leoeosseus

Monday, 24 February 2014

Trixésimo segundo mes


Cada vez queda menos para que a nena faga os tres anos. Xela ten obsesión con ser maior e dío case en cada frase. Xela é unha nena inquieta e tanto debuxa como fai carreiras con coches e debuxa ben para a idade que ten. Con Leo lévase ben anque hai ocasións que pelexan por algo. No comer segue co seu sistema de vivir do aire e o de pedir as súas necesidades non o fai como sería desexable. Non sei pero semella que o fai a propósito. Está enamorada dos debuxos de Caillou e dos aparatos electrónicos: ordenador, Storio, tablet, móbil, o que sexa.
Por certo, mui agradecido pola mención de Xela no blogo mimadrinha.

Labels: ,

Thursday, 20 February 2014

Mundo de soños


O outro día soñei co choio e que o xefe me mandaba facer algo e despois soou o espertador e tocou traballar cando xa eu estaba canso. Comenteillo a un compañeiro e el díxome que había que controlar os soños e que el era capaz. Ogallá puidese controlar eu os meus soños !.
Pero esta noite pasada tiven un bo soño. Soñei que mercaba o número 70700 da ONCE e que me tocaban sesenta mil euros e que iamos visitar os amigos e familia de Estados Unidos e cando lle estaba a preguntar a miña nai se viña invitada vai e soa o espertador e chafóuseme o soño.
E vou contar outro detalle de hoxe que ten que ver co eco en castelán de cando dis unha cousa en galego nun bar. Pedín un batido de cacao para Xela nunha cafetería e pedinlle unha palliña. A camareira traduciume ao momento pero coa mala sorte de dicir: " ¿ Una pajilla ? ". Eu rin e dixen: " Non, muller, non ". E ela púxose rubia da vergonza.
En fin, hai que seguir sorrindo sexa cos soños ou coa vida real.

Labels: ,

Tuesday, 18 February 2014

Probando a neve




Pois si, este domingo pasado por fin fomos á neve. Leo quería ir dende o Nadal: a presión da tele e os contos coas imaxes brancas era demasiada. Despois de xantarmos en Arbo collemos o coche, cruzamos a fronteira e alá fomos por unha estrada chea de curvas dirección Castro Laboreiro pero na entrada de Lamas de Mouro na serra da Peneda xa nos desviamos para subir a onde hai muiños de electricidade. Baixamos do coche, puxemos algo de roupa e alá empezaron as batallas de neve porque eramos un grupo xeitoso de nove: cinco adultos e catro nenos. Xela montou un anaco no trineo pero quixo andar pola neve. Leo non quería batallar coa neve pero logo xa se animou e a curmá empezou a subir aquel monte para chegar ao cume. Xela tamén quixo subir pero no meu colo e hai que ver o que pesa a nena costa arriba. O avóM pasouno case que diría eu millor ca ninguén: primeiro botou a batalla de bólas de neve e logo púxose a facer unha bóla grande de neve que é a que sae con Leo.
E así pasamos a tarde. De lembranza montamos o típico moneco no coche pero polo camiño adelgazoulle o pescozo e rematou por lle caír a cabeza antes de pasar a fronteira.


 


Labels: ,

Tuesday, 11 February 2014

Mil



Mil pode ser pouco ou muito dependendo de que asunto. Se son estrelas ou pingas de chuvia son poucas pero se son bicos e apertas xa é outro cantar.
Eu hoxe falo de mil porque é o número de posteos que levo neste blogo ( o anterior non o conto ) que xa é unha cantidade respectable tal como vai a vida dos blogos.
Só espero seguir posteando outros miles e que os comentarios tamén se multipliquen ( xa levo máis de nove mil cincocentos ).
Supoño que só precisarei dunha mente curiosa con gañas de descubrir e de diversión.
Xa se mirará !.

Labels:

Sunday, 9 February 2014

Diversión


Hai que se divertir e así entramos nunha comparsa para o entruido. No xantar do sábado coñecémonos un pouco máis e buscamos unha infiltrada no concello para que nos dese ideas para as coplas pero dixo que alí dentro non pasaba nada, que traballaban. Nos cafés tocou votación polo disfraz e das catorce ideas quedamos coa de ser piratas, unha Lumeirada de piratas.
E hoxe domingo fomos mirar un musical do Circo de la Magia e Xela desfrutou coma nunca coa música e as personaxes e ata se ofrecía vontaria para baixar ao esceario.
Así que xa sabes: se chove divírtete a cuberto !.


Labels: ,

Thursday, 6 February 2014

Catalego


Co este tempo pouco se pode mover un; levar os nenos a estudar, ir e volver do choio para casa, aventurar algunha paseata con medo a que chova e aprovisionarse coa inevitable visita ao supermercado. E así nese lugar puiden estrear a cámara do móbil retratando un exemplo dunha curiosidade lingüística que é o " catalego ". Este catalego non é un " catalejo " con gueada senón unha mistura de catalán con galego, un novo idioma propio de supermercados que ten como finalidade facer propaganda dos seus produtos co ese impacto visual de mistura de linguas, negritas e número de toneladas.
Pois nada, longa vida a ese novo idioma !.

Labels:

Monday, 3 February 2014

Rapaces e neve


Estamos en plena invernía e paseamos os nenos malamente. Xela quere ir a parques e brincar e malamente pode ir por debaixo de soportais na bici de Reis e bailar ao son dalgún flautista ambulante que ri cando lle dá moedas de unha en unha.
Como pasou a Candeloria e chorou e riu sabemos que queda aínda inverno así que para a fin de semana tocará acercarse á montaña portuguesa para enredar coa neve.


Labels: , ,