leoeosseus

Tuesday, 29 September 2015

Misterio en castrapio


Camiñando sempre se atopan curiosidades e misterios. O mes pasado topei esta pintada nunha marquesina de autobús. Xa estaba case borrada pero aínda se intúe a mensaxe que vou tratar trascribir:
" ( H )ai moita ladra a roubar luesas ?? y destruir matrimonios y queferas ? ".
Aí queda esa mensaxe en castrapio e cun par de palabras que non se entenden pero que dá para unha historia de celos ou de terror.
Se alguén me axuda a descifrar as palabras quedaría todo máis claro.

Labels: ,

Monday, 28 September 2015

Nove anos ( e máis un día )


O Leo fixo hoxe os nove anos. Non quixo festa cos compañeiros e non a tivo. Máis adiante invitará a uns cantos ao cinema cando sexa a estrea de " Hotel Transylvania 2 ". Iso si, soplou unha candea onte e outra hoxe.
Hoxe fomos cos amigos de Marín e do Irixo a un sitio en Bueu onde xantamos ben despois de mirar a danza das espadas de Marín. O restaurante está á beira da praia de Agrelo en Bueu e estivemos alí pasando a tarde cunha boira que metía frío pero os nenos enredaron coa area e a auga de igual maneira. O día rematou en Vilaguindastre coas festas e os seus coches de choque e inchables.

Labels:

Friday, 25 September 2015

Galiza is not Catalonia


Non, non estiven de viaxata por Cataluña que a foto foi tirada nesta semana en Vigo.
Xa sabemos que en Vigo de cada vez se fala menos galego pero daí a falar catalán dereito hai un cacho !. Só faltaría que o Lidl anunciase en galego nas tendas catalás que nas galegas non o fai.
E anque temos que aprender muito dos cataláns; Galiza is not Catalonia... de momento.

Labels:

Thursday, 24 September 2015

Quincuaxésimo primeiro mes


Xela está medrando. Supoño que será por iso polo que ten febre polas tardes que a xente di que son estiróns que pega o corpo. Tamén está collendo sentidiño e di cousas de nenos máis maiores. Dixo o outro día que quería estar coa nai sempre e cando morrese Naideleo quería quedar co seu pó. O outro día subiu a un inchable ( as festas de Vilaguindastre están a un paso ) e baixou de aí a pouco que quere ir a coches de choque para aprender a conducir para cando sexa maior. Unha teima que ten últimamente é a de ter unha mascota: un mono ou un can para levalo de paseo da correa que os peixes non se poden pasear. Tamén me preguntou porque digo cousas feas e palabróns cando me encomodo por algo ( como cando me tragou un CD o aparato do coche ). Nun aspecto que millorou é que agora non se enfada muito co irmán porque di que lle dixo que non lle faga máis bromas. Hai veces que nos abraia cando explica cousas ou cando se decata da ironía e di: " Si, si no quiere decir si. "
Iso, que se decata de todo e é coma una esponxa.

Labels:

Sunday, 20 September 2015

Ratificando


Non é ao cen por cen coma o do cartaz pero ratifico o escrito.
Non fomos á praia pero estaba día dela e, de feito, tomamos café e xelados nela. Non demos una volta en bici, peros si tomamos algo guai nunha terraciña ( os cafés e xelados de antes ), o Vogue queda para outro día pero si que xantamos nun furancho.
Este foi o sábado pola tarde do 19 de setembro co aniversario dunha compañeiriña de Xela nun sitio fenomenal con zombis ficticios en tumbas reais e cunha sesión de tirolina que non había quen despegase aos nenos dela. Esperemos que a compañeiriña se recupere da dor de gorxa e que goce coa familia por París.
Unha boa despedida de verán !.

Labels:

Wednesday, 16 September 2015

Males de dentes


Din que temos muitas cousas predestinadas pero máis que na fortuna eu penso que vén nos xens, ese manual de uso dos nosos corpos. O Leo anda mal dos dentes estes días e venlle por xenética que eu non os teño mui ben e da póla paterna de Leo está predestinado a levar desgustos. Xela xa os ten millores, coma a nai e a gaia materna. Non foi o caso da bisavoa Celia que lle tiraron os dentes mamotes ou de leite que os tiña enfermos cando era pequeña.
Souben diso porque lle preguntei que facían cos dentes de leite en Arbo cando lles caían e aínda non andaba o rato Pérez por alí. Ela non me soubo dicir nada e quedei sen saber se facían coma noutras zonas de Galicia que os guindaban ao lume da lareira pedindo que o dente novo fose millor.
Enteireime hai uns meses aquí desta curiosidade e hai un vídeo e todo. Tamén aparece nun traballo de fraseoloxía sobre os dentes que non ter desperdicio ningún; concretamente na páxina 43.
En definitiva, que os xens te deixen lonxe dos tiradentes.


Labels: ,

Monday, 14 September 2015

Sen ideas

 
Á mañá apurei  na torredocaminho e subín á segunda pranta para facer esta foto sen que ninguén se decatase. É o cartaz-protesta do home da limpeza para referirse ao porco que lle enche de graxa o seu asento. Non entrarei na polémica de se o merece ou non porque tamén é especial este home.
Ao que ía; fixen a foto e quería escribir algo sobre ela pero as musas ou o estro andan perdidos e busquei nos outros catorces de setembro deste blogo a ver se tiña ideas pero nin así.
E, de súpito, lembrei a un compañeiro que falou da chuvia de onte que dixo: " Onte choveu a tortas e dereitas ", unha expresión que nunca oíra. Busquei en google e non a atopei pero si atopei un blogo interesante que vou engadir á miña listaxe para lelo con vagar.
A ver se outro día estou inspirado.

Labels: , ,

Sunday, 13 September 2015

Domingo por Monçao


Hoxe acercámonos a Monçao a comer pasta e pizza nun sitio mui agradable chamado " Mangiare di Roma ", de bo servizo e comida exquisita que merece bastantes repeticións. Anque non agora que empezan mañá coas vacacións como case todo en Monçao.
Tomamos logo un café e non puiden evitar refotar unha foto que tiñan na parede.



Logo apareceu un tren turístico. Os nenos querían ir e montei con Xela, Leo e o curmánF.
O tren percorreu Monçao arredor das murallas, pola zona do balneario e o parque do río e subiu pola antiga estación de tren e tirou a Salvaterra de Miño. No tren pasámolo ben saudando á xente da rúa e as terrazas. Eu tiven a sorte de ter detrás a dúas señoras portuguesas que non paraban de falar entre elas dos sitios por onde pasabamos e así aprendín algunha curiosidade e detalles nos que non me fixara eu en Galicia. A elas sorprendíalles que estivese fechado todo en España o domingo " Até o Corte Inglés ! " e que os edificios tivesen nome: pasamos por un " Illa de Ons " e enfrente estaba " Andrómeda ".
Pasamos polo parque da Canuda en Salvaterra e descubrín a estatua dun esquelete de lamprea que non coñecía.


Dalí tocou voltar a Monçao e retirarnos que viña a chuvia.
Metémonos no Outlet de Tui e non sabiamos que había tanta xente un domingo porque nunca imos nese día. Esta visita si que non a repetimos.
E agora toca durmir que mañá hai que madrugar.

Labels:

Friday, 11 September 2015

Empeza a fin de semana


Despois de reservar o novo dormitorio de Leo tiramos para a praia para pasear e gozar do solpor sobre as illas Cíes.


Fotografei o tobogán do Di San Remo antes de que o boten abaixo un día calquera.


Paseamos e volvemos ao Di San Remo a cear algo anque non o arroz con lumbrigante. Resultoume curioso que non puxeran o nome do prato en galego e si en idiomas coma o basco ou o hebreu. Nin sequera o puxeron en portugués  que sería " arroz com lavagante ".


Empezaba a noite e soaba música no ambiente.

 
Pasou unha limusina con mulleres que supomos ían nunha despedida de solteira.
Era hora de retirarse. Está claro.


Labels:

Thursday, 10 September 2015

Volta á escola


Hoxe tocou a volta á escola.
Seica os nenos madrugaron e non chegaron tarde. Había lío na entrada que non se sabía por que porta entraban e onde tiñan que facer a ringleira. Os nenos dixeron que non traballaron e que xogaron muito e non houbo deberes. Reencontráronse cos " vellos " coñecidos e Leo ten dous compañeiros novos que repiten curso. Leo segue coa mesma profe e na mesma aula e Xela ten una profe nova que a outra ten un bebé na barriga e segue na mesma aula.
O pior foi o asunto do material escolar de Leo: tiña que levar dous paquetes de cincocentos folios, oito ! recambios de carpeta de anillas, tres barras de pegamento, ceras, axenda, dicionario, bolis, típex de boli !, escuadra, cartabón, compás, etc, etc. Como Naideleo non podía con todo ( eu estaba a traballar ) pois non levou todo. Á volta había unha nota dicindo que faltaban cousas. Había que responderlle que faltaba iso e máis un burro fariñote para levalas !.

Labels: ,

Sunday, 6 September 2015

Sen turistas


Estamos en setembro e os turistas marcharon.
Quedan uns días de bo tempo para pasear polos arredores mentres os nenos non empezan co cole e as actividades.
Así estamos por Vigo paseando polo porto e o Areal e con Xela agabeando pola estatua de Xulio Verne.


En Pontevedra, a boa vila, paseamos pola Xunqueira co seu parque de madeiras gordas e cordas e a illa das esculturas co labirinto, a casa sen portas e a casa de herba dos tres porquiños.


Ata hai sitio para aparcar na praia de Cesantes no sábado.
A marea estaba baixa e afundiamos os pes no limo. Ata fomos andando á estatua do buzo e o capitán Nemo.
Na foto está o noso coche co parasol do grandísimo Davila.


Ata Vilaguindastre nota a baixada de turistas e peregrinos.
Aquí están os nenos á beira da porta da estación do metro feita por Palacios.
A ver canto dura este tempo !.

Labels: