leoeosseus

Saturday, 28 February 2015

Fin de febreiro



O outro día comendo lembrei o que se di por aquí cando come alguén un prato grande: " Se comes así mañá hoxe non morres ".
E hoxe espertoume a música da festa de san Rosendo e só durmín tres horas despois de traballar a noite que, xunto coa chuvia, me deron fame e comín pizza coma se fose aire.
E remata febreiro e sigo coa dúbida de que será a construción da foto. Non sei se será un canastro, unha cabana para xogaren os rapaces ou  un pombal.
Aí quedan a dúbida e febreiro.



Labels:

Tuesday, 24 February 2015

Cuadraxésimo cuarto mes


Hoxe coincide co 178 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro que nos lembra Google.

Xela é lista e así aprende sociais á par de Leo e queda coa copla dos planetas e as estrelas. Xogan xuntos a facer festas de cumpreanos dos monecos e xogan ás sillas co eles e ao escondite inglés. Xela segue gozando coa tele con Peppa Pig e outras series. Tamén lle gustan os xogos da wii de Mario Bros e Donkey Kong. Escribe letras na pizarra e corta papeis coas tesouras agarradas ao seu xeito e hoxe cortou " tirámides " ( pirámides ). Segue confundindo consoantes iniciais e así " fuego " e " juego " son " juego " para ela.
No comer segue aproveitando o aire ao máximo e é unha tola dos batidos de vaca de vainilla e o bocadillo de Nocilla con chocolate ( de Nocilla soa, vamos ).
Ten medo da chuvia, o vento e os tronos pero vaise afacendo ( non lle queda outra ! ).
E alá vai ela evolucionando coma un foguete.

Labels:

Sunday, 22 February 2015

Falando de barcos


O outro día un zamorano preguntoume se lle falaba a Xela en galego. Ante a miña resposta afirmativa respondeume cun:  " Claro, no le vas a hablar en italiano".
E niso estou, luitando contra corrente e con pouco éxito pero é a miña teima e sigo nela.
E así amplío ligazóns galegas e atopo páxinas para min interesantes grazas a buscar o significado da frase: " Tal para cal, maragota e media ".
E como non todo vai ser galego preguntoume Leo sobre a orixe do nome do noso planeta e eu non sabía a resposta. Preguntei ao señor Google e topei unha resposta que me convence.
E, como estou falando de barcos, poño unha foto do Alfageme que foi pousar nunha rotonda de Coia en Vigo.

Labels: , ,

Wednesday, 18 February 2015

Entruido 2015


Practicamente rematou este entruido no que as farolas de Vilaguindastre estaban enmascaradas. Participar nunha comparsa non che dá para mirar outras pero si para mirar os disfraces da xente do público e había algúns que lembro. Había a bruxa ben feita que daba medo. Había o home con dous espantallos un por diante e outro por atrás que se movían ao seu ritmo enganchados con paus. Había a rapaza vestida de Barbie dentro da súa caixa e todo e non faltaba á súa beira Ken. Outro era un rapaz vestido de piloto de carreiras co seu coche feito de cartón colgado dos hombreiros e cun volante dun xoguete de bebés. Por haber ata había unha rapaza que semellaba trasladada dende o carnevale de Venezia. O que non mirei foi ningún disfrazado estilo busojarás de Hungría para espantar o inverno que tamén tería o seu mérito.
En fin, pasámolo ben e Leo, Xela e o curmánF aguantaron o traxecto.

Labels:

Monday, 16 February 2015

Luns anterior a entruido



Espertei cunha nota de Leo debaixo da almofada. El foi durmir á casa do curmán e hoxe tamén vai Xela.














Á volta do choio sentíame só como o peixe Robinson, o derradeiro do noso acuario.














Fun mercar e aproveitei para darlle volta aos cartóns de leite e deixalos do lado escrito en galego anque " Noso pan de bola " salta nos meus ollos.

 
O tempo pasou e o sol foise. Cada día un chisco máis tarde. Cada mes gañamos unha hora de sol.

Labels:

Thursday, 12 February 2015

Xela a cariñosa


Xela parece que vai suavizando o carácter e non ten tantas perrenchas. Hoxe saiu da piscina, colgouse do meu pescozo e encheume a cara de bicos. Cando saímos pregunteille en que coche quería ir: comigo ou con mamá. Dixo: " Con mamá que es más guapa. No tiene barba y no pica. Las chicas somos unas campeonas. "
Bueno, aparte de cariñosa; tamén hai que dicir que está simpática.

Na foto está co seu inseparable Pepini e cun xogo dos innúmeros xoguetes que saca para xogar.

Labels:

Monday, 9 February 2015

Terra de debuxos, terra real


O sábado tocou visitar a terra dos debuxos animados coas personaxes de Bob Esponxa pisando un areal totalmente humanizado con todas as comodidades posibles.
O domingo xa mudou o conto que fomos na busca dun monte no medio do bosque de Portafás e foi pasar calor, mollar pés, rabuñar mans con toxos ( hoxe teño unha man inchada ) e perdernos por diferenzas de coordenadas.
En fin, a vida é unha aventura.
A foto de abaixo é no sitio máis bucólico de Portafás.


Labels: , ,

Thursday, 5 February 2015

Cocinero gallego


Este entruido aparece un novo misterio. Na comparsa imos de cociñeiros pero mais concretamente co este disfraz que é de " cocinero gallego " signifique o que signifique iso que non lle miro eu ningunha bandeira nin nada especial.
Ao millor é polo prezo que o de cociñeiro zombi ou o de cociñeiro chef son mais caros.
Non sei, só sei que teño un novo misterio para resolver.





Labels:

Monday, 2 February 2015

Lampreas, papafigos e sangras


O outro día estivemos a falar das lampreas no taco da noite. Un compañeiro ten unha estacada e montouna hai dez días pero aínda non a estreou coma que di. Cada estacada ten establecidas noites alternas para pescar e el estivo a traballar de noite o martes e o xoves e o sábado pasado non puideron pescar pola enchente do río e ata tivo que ir recoller as luces da estacada que o río pasaba por riba tal como reflexa a foto feita hoxe e iso que xa baixou o río.
Comentamos curiosidades das lampreas como que nacen e morren no mesmo río e pasan o resto da vida vampirizando outros peixes no mar. Por América do Norte son unha praga, sobre todo nos Grandes Lagos e son gordas pero non valen para comer e cando volven ao río no que naceron deixan de comer. Soben polo río e se erran no camiño volven baixar ata enfiar o camiño correcto. No río onde naceron buscan caveiros ( fondos areosos en augas tranquilas ) onde desovar e acaban morrendo.
Daí saltou a conversa á riqueza que había de paxaros e peixes antes e un compañeiro nomeou o papafigos que non dei mirado eu nunca e tamén falou de que pescaba lampreas e meixóns nunha sangra do Cerquido. Sangra ?; encendéuseme o piloto de palabra descoñecida e preguntei o que era e dixéronme que é unha especie de regato que vai dunha gándara a un río.
E así vai o vello morrendo e vai aprendendo.

Labels: ,