leoeosseus

Tuesday, 28 October 2014

Outubro tolo

 
 Cos seus cocomelos que nacen á beira da praia.



 
Ou coa Coca de Redondela, os xigantes e cabezudos para retratar como boa opción a mirar un partido de fútbol.


Ou cun contedor de orgasmos a pares que se atopa en Tui.

Mira ti que cousas retrato !.

Labels: ,

Sunday, 26 October 2014

Cuadraxésimo mes ( e máis dous días )


E aí che está a xoubiña gozando desta semana de verán que non tivemos en xullo.
Parece que medrou en todos os aspectos: come millor, non chora tanto de capricho e vai de bo gusto ao cole e a inglés. Á piscina non vai con alegría pero sae contenta.
Segue querendo explicar todo o que fai e ser o foco de atención coa súa voz alta e a súa teima de que é maior e "  ayer era pequeña ". Ten xenio e algunhas cousas simpáticas coma hoxe cando tirou uns papeis no chan e díxenlle que os recollese e dixo " No me interesa ".
Gústalle pintar, cortar papeis coa tesoura collida de xeito raro, mirar a tele na mecedora e atar monecos. Pide pis e caca sempre e hai veces que vai soa ao baño. Sabe calzarse, abotoarse e vestir bastante roupa.Ten medo a todo becho dende formigas e moscas a cans e gatos e leva golpes e caídas abondos pero sanda co " sana,sana, culito de rana ".
E así vai.

Labels:

Tuesday, 21 October 2014

País nostro, nostro país


Hoxe tocoume a revisión da empresa e tiven que esperar na sala de espera da clínica onde había un televisor aceso coa primeira ( que manía hai agora de chamarlle " La Uno " ) e as noticias esas do Ébola, a consulta en Catalunya e os ladróns de luva branca. A min aburríame a televisión así que lin o cartaz enorme da clínica cos médicos e as súas especialidades escrito todo nun galego case correcto. O que si me repateou é cando escribiron " caiosidades dos pés ". Supoño que en español non poñerían nunca " cayosidades " pero, claro, hai o costume de escribir en galego para darlle un toque serio e institucional á organización que está ben pero que estaría millor se o desen a corrixir a algún filólogo dos muitos que están no paro, por exemplo. Así tampouco escribirían " nostro país " e algunha lindeza máis que escribiron na bulsa de recollida de roupa que deron no cole.
En fin, naderías.

Labels:

Monday, 20 October 2014

Infravalorando

 



Non sei se é infravalorar, ridiculizar ou menosprezar que eu non teño a labia dun publicista; pero algo miro eu mal cando poñen esa frase cunha imaxe dunha muller que supoño nova. Poñen o traballo á altura dunha prenda de moda coma se fose algo sen importancia.
Estes da Xunta xa non saben que dicir !.
Pido perdón pola calidade da foto: refoteina directamente da pantalla do ordenador.

Labels:

Sunday, 19 October 2014

Fotos con perigo


Onte fíxenlle tres fotos a unha obra e ao final saiume o home da foto preguntándome se había algún problema. Díxenlle que non e, acto seguido, tirou de móbil e fíxolle unha foto á matrícula do meu coche. Non sei a que terá medo pero está visto que hai que ter tino á hora de facer fotos. Non coma o señor Chousa que arrisca o gañote.
Millor será facer fotos paisaxísticas.

 



 

Labels:

Thursday, 16 October 2014

Escaleiras e auga


O tempo este dá para falar e así falamos na hora do taco de varios temas. Empezamos falando do ascensor do choio que, unha vez máis, estaba avariado e había que subir muitas escaleiras e, falando delas, saíron lugares con muitas escaleiras e un é o Bom Jesus que ten uns elevadores que funcionan con auga cun sistema de contrapesos que me resultou curioso. Dalí saltamos a tempo de recollida de kiwis, alerxias e hospitais.
Na foto non hai unha balea no medio dun cultivo de arroz senón millo e un penedo bañados polo río desbordado. Esa auga sería boa para os elevadores dos portugueses que son mui mañolas ou enxeñosos, segundo di un compañeiro.

Labels: ,

Wednesday, 15 October 2014

Fuchicando coa cámara


Un parque en Vilaguindastre.

 


Milla urbana de Vilaguindastre co provocador de que eu escriba na interrede.
Tamén sae retratada unha amiga e blogueira.

 


" Dácheme o mermiño perder ca ghañar ".

 


Efeito miniatura no parque da Abella.

 


Cargándolle na cor a un parque de Tui.
Este outono pinta ben !.
 


Xela a " penduradora ".

 


Veigha de Campos en Arbo. As viñas empezan a amarelar. Os canais seguen verdes e os vimbios laranxas.

Seguirei facendo fotos.

Labels:

Monday, 13 October 2014

Recolléndose


Hai uns días podía un pasear e aprender cousas nas rúas coma no coche cheo de chistes da foto. Agora o tempo empiorou e para aprender hai que mirar nos libros ou nos aparellos caseiros e así aprendín hoxe no libro de lingua de Leo ( de terceiro de primaria ! ) que o creador das emoticonas é Scott Fahlman.
: 0
Cousas veredes !.

Labels:

Wednesday, 8 October 2014

O señor Antonio


O señor Antonio era serio, pero que mui serio. O señor Antonio dábanos medo aos nenos, medo de verdade. Unha ocasión fomos ao cine Palacios que xa desapareceu ( como o señor Antonio e os cans que tivo un tras outro ). O señor Antonio estaba de acomodador e mirounos na ringleira para mercar entrada. Chamounos e deixounos entrar sen pagar peseta. Collemos o costume e os domingos puñámonos na ringleira pero cun ollo posto no señor Antonio. Pasaron películas e fins de semanas e muitas veces nos deixaba entrar pero, non sei como, pillárono e xa non foi acomodador.
O señor Antonio era veciño e paseaba os seus cans todos con nome señorial: Conde, Duque, Barón, etc. Eu non sabía se quería á aristocracia ou se burlaba dela. Unha vez un can del mexoume no pé e non me enfadei. O señor Antonio foi bo comigo e cos rapaces e cos cans e hai que perdoar.
Non sei como lembrei estes días ao señor Antonio pero unha cousa é certa: xente amante dos cans e dos nenos como o señor Antonio fai falla agora e sempre.
A foto é dunha película de Vittorio de Sica.

Labels:

Tuesday, 7 October 2014

Detalle que non paso


Ultimamente inzan por Vilaguindastre adiante placas explicativas dos monumentos que ten a vila.
Non me gusta pero paso que estean escritas en español: hai que pensar no turista do camiño portugués a Santiago e o español non deixa de ser a outra lingua oficial de Galicia.
Fastídiame máis que non escriban O Porriño que é o nome legal de Vilaguindastre, pero que se vai facer...
Pero o que si me repatea e non paso é que escriban os anos con punto. Non haberá ninguén que non saiba que a expresión numérica dos anos, a numeración de páxinas, os códigos postais; non levan punto anque pasen de mil ?.

Labels: ,

Sunday, 5 October 2014

Megarrotóndola

 
 
En Salvaterra do Miño hai unha rotonda grande así que decidiron enchela con elementos relacionados coa zona.
Así que puxeron un carro de bois co seu paisano que resaltará pola noite cando acendan as luces.
 

 Collía algo máis así que engadiron unha chalana do río co seu tripulante correspondente que se fai notorio tamén de noite.



Como lles parecía pouco xuntaron a mesa do alfareiro e os seus cacharros ben atornillados para que non os rouben.

 
 Debe ser que lles parecía soso así que nunha beira instalaron unha prensa de viño con dous bocois para rematar o conxunto.

 
E para rematar unha aportación vernácula cun cartaz nunha viña avisando " guirar beneno "  ( ou " guisas beneno " ?. Non é seguro. ) por se é caso de estar tentado un de comer uvas.

Labels:

Saturday, 4 October 2014

Outra cámara


 
A cámara facía boas fotos pero tiña ano e medio e a obsolescencia programada tiña que actuar.
 
 O obturador da máquina quedaba a medio pechar e así saían fotos con ese borde negro. De exemplo está o cruceiro da foto que atraiu a muita xente, demasiada.



A nova cámara é máis barata e sinxela pero ten bo zoom e cor. Na foto está Leo na piscina co seu monitor.

 
 
Nas distancias curtas non falla e aí está esta flor da paixón con abella incluida.
Agora toca estragar a cámara nova cunha chea de fotos.


Labels: