuvias e vento e así queda atrás o San Amaro para gardar os trompos no faiado e o San Antonio de xaneiro: se chove pon as pipas no fumeiro e se non chove no canteiro.
 
Por Vilaguindastre subiron as augas do río e case afogan os parrulos. A " humanización " do río sufriu a xusta vinganza da natureza e o nome de paseo fluvial adquire o rango de realidade evidente. O pior deste tempo é como entreter a dous pequenos nun piso tantos días sen saír.
 
Irase levando.

Labels: , ,

Saturday, 12 January 2013

Chegoulles a lúa

 
 
Chegoulles a lúa aos porcos en Arbo e agora están partidos e postos a salgar ou en zorza para facer chourizos, chourizas e ceboleiros.
Non fun onte matar pero fun hoxe para salgar e picar. O traballo vaise levando mentres todos van falando dos temas máis diversos con alegría e ata picardía. Foi volver lembrar partes do porco ( lagarto, solombo, carroleira, papadelas, riles, boche, courachos, paxareta, hombreiras, etc, etc ) e aprender un refrán novo, esta vez referido ao fillo maior; " o morghado ou é un tolo ou é un alambazado ".
Non sei se se repetirán tempos así que a avoaM ten muita pena dos animaliños que eran mansiños... anque di iso mesmo todos os anos !. 



Labels: ,

Friday, 11 January 2013

Facendo a zaina

 
Empeza o ano con frío e con indecisión. O traballo en Torredecaminho non dá levantado vó e botamos a xeira enteira a limpar por aquí e acolá. Rematei o ano pasado limpando arañeiras e empezo o novo limpando zanxas. Outros traballan un chisco e outros fan a zaina, ou sexa, fan que fan. Ás veces semellamos extras dunha película. Só espero que esta película non sexa un drama.

Labels:

Tuesday, 8 January 2013

Rematou o Nadal



O Nadal é máis que nada para os nenos e así desfrutan coa maxia das luces e figuras. A cara dos nenos na cabalgata ou cando abren os agasallos dío todo. O Leo abraiouse de recibir tantos regalos e iso que foi o que se portou pior da casa ( díxoo el ) e quedou marabillado da auga que beberon os camelos e as galletas que comeron os reis ( un debía ter présa que deixou migallas e un anaquiño da galleta ). Xela non se enteirou muito e aparte leva dende víspera de Reis maliña.
E así remataron estas vacacións para os nenos ata que cheguen as seguintes no entroido.

Labels: , ,

Thursday, 3 January 2013

2013 misterioso


Empeza este ano impar e só podo calificalo como misterioso porque non sei que camiño levará en todos os aspectos.
Irémolo descubrindo.

Labels: