leoeosseus

Monday, 29 September 2014

Oito anos ( e máis un día )


E o Leo soprou a candea onte na casa da avoaE e hoxe en Arbo e mañá tócalle cos amigos no Mundo Pirata do ano pasado. De momento recibiu uns walki-talkies, un cómic de Mafalda ( a boa vendedora dixo que era para nenos ), unhas camisolas, uns Playmobil, un xogo de Súper Mario para a Wii, un calendario do Diario de Greg, un libro e unhas libretas e un feixe de bolis para enchelas.
Comparando co ano pasado estamos contentos pola progresión que ten no cole. Agora queda o traballo de facer amizades que é un asunto difícil no caso de Leo pero xa se andará.

Labels:

Saturday, 27 September 2014

Trixésimo noveno mes ( e máis tres días )


E a nena deixou a teta e xa non é unha naipela. Empezou o cole de mala gana. O primeiro día debía de ter unha idea feliz do cole e levou unha desilusión que lle durou varios días pero agora xa vai conforme. Do resto segue igual: con rabietas e berros e quere ser o foco de atención e ten ciumes do irmán. E máis un día coma hoxe que Leo fixo os oito anos e recibiu agasallos e tocoulle soprar as candeas.

Labels:

Saturday, 20 September 2014

As Pedriñas

 
 
 
Hoxe os pequenos tiveron festa de aniversario por partida dobre porque un neno que vai á clase de Leo estivo de aniversario e a súa irmá, que vai á clase de Xela; tamén.
 
A festa foi nun centro cultural que se chama As Pedriñas e descubrín pola foto de arriba o motivo dese nome.
 


Iso si, á beira das pedriñas da foto con Xela hai outras pedras excavadas e non son precisamente pedriñas.

Labels:

Sunday, 14 September 2014

Por ese Portugal


 
O día empezaba mal: chovía camiño de Porto. En Viana do Castelo pasei o posto de pagamento da autovía e tiven que dar outra volta para volver pasar por alí. Xa chegará a multa e a ver como sae o conto. No Ikea queriamos deixar os nenos no parque infantil pero estaba completo, logo decidimos comer e pousei a bolsa da merenda e alá quedou ( váiseme a cabeciña e esquezo onde pouso as cousas ). Fun buscala ao posto de información e pedinlle o " peto máxico " da merenda e a rapaza deumo sen inmutarse. Despois Xela quedou no parque  de bolas pero despois tivemos que sacala. No coche buscamos sitio para as cousas e ao final safamos cos dous coches.
Na volta paramos en Vila do Conde e collemos a caravana que volvía da praia a contracorrente. Os nenos xogaron nun parque de carabela que estaba á beira da carabela da foto. Pero logo tocou marchar que Xela tiña febre e quería durmir.
Bueno, unha viaxiña como outra calquera. 

Labels:

Saturday, 13 September 2014

Cole na fin do verán



Na primeira semana o Leo entrou e saiu do cole sen problemas. Outro cantar foi o de Xela que todo o verán tiña a ilusión de ir ao cole e foi entrar nel e levalo mal. Supoño que tería outra idea do que é o cole. O caso e que non quere entrar e sae del toda seria menos o venres que o pasou ben, seica.
 
Hoxe fomos a unha tapería nova cunha calustra recén feita e xeitosiña. O malo foi que caiu Xela do banco e pegou coa cabeza no chan. Chorou muito, durmiu, botou un tempo repugnante e agora está ben.
 



Despois fomos pasear pola Freixa e a aproveitar as ofertas de fin de tempada cos xelados e cañas a ese prezo irresistible.



E agora á tardiña toca actuación. Xa foron os nenos ao cine o outro día a mirar " Operación cacahuete " que foi a primeira película que Xela aguantou ata o final. A primeira foi " Como entrenar a tu dragón II " e ao final non aguantou.
E así imos liquidando este verán.

Labels: , ,

Tuesday, 9 September 2014

Volta ao cole


Mañá empezan os nenos o cole e cústalles iso de deitarse cedo. Pero máis sofren algunhas nais pensando que lles van falar galego aos seus " retoños " e poden quedar tontos. Pasou na clase de Leo hai cinco anos e volve pasar este ano que empeza Xela.
Para tranquilidade destas nais podo dicir que se vai falar, ler e escribir menos en galego agora que hai cinco anos.
Agora poden sentar tranquilas a descansar neste banco que lles vai mui ben coas ideas que teñen.

Labels:

Tuesday, 2 September 2014

Rotóndolas e enxendros



Foi chegar a Vilaguindastre e admirar os novos adornos postos polo concello.
Un é un artefacto que non se sabe para que serve pero chéirame a min que ten que ver coa fabricación de baldosas e así unha rotonda pequena pasa a ser unha señora rotóndola que non sei canto vai durar ata que se esnafre alguén contra ela.


Cerca dalí, na nova variante do camiño portugués,  hai un enxendro formado por unha frecha de pedra, un semicírculo, unha esfera ( os tres enriba dunha columna de pedra ) e un arco de trunfo. Para admirar o enxendro ou sentarse a matinar para que serve puxeron dúas mesas a pleno sol para que non botes muito tempo alí.
Retratei estas dúas obras de arte de Vilaguindastre antes de que veñan os vándalos e gocen co elas.

Labels: