leoeosseus

Friday, 31 January 2014

Cazando arcos do trono


Levamos varios días de chuvias e claros e, no medio, ducias de arcos do trono. Tantos arcos que dá para pasar de todo: dores de cabeza, avaría do cable do ordenador, sesión de cinema con pirús que van do futuro á terra dos indíxenas americanos e adopción dun teléfono deses modernos que non saben galego pero si guasipeiro.
E remata xaneiro.

Labels: ,

Sunday, 26 January 2014

Trixésimo primeiro mes ( e máis dous días )


E aquí está a nena guerreira da casa. É unha nena inquieta que vive do aire e ten carácter forte. Vestila é unha batalla e cando ten sono ou espertou da sesta está como levada do demo. Gústalle pintar ( sobre todo as mans e outros sitios onde non debe pintar ). Pero tamén fai " deberes " cando os fai o seu irmán. Xoga con monecos e está muitas veces cun patiño do Nadal.Tamén é unha enamorada de Peppa Pig e Caillou e mira e remira episodios na tablet ou no móbil. Segue co seu falar simpático e as súas palabras simpáticas como " mouto " para monstro ou " azúquer " para azucre. Ten confusión de pasado e futuro e tanto di cando era grande como cando será pequena e quere facer tres anos para ir á " disqueteca ". Está gañando muito español pero conserva os artigos galegos e muitas palabras.

Labels:

Friday, 24 January 2014

E, porén, móvese.

 
 
Neste tempo gris e apagado de xaneiro semella que nada evoluciona.

 
 
 
Pero si. En Vilaguindastre aínda hai xente que sabe tirar arte das súas mans e tanto pinta unha serea.
 


 

Como reproduce un tranvía a escala.

E logo o concelleiro de festexos quere montar unha Porrigalia no verán coa vila convertida na aldea gala de Asterix e Obelix. E iso que descubrín que habería mitos propios para lembrar con máis mérito.
En fin, pan e circo.

 
 
 
E así eu engado unha palabriña máis da zona sur de Pontevedra e aprendo que " ghalucho " aparte de comida de mala calidade significa tamén estraperlo, contrabando que se facía entre Portugal e Galicia naqueles tempos grises de Franco.
 
E Leo non ía ser menos e, progresando, progresando; consegue o seu primeiro dez que o puxo mui contento e gañou a sesión de cinema con " Futbolín ".
 
E xaneiro segue.


Labels: , , ,

Saturday, 18 January 2014

Vou vello



Seica vou vello. O oído fállame e dá lugar a situacións simpáticas e non tanto. O outro día oín un anuncio na radio de que o programa Topless era o máis visto na televisión e eu pensei para min que non tiña nada de raro. Dalí a pouco repetiron machaconamente o anuncio e xa o escuitei millor e non era Topless senón Top Chef.
A vista tamén me falla e a presbicia obrígame a empregar a " máquina de enfiar agullas " que é o nome humorístico que lle dá un compañeiro do choio ás gafas. E non só teño problemas coa vista a curta distancia senón que teño problemas coa longa distancia e así o traxe de motorista dun trinque seméllabame un traxe de gaiteiro.
Non sei como vai rematar isto !.

Labels:

Tuesday, 14 January 2014

Complicación de xéneros



Xela está a aprender a falar e un detalle que me chama a atención é como cambia algúns xéneros. Iso si, nas cores non ten problema e iso que, pensándoo ben, é complicado. Temos branco, negro, amarelo e vermello que cambian de xénero. Logo hai outras que nos varían: marrón, azul, gris; e outras que non mudan e iso que rematan en vogal como verde, lila, laranxa ou púrpura. Por iso que para os estranxeiros e os nenos debe de ser un chisco difícil.
E, tirando do fío, lembrei a dúas parellas que tiñan uns alcumes cun xénero forzado. Había unha señora de carácter forte que se facía respeitar e o home era un pouco apagado. A muller apelidábase Conde e o home perdeu o seu apelido e era coñecido polo da muller polos veciños. Iso si, a muller había que distinguila do home e era chamada " Conda ".
Outro caso curioso foi o do " Minuto ". O tal home traballaba na portería da fábrica que sai na foto e era estricto á hora de entraren os traballadores e se chegaban tarde xa os rexistraba cun bolígrafo vermello. Os compañeiros queixábanse e el sempre dicía: " Con que pase un minuto, xa chegaches tarde ". O simpático desta nomeada é que pasou á muller del e era coñecida por... " Minuta " !.

Labels: , ,

Monday, 13 January 2014

Aclarouse o misterio


Ao final o periódico misterioso estaba nunha taquilla dun compañeiro que botaron á rúa por levar produto para casa.
E falando de cousas ilegais saiu a relucir no traballo a expresión " plantar / deixar un salgheiro " que na Guarda significa " deixar cartos a deber " e que por outras zonas dicimos " plantar / deixar un pexegheiro ".
Na foto sain amieiros e eucaliptos que, ao millor, son árbores que falan de débedas noutras zonas de Galicia.

Labels: ,

Thursday, 9 January 2014

Misterio grande



Hoxe pasoume unha cousa misteriosa no choio. De crer nas bruxas pensaría que foi cousa dunha. Resulta que apareceu un periódico vello nun estante que emprego eu no traballo. Fixeime e coñecía a portada. O periódico era do 19 de agosto de 2012 e recoñecino porque eu conservo un exemplar desa data. Era o periódico que incluía a esquela de meu pai. Xa sei que todo é unha casualidade pero pasei o resto do día con medo de que me pasase algo. Agora estou na casa e supoño que estou a salvo...e que o demo sexa xordo.

Labels:

Tuesday, 7 January 2014

A Reis pasados


A Reis pasados hai que ver o exceso de agasallos que houbo: monecas, contos, roupa, xogos de mesa, bicis, etc, etc.
Estes Reis están malucos !.

Labels:

Sunday, 5 January 2014

Na víspera de Reis


Queiramos ou non sempre aprendemos e así estes días aprendín unha cousa relacionada cos Reis. É o " Arrastre ", unha tradición de Algeciras que se está a realizar neste preciso momento no que escribo. Din que hai un xigante que se chama Botafuegos que odia os nenos e que este día aproveita para facer unha fogueira xigante que provoca tanto fume que os Reis Magos son incapaces de baixar a Algeciras para deixar agasallos. Para evitar isto os nenos arrastran un feixe de latas polas rúas para facer o ruido suficiente para que o xigante non apareza.
Aquí hai máis información.
E que os nenos de Algeciras arrastren o suficiente para que, de paso, non haxa Nubeiros por estas terras e así os Reis che deixen algún presente.


Labels: