leoeosseus

Friday, 30 January 2015

Bazares


Chove e os paraugas non duran nada. Fun mercar un a un bazar novo e o bazar é como todos: frío e con chinesas que me seguen máis ou menos disimuladamente. O que me extrañou é que me dixesen " Ola " cada un dos chineses cos que me topaba. Semella que cambian algúns costumes e non din como a chinesa do bazar da foto que lle dixo a unha amiga isto con estas mesmas verbas: " Tú siempre mirar y nunca comprar ". Por suposto a amiga non volveu pisar o local.

Labels: ,

Monday, 26 January 2015

Busco adiviño



 
 
Non sei que pasará en Grecia a partir de hoxe, nin en España dentro duns meses pero si que adiviñei que habería recortes na empresa anque tardaron un pouco máis do que pensaba para chimpar un compañeiro. Iso si, o meu futuro laboral non o sei. Terei que preguntar na cristalería onde mirei a lápida da foto que adiviñan o futuro con dous anos de antelación ( e ata saben que para aquela os anos terán trece meses polo menos ). 

Labels:

Saturday, 24 January 2015

Cuadraxésimo terceiro mes


Que sorriso ten cando posa para unha foto !. Anque logo se aburre e di que non quere máis fotos. Prefire xogar a calquera cousa e chama por min para que faga de personaxe nunha historia de monecos. Tamén quere voar e que lle faga tiligas. Mirar a tele, xogar coas maquinitas e pintar mentres Leo fai os deberes tamén entran na súa rotina. Ten xenio e así recibimos unha nota da súa profe Cristina dicindo que non quixo vestir o mandilón e tiveron que castigala. Fala muito e quere que lle fagan caso. Cecea un pouco. Hai algunha pronuncia especial: di con " J " suave " fue " e tamén di " cuedo " por " puedo "  e " descués " por " después ". Tamén ten a palabra especial " fútbolt " tal como soa. E unha expresión típica dela é: " Mira como si ". Agora xa non me corrixe e ata repite o que lle digo en galego e conta do un ao dez en galego.

Labels:

Tuesday, 20 January 2015

Métodos de aprendizaxe


O Leo tivo que aprender os continentes e océanos e definicións de mapas e planos e costoulle abondo. Debuxeille os continentes e océanos nun globo e algo lle entrou e serviu o método de aprendizaxe.
Hai unha chea de anos estaba eu na universidade e eramos uns tolos a maioría de nós. Había un tal Francisco ou Antonio ( ese dato caiu da barca da miña memoria no mar do Esquecemento que nos arrodea ) bastante festeiro. Apuntábase a toda canta festa e movida houbese e non paraba de leriar con todo o mundo. O malo foi que chegou a época dos exames e non tiña xeito de pórse ao choio. Entón que fixo ?. Oiu que con anfetaminas estás esperto e adicándote por enteiro a unha actividade. Púxose de noite a estudar e mandoulle un par de anfetas nese momento. Notou que a mesa estaba sucia e púxose a limpala. Decatouse de que o chan non estaba millor así que o varreu e fregou. Logo abriu armarios e gavetas e arrombou roupa e ata se puxo a pranchar; cousa que nunca fixera na súa vida !. E así botou toda a noite: buscando cousas para limpar e axeitar e, ao final, de estudar nada de nada.
Así que iso: hai que ter ollo cos métodos de aprendizaxe.

Labels:

Sunday, 18 January 2015

Escravitude


Hoxe houbo reunión para decidir o disfraz da comparsa deste ano e, tras unha escolla democrática, saiu elexida a opción de cociñeiros.
Cociñeiros non pero de escravos terían que disfrazarse os que entran mañá a traballar nunha empresa da automoción. Van botar de quince días a un mes traballando sen cobrar a ver se valen e despóis si que o escollen os válidos. Iso si, xa avisaron de que a empresa non quere problemas coa puntualidade e a xente que ten fillos ou maiores para cuidar que teñan ollo que chaman unhas horas antes para facer o turno que toca e hai que ir si ou si.
Bueno, de escravos non poden ir disfrazados porque os escravos polo menos tiñan comida e casa pagas.
Crisis. What crisis ?.

Labels:

Thursday, 15 January 2015

Os debuxos de Xela

 
 
O outro día foi Xela á médica por un problema na barriga, nada grave. A médica deulle un debuxo para que o pintase e ao chegar a casa alá soltou a súa vea artística.
Primeiro coloreou a Hello Kitty.
 
 

 
Logo coloreou un círculo abstracto cheo de cores.
 
 
 
 
E rematou facendo un retrato de Pepini, o mono que viu de Madrid.
 
Está claro que se Leo tira polo camiño escritor, Xela non queda atrás e vai polo camiño pintor.

Labels: ,

Friday, 9 January 2015

Os Reis e " arrousar "


Pasaron os Reis e Leo anda coa mosca detrás da orella co asunto de que non existen. Leo ten unha reoría que non deixa de ser curiosa. El di que a noite do 24 de decembro e a do 5 de xaneiro os pais saen sonámbulos das camas e poñen os agasallos para os nenos. Eu pregunteille como faciamos para entrar nas tendas e Leo díxome que nós iamos ao trasteiro que tiñamos unha especie de pozo de onde sacabamos os regalos.
Tamén me dixo que Papa Noel morrera de vello e que o Apalpador non existe que é un hillbilly que non dá nin castañas porque xa non hai.

E mentres o Leo vai aprendendo eu aínda aprendo palabras galegas como " arrousar " que é mover algo pesado ou afastado turrando alternativamente polas puntas. Eu xa sabía o de " rousar " que é ir marcha atrás un carro pero esta palabra parecida sorprendeume. Dubido que exista unha palabra en español co este significado.

Na foto está Melchor nun dromedario de verdade en Vilaguindastre. Gaspar ía noutro dromedario pero Baltasar ía nun camelo de verdade.

Labels: ,

Wednesday, 7 January 2015

Propósitos e despropósitos



Empeza o ano e aparecen os propósitos. Eu non fixen ningún pero o día primeiro botamos unha camiñada longa por Arbo. Non foi suar como a rapaza que topamos a correr onde rematan as casas pero chegoulle. Iso si, topamos algún despropósito.



A casa matriculada non sei polo que.




O xardín cunha escultura traída de sabe Deus onde. Non me semella mui asisado mostrar unha escultura así aos ollos de todo o mundo.




Pola contra, sería un bo propósito pegar unhas gallopadas cun cabalo desta feitura.




E, voltando aos despropósitos, estaría ben tirar dun couce ese portalón cun escudo dun equipo futboleiro.

Nada, que non teño propósitos en concreto para este ano. Bueno, si: seguir publicando este blogo.


Labels:

Sunday, 4 January 2015

Lugueando

 

Fomos esta fin de semana perto de Lugo un grupo de dez entre adultos e nenos.
A casa rural estaba mui ben restaurada.




O interior estaba algo frío e con algún cadro que semellaba que estabamos nun castelo de vampiros pero os cuartos eran quentes e ben amoblados. Tamén había unha saliña acolledora para leriar.


Había algún entre nós que nunca estivera en Lugo así que percorremos a muralla toda e o centro de Lugo coa catedral e as súas tendas do arredor, a praza Maior co seu mercadiño e o seu carro romano para goce dos nenos.


Intentamos xantar nunha cafetaría da praza do Campo pero tardaron en atender o que atenderon e botaron hora e media en dicir que non tiñan xamón para facer un bocadillo.
Menos mal que na praza maior estaba o Canela que atendeu rapidamente ese pan polar que descoñeciamos e outras delicias.
Despois paseamos polo parque Rosalía de Castro e tocou retirada ante o frío que se nos viña encima.
Hoxe xa había unha mañá demasiado neboenta para pasear por Lugo así que nos encamiñamos cara Ourense para montar no tren dos Carrileiros pero chegamos tarde.
Xantamos na Toscana do centro comercial da Ponte Vella e marchamos para Vilaguindastre que Leo tiña un dolor muscular nunha perna e tamén había unha actuación para Xela de Juan D e Beatriz. Cando a fun recoller estaban Juan D e Beatriz preguntando que panxoliña querían os nenos que cantasen eles e houbo unha nena que lles pediu unha do Apalpador que deixou abraiados aos artistas.
E agora toca durmir que mañá hai traballo.
E mañá é víspera de Reis !.

Labels:

Thursday, 1 January 2015

Feliz 2015


O último día do ano 2014 pasámolo en Arbo. Xogamos dous bingos que gañou o avóM. Comín ben as uvas mentres Leo comía uvas envasadas que lle gustaron tanto que comeu tres botes, ou sexa trinta e seis uvas. En cambio Xela non quixo uvas. A bisavoa Celia tampouco comeu uvas así como a avoaM que non estaba ben. A avoaE, avóM e Naideleo cumpriron tamén co rito das uvas.
Despois fomos á galería a mirar os foguetes que lanzaban os de Cardalama, os do Barriño e os do Pouso. Tocou ir para cama pero os nenos estaban desvelados. Logo apagamos as luces e quedamos durmidos mentres soaban os foguetes en Portugal.

Desexo un feliz 2015 a todos !.

Labels: