leoeosseus

Saturday, 28 June 2014

Poemas, notas e chaves chouchas


 
As vacacións dos nenos xa comezaron e houbo entrega de notas. O Leo sacou tan boas notas que me podo pór colorado se as publico así que non as publico.
Leo segue a ler e escribir e agora sacou a vena poeta e creou o poema " O verán ".
" Moito sol,
vacación,
días longos,
o verán chegou. "
Xela recibiu a vacina dos tres anos e nin chorou. Iso si, hoxe tivo reacción con febre e diarrea pero xa lle pasará.
O que si pasaron foi medo cando quedaron pechados os nenos no coche por andaren a xogar coas chaves e non saber abrir a porta. Menos mal que foi na casa e tiñamos a chave choucha, nome que lle fai graza a Leo e co que designamos a copia da chave do coche que só funciona manualmente. 

 
 
E o verán segue... anque sexa no calendario.

Labels: , ,

Tuesday, 24 June 2014

Terceiro ano

 
Hoxe Xela fixo os tres anos e gañas que tiña de facelos !. Levou á gardería unha torta de obleas con Nocilla, galdrumadas e un paquete para cada neno coa súa dose de dóces e alá quedou toda gabacha coa coroa que lle puxeron. Na casa da avoaE tamén o celebrou soplando as candeas un feixe de veces e recibiu de agasallo da avoa a furgoneta de Peppa Pig.
E nada, a nena é espabilada e ten carácter abondo, ata un pouco muito como diría a avoaM.

Labels:

Friday, 20 June 2014

Ben e mal


Mentres a uns lles vai ben como ao Filipe MIREI, que é rei por aquelas artes; outros quedan ben e aforran como os do cartaz da foto e outros van mal como na Torredocaminho onde traballo e onde van haber recortes.

Labels: ,

Wednesday, 18 June 2014

Efecto Pigmalión


Tarde vai aprendendo a burra pero algo aprende e así eu aprendín do efecto Pigmalión que quere dicir que inflúes na forma de ser dos demáis segundo os trates. Procurarei non ter palabras negativas con Leo para que saque o millor del.
Na foto un guión escrito por el para Pepe Gotera e Otilio que non ten desperdicio.
Mui ben, Leo !.

Labels:

Sunday, 15 June 2014

Marea viva


Hoxe comezou a tempada de praia da familia. Fomos xantar á tasca do burro Jose Ángel e os periquitos e logo baixamos á praia. A marea estaba a subir e subiu de verdade que case non quedou area !. Leo e Xela pasárono ben coa auga e non se decataron de que esquecín os cacharros de xogar na area.

Labels:

Friday, 13 June 2014

Civismo


Estamos cuns días de calor grande pero a xente non aprende e non muda os costumes. Se chove ata ten un pase aparcar perto dos sitios, mesmo en situacións ilegais. Pero aparcar dous coches nunha praza de discapacitados a pleno sol con sitio de sobra a vinte metros; iso xa me semella de pouco civismo.
Isto vai polas ducias de veces que miro coches aparcados irregularmente en prazas reservadas a discapacitados ou a xente con bebés ou embarazadas.
Si. Xa sei. Pero hai veces que me gusta falar ao vento !.

Labels:

Tuesday, 10 June 2014

Arroutadas


Se hai que ir a cen quilómetros para que un fillo coma pizza de chocolate, vaise.
Un xa goza cos Dous cabalos de paseo ata Santiago, pisando as pedras de Santiago, mirando a Leo sinalar a póla das matemáticas na árbore das ciencias do pazo de Fonseca e mercando sprai de caca.

Labels: ,

Wednesday, 4 June 2014

Abdicar e adicar

 

 
Estes días fálase muito de abdicar e non vou engadir máis nada. Iso si, eu non abdico de ser Acedre o Viaxeiro, rei de Grania, personaxe literaria da que sinto fachenda.
O de abdicar fíxome lembrar a Fardi, un compañeiro daquela mili que a todos igualaba ( todos os varóns, está claro ) e sendo el xitano e ambulante tocoulle aparecer en Burgos comigo e máis soldadiños. O Fardi non tiña un can pero buscaba a vida debaixo das pedras e tiña personalidade e xeitos de vestir o uniforme que lle valían arrestos continuos. Quería manter un ligue por carta e mandábame a min escribirlle cartas de amor. Outro detalle simpático que tiña era que copiaba as letras das cancións en inglés como tal como soaban e mirabas escrito alí " chullufomí " e cousas así. Tamén tiña a peculiaridade de que sabía caló que o escuitei falar por teléfono e non pillei nin papa; eu sabía que falaba de cartos porque non podía evitar acenar coas mans o frote dos dedos. E do seu falar cheo de expresións calés facíame graza cando miraba algo curioso e soltaba un : " Adica, gonso  ! " que adoptei no meu falar e que se traduciría por un " mira, colega ! ".
E iso era o que quería contar eu de abdicar e adicar.

Labels: ,

Monday, 2 June 2014

Mostro


Rematou de momento o de traballar de noite e con iso as tardes libres acompañado dos nenos co seu cine de loros azuis, paseos, piscina, Tui e algunas tardes non tan boas de mal tempo e malestar.
Agora tócame lixarme menos pero circular a lume de carozo coa carretilla polas tardes.
A ver se visito máis este mundo virtual.

Labels: