leoeosseus

Sunday, 31 May 2015

San Fernando



San Fernando, pulgas á xente e moscas ao gando.



Di o refrán que empeza o verán hoxe pero xa leva uns días aquí.


E Redondela non é Vilaguindastre así que en troques de rallies e fútboles na area fan a mostra de títeres e demáis artistas. E así topamos monos xigantes, Beatles tamaño moneco, facedoras de pompas, mimos Gandhi e pelegrín a Santiago, orquestras montadas en arteluxios sorprendentes, mercadiño, futuras mamás que pintan a Xela de gata, vendedoras pucelanas que nos deixan fotografar os seus monicreques que despide tristemente cando os vende e milleiros de persoas gozando da arte da rúa.
Un aplauso para os Choqueiros !.

Labels: ,

Thursday, 28 May 2015

Evolución da educación


Leo está en terceiro de primaria e tiña que facer esas probas misteriosas de lengua, lingua e matemáticas. Probas que, di a Xunta, non valen para nada. Entón, para que se fan ?. Para avaliar os profesores ?. Para avaliar os centros escolares ?. Meten presión nos alumnos e nos ensinantes para nada ?. Deben de pensar que a xente cre que os paxariños empreñan.
Outro misterio sen resolver que queda no aire e que o tempo acrarará.

Labels:

Tuesday, 26 May 2015

Rescatando fotos

 
 
Hoxe rematan as miñas vacacións e tiven a arroutada de ir onte ata Vivenzo para retratar a evolución dos cabaceiros neste recuncho de Melón. Era media mañá e había máis cans ca xente que só mirei a dous anciáns e sentín falar a dúas persoas máis. Os cabaceiros están prácticamente abandoados e só a da dereita tiña millo.
E falando de cabaceiros non podo evitar pór aquí unha refoto dun mural dun local de Tui onde sae retratado por Ksado o conxunto de hórreos de Betanzos do que só se conservan cinco deles, seica.
 
 
 
E aquí queda arquivado.


Labels: ,

Monday, 25 May 2015

Cuadraxésimo séptimo mes ( e máis un día )


Aquí sae retratada a nena facendo unha das cousas que máis lle prestan: comer un xelado.
Xela está nunha época de reafirmación do seu  " eu " e así quere facer as cousas por ela mesma e ao seu ritmo. O malo é cando non quere vestir ou calzar algo e temos présa. Tampouco permite que se burlen dela nin o irmán nin o curmán.
Polo resto todo vai ben: aprende rapidamente ( hai que ver como millorou a letra !), busca para xogar ( anque ten mal perder ) e pinta mui ben. Tamén  lle gusta aprender cousas en galego e en inglés. Está enamorada da canción " Let it go " de Frozen e non cansa de escuitala unha e outra vez e xa a sabe bastante. Á hora de durmir gústalle que lle lean contos deses con xaneliñas e, iso si, xa volve durmir na cama grande conosco.
Agora vou cheirar a ver quen gañou en Vilaguindastre.

Labels:

Saturday, 23 May 2015

Reflexionando



Eu voto por Lituania. Ai, non; que é para mañá e hai que votar outra cousa.
Intensa esta fin de semana na que eu precisaría ter varios clons para atender o festival de Cans, a ara con bois en Barcela e o cumpreanos dun compañeiro de Leo.

Labels:

Friday, 22 May 2015

Coma burras do monte


 
Hai xente que é coma as burras do monte que quere entrar a comer o dos demáis.
 
 
 
Máis dun levará un carallo por sorpresa este domingo.
 

A ver se gaña o pobo.

Labels: ,

Wednesday, 20 May 2015

Case adulta


A semana pasada díxonos Xela que xa era maior e que ía durmir soa toda a noite coma Leo e que non ía mexar. Cumpriuno o día que o dixo e tres días máis botou sen vir para a cama grande anque si mexou no cueiro. Despois outra noite viu para a cama grande e non mexou e agora volveu vir no medio da noite para a nosa cama. Pero vai aprendendo.
Abraiuonos que dixese iso con tal seguridade e que case o cumprise.
Vai a nena medrando.

Labels:

Tuesday, 19 May 2015

As armas do PPoder



O equipo gobernante en Vilaguindastre ten os medios e a cara para pendurar carteis en sitios altos e así empoléiranos a farolas e postes e empregan máis sitios que, ao final, non lles dá boa propaganda. Porque iso de colgar carteis en edificios inacabados pola crise, ou edificios ilegais en proceso xudicial ou naves que se alugan por unha tempada e pecha o negocio...Pois que non dá boa sensación.


Outra arma que teñen é a motor e dunha especie case descoñecida de aparello que só sae uns días antes das eleccións e que varre sobre o varrido e revarrido anteriormente polas brigadas fosforitas infladas de persoal a última hora polo concello.

Pero a arma máis poderosa é a palabra por altofalante dende os coches que prodigan aos catro ventos os logros do concello expresados en correcto español. Un deses logros tan importantes e difíciles de conseguir é: - " Por gozar en Porriño de un fin de año propio. "

En fin, contra estas armas case millor será se render un.

Labels:

Monday, 18 May 2015

Nenos e maiores


Onte celebramos o sexto aniversario de R. na casa da súa avoa, abuela Cris.
Os nenos engalanaron guitarras de cartón, xogaron na piscina, merendaron, comeron a torta, deron agasallos e romperon a piñata.
Os maiores falamos de todo e arranxamos o país agora que estamos en campaña.

Todos pasámolo ben !.

Labels:

Sunday, 17 May 2015

Praia e pedros



Onte fixo un bo día de praia así que nos acercamos a Cesantes. Facía aire pero os nenos gozaron da area e da auga de todas formas. Eu retratei a praia e os nenos dende distintas perspectivas e lembrei a broma que lle fai un compañeiro a alguén novo que entre na fábrica ( cousa que ocorre cada vez con menos frecuencia ). El di que vén á praia coa muller e espera a última hora para baixar o coche onda o mar. Logo a muller enxabrona o coche e el colle o caldeiro de xogaren os nenos na praia e vai botando auga para enxaugar o coche. Os novos compañeiros quedan coa boca aberta e dinlle que así o coche se oxida pero o meu compañeiro di que non, que vai secando polo camino e non pasa nada.

Cando volviamos da praia topei"  pedros " cerca da casa e máis adiante adiantei aos responsables deses " pedros " que non eran outros que uns cabalos.
Tes que saber que por Salceda de Caselas chámanlle " pedros " ás deposicións dos cabalos. E esta palabra ía ben naquel posteo de hai tempo onde falaba destes temas escatolóxicos.
Esta é a miña contribución para o día das Letras Galegas 2015.
Que o pases ben !.

Labels: ,

Friday, 15 May 2015

Entre ovellas e astros



A nosa vida " cultural " segue anque teñamos que desprazarnos a outros concellos e así onte fomos mirar no cinema " A ovella Shaun " que non me defraudou nadiña para ser unha película de monecos sen dar unha fala en todo o tempo.
Hoxe tocou teatro co marabilloso grupo Baobab e a súa obra " Martes " que nos deleitou cunhas figuras monicreques de cores fosforitas nun esceario totalmente negro. A historia sinxela e cun final feliz fixo aplaudir a nenos e muitos pais.
 
E, entre ambas actividades, pasei unha noite con dúas horas de insomnio matinando sobre varias cousas e unha era unha frase que busquei na interrede que non lembraba e que din por Arbo e ten que ver muito con Leo que lle están tardando os dentes en caír. Despois de muito matinar dei coa frase.
Como isto serve de arquivo vou poñer a frase para que non se me repita o insomnio e unha ligazón a un refraneiro mui interesante onde atopei unha variación desa frase no seu falar.
A frase é: " Quen tarde adentece, tarde aparentece ".
A ligazón vai ata Sendim coa frase: " Quien cedo adentece cedo armanece ".
 


Labels: , ,

Cerca das Letras Galegas


 
Sen entrar na polémica sobre o merecemento do autor para ser homenaxeado; o concello safa o asunto pendurando os debuxos dos rapaces do instituto no centro cultural.
 

 
 
Hai empresas que lembran o día nos seus envases ou nas súas bolsas da compra.
 



Outros prefiren pasar o día de paparotada.

 
Anque teñen algunhas vacilacións á hora de escribir os cartaces...
 

 
E como estamos nun minifundio pois é que no mesmo concello e na mesma data outros veciños celebran outra paparotada distinta e redactan o seu cartaz propagandístico nun idioma errático que empeza sendo galego e remata español.
 

 
E mentres pasa todo isto, no colexio á miña filla de case catro anos dille a profesora que a palabra " lesmia " non existe.

En fin: País.

Labels:

Wednesday, 13 May 2015

Os cheiros das eleccións



Nas eleccións hai tres cheiros predominantes. O máis extendido e forte é o cheiro a piche: aquí e acolá andan a parchear ou a empichar pistas e corredoiras ...e muitas veces sen pedilo os vecinos !.
Outro cheiro é o do gasoil das cortacéspedes que anda a cen o persoal reflectante encarregado de xardíns. E outro cheiro que se prodiga anque menos é o da pintura e así apareceron as gaiolas dos paxariños do parque da feira co eses coloríns tan rechamantes e molóns. O que non sei é o que pasou cos paxaros das gaiolas; non sei se morrerían co cheiro ou están noutro lugar mentres non seca a pintura.
E aínda queda outro cheiro que é o da paparotada que non sei por onde cairá e cando pero seguro que hai.

Labels:

Tuesday, 12 May 2015

Virando chaquetas

 
En fin, nada que dicir.
 




Labels:

Monday, 11 May 2015

Unha primeira comuñón


Onte fomos a unha primeira comuñón polas terras do Morrazo.
Todo foi ben e xantamos cerca da praia de Menduiña mui ben atendidos e con comida boa. O sitio podo recomendalo que aparte ten unha pisciniña para o verán e unha cama elástica e unha pista de baloncesto para que non se aburran os pequenos. O sitio chámase  " Restaurante Capitán ".
A compaña foi do máis agradable a ata aprendín unha expresión de parte do avó paterno do neno: " estar de pexegueiro " que significa estar solteiro.
Este si que foi un día de boa vida !.

Labels: ,

Sunday, 10 May 2015

A dez de maio


O venres saiu Xela contenta do cole porque traía para casa a mascota " Peliños ". Esta mascota bota unha fin de semana con cada neno e nunha libreta póñense fotos e textos explicando o que fixo " Peliños " na casa do neno. O malo foi que Xela lle pintou algo na fazula do moneco e non lle dá saído.
En fin, accidents happens.


Despois dunha semana con chuvias e nubes hoxe quería saír o sol con forza.
A foto tireina cando saín de traballar de noite hai trece horas e nela a néboa desfaise en fíos entre as árbores e as canteiras.


As cada vez máis escasas anduriñas aniñan onde poden e lles deixan. Non sei se para o ano que vén seguirá o niño aí.



E nós fomos mirar a película de " Astérix e a residencia dos deuses ". Mui ben os debuxos e a historia. O que me chocaba era a voz das personaxes principais que eu nunca imaxinaría así.

Labels: , ,

Tuesday, 5 May 2015

Debullando


Levamos uns días escuitando o CD de " Migallas " e nunha canción falan de debullar o millo. O Leo quería saber que era iso e nada millor que coller dous verrouchiños do canastro de Arbo e ensinarlles a debullar. Gustoulles aos nenos a faena e pasaron a viaxe de volta en silencio sen pelexaren e debullando ata deixaren os casulos limpos de granceiros.
Agora tócame apañalos polo coche adiante antes de que naza millo !.

Labels:

Friday, 1 May 2015

Pensando nos traballadores

 
 
 
Que mágoa este tempo chuviñento !.
O concello pensaba no lecer dos traballadores para celebrar esta fin de semana en Vilaguindastre. Como non temos praia por estas terras unha boísima idea é traer uns camionciños de area, extendela e organizar un campionato de volley praia. Seica estamos en tempos de fartura e non chegaba coa solución barata de fletar un par de autobuses á praia para a xente que tivese " mono " do verán e quixese xogar coa area.
Este tempo aguou a festa ( nunca millor dito ) e aí quedou a area para outra ocasión.


Unha idea sería aproveitar esa area e facer masa para tapar eses " pequenos " buracos no pabillón de deportes por onde entra a chuvia maldita. Entra auga por varios sitios e é tanta que dá  para encher varias piscinas. Se amplías a foto podes ver canecos xeitosos tamaño piscina ao fondo á esquerda.
Pero, claro, esta idea non é tan chupiguaimolona coma a do campo de volley praia.
En fin.

Labels: