leoeosseus

Saturday, 27 April 2013

Entre libros


No cole de Leo tiveron a iniciativa de cambiar libros por leite para familias necesitadas e Leo colleu o conto " Pinturiño " que ten boa pinta e que trata dun lapis que quere facer algo importante. Tamén no concello fixeron unha feira do libro e de artesanía e na biblioteca soltaron libros por puntos de Vilaguindastre e adiviña quen topou un. Si, topeino na piscina municipal e é " Dez " de Andrej Longo. O código BCID en BookCrossing é 149-11812003 e cando o lea xa o soltarei. O malo é a cantidade de leituras que teño pendentes. Terei que ler muito.

Labels: ,

Thursday, 25 April 2013

Vixésimo segundo mes ( e máis un día )


Pasa o tempo e Xela abre camiño pola vida adiante. Hai unhas febres misteriosas de cando en vez por aí pero ela aguanta. Come pouco e móvese muito. Imita ao irmán e gústalle coller cousas coas que anda a xogar el pero a ela non lle gusta que llas collan. Di muitas palabras e ata me corrixe ás veces con " culo ", " caquillas " ( cóxegas ) e outras. Gústalle estar co irmán e aproxímase con vergonza a outros nenos anque pronto xoga co eles. Non ten xoguete favorito e tanto anda cunha cousa coma con outra. Gústalle bastante a tele, pintar e cantar e canta " Pama, pama, pama, pe, pe, pe, lola, lola, lola. Caquéee. " ( Palma, palma, palma, pe, pe, pe, roda, roda, roda. Caranguejo peixi é ). Gústalle limpar cousas cunha toalliña húmeda e pintar as uñas. É media equilibrista e tennos sorprendido sentada na mesa do ordenador, a da cociña ou a do salón e non se lle pode deixar a porta sen chave que escapa.
Vaia, que non nos aburre.

Labels:

Sunday, 21 April 2013

Pescando a primavera

 
 
Pescar a primavera pode ser unha frase literal como o que fan estas nasas coas glicinias lonxe do mar.
 

 
Pero tamén pode ser facer unha paseata ata a Laxe do Avó ou a Laxe do Bo, como di avóM, en Arbo.
 

 
Ou tamén levar unha farta de paseos e parques aproveitando o bo tempo.
 

 
 
Ou admirar o enxeño dalgunha xente que dunha roda vella crea unha xardineira estupenda.
 

 
 
Tamén hai lugar para a aprendizaxe e así coñecín os " tornacarros ", pixotes de pedra na entrada dun portalón onde apoiaba a roda do carro e podía virar para entrar no eido.
 


E non só aprendo eu que tamén aprende o Leo a decorar postres na feira do mel organizada estes días en Vilaguindastre.
 
Que siga a primavera !.

Labels: , , ,

Saturday, 13 April 2013

E o pazo ardeu

 
 
Hoxe acerqueime a Mos que estaba a celebrar o seu " Arde o pazo 2013 ".
 
Había postos de polbo, pan, churros, queixo, filloas, etc. Tamén había postos de artesáns coma o zapateiro que fixo as tamancas de xigante da foto onde o homiño semella barallar sobre se lle servirán ou non semellantes zapatóns.
 

 
 
Había un posto con xogos feitos de madeira e coñecín o xogo do tatedrez.
 
 
 
Non faltaban ferreiros, alfareiros, artesáns da gaita, palilleiras, unha tecedeira e ourives.
 

 
 
Por haber ata había un cesteiro que estaba a facer unha cabana de vimbio para a festa da prehistoria que haberá en Mos no verán.
 


Pero o prato principal é a representación dos feitos que ocorreron hai máis de douscentos anos coa chegada do exército francés a Mos.
Estivo ben.

Labels:

Saturday, 6 April 2013

Tradución a machada



Hoxe fixo un día frío pero con intres de sol e Leo puido desfrutar dun aniversario dunha compañeira nunha asociación de veciños. Alí teñen unha pista de deportes e parque infantil e un parque deses para exercicios de adultos. Mirando os carteis dos aparellos descubrín esta tradución a machada, á forza, da palabra española " muñeca " que poderían traducir por pulso ou mesmo colo.
Se non fose que non me gusta esborranchar xa correxiría eu o cartel cun rotulador.

Labels:

Thursday, 4 April 2013

Tres de abril















O tres de abril é unha boa data para actualizar o blogo. A primavera vai chegando coas veloritas e o cambio de hora. O mal tempo pechounos na casa e as películas coma " Os Croods ", " Monstros contra alieníxenas " e " Astro Boy " suavizaron o asunto. Tamén contribuiu ir cos amiguiños a un centro comercial acugulado de xente ou a Cotogrande onde había atraccións da festa.
Este mal tempo non é bo para a horta e en Arbo preocupábanse polos allos: " Quen planta polo Natal ten un allal, quen planta polo xaneiro ten un alleiro ".

O meu aniversario tráeme unha cámara cun zoom prodixioso para captar momentos dos pequenos da casa.
 
 
 
 
O primeiro de abril visitamos de balde o zoo e o lobo durmía coma un " casón" como dixo un descargador de Vilagarcía que pasou el a semana santa.
 
 
 
E non me extraña coa sarabiada que caiu na saída do zoo e cachou a máis de un e de dous. E como era a data que vai o burro a onde non debe ir alá fomos de burros a un comercio sendo festivo en Vigo.

Labels: , ,