leoeosseus

Thursday, 29 October 2015

Samaín 2015


Seica vai ser o Samaín, cos seus mortos e os seus calacús; noite de medos e terrores. Pero como di un amigo: - Hai que ter medo dos vivos que os mortos xa están fodidos.
Así que a gozar cos disfraces e tamén coa música como, por exemplo, Paco Nogueiras co seu Samaín.

Labels:

Wednesday, 28 October 2015

De calacús, mobles e revisións


Estes últimos días andamos liados cos preparativos para o Samaín e os cambios de mobles do cuarto de Leo.
Tocou buscar calacús ou cocos como lles chaman en Arbo e logo decoralos. O Leo ía levar un Frankenstein que semella máis unha cabeza reducida dos xíbaros pero levou outro Frankenstein menos terrorífico e Xela levou un calacú con dúas emoticonas pintadas unha por diante e outra por atrás.
Tamén me tocou a revisión de saúde anual do traballo e, de momento, engordo un quilo por ano e encollo un centímetro de altura.
Agardemos que isto sexa o máis grave !.



Labels: ,

Saturday, 24 October 2015

Quincuaxésimo segundo mes


Aquí temos a alegría e a revolución da casa. Co seu corpo pequeno inunda a casa mercede á súa personalidade.
Hoxe fomos mirar a película de " Hotel Transilvania 2 " e ela foi cos nenos " maiores " que ían con Leo.
Simplemente dicir que vai ben a nena a pesares de que non come nada.

Labels: ,

Thursday, 22 October 2015

Cotovelos para comer

 
 
Unha das razón polas que me gusta mercar no Eroski é polo etiquetado dos seus produtos cos nomes nos catro idiomas oficiais de España. Pero desta vez teño que discrepar co nome deste produto da foto en galego. Eu, e polo menos a xente de por aquí do sur de Pontevedra, sempre lle chamamos cotovelos a esta forma da pasta pola súa semellanza a un dedo dobrado e non tiburóns como solucionan eles calcando o español. En cambio manteñen os galets cataláns que seguro que son máis coñecidos.
Iso si, eu antes escribía cotovelos con " B". Corrixo estes posteos e a partir de agora vou escribilo con " V " que en portugués é así.

Labels:

Wednesday, 21 October 2015

Vacacións dende un sillón


Non, non pasei as miñas vacacións nesta " casa rural " da foto; un muiño que descubrín onte mesmo na miña parroquia e que, raramente, non coñecía. Non. As miñas vacacións foron máis ben caseiras coa familia no cole e no instituto así que foi unha navegación pola interrede tipo maratoniano nos momentos que as obrigacións deixaban libres. E aprendín unhas cousas e descubrín outras e entretívenme. Foron centos de datos e imaxes que me entraron polos ollos dos que agora paso a ligar varias páxinas de exemplo.
Descubrín a Xaquín das Herbas, un home que fuxiu ao monte por medo a represalias na Guerra Civil. Viviu máis de vinte anos no monte, alimentándose do que daba o bosque e vestíndose con peles de animais, algo impensable nestes días de sumisión ao consumismo.
A lingüística galega é a miña devoción así que cando lin o posteo este tiven que buscar algo que falase da confusión entre Gagán, Jaján e Xaxán, o nome dun monte do Morrazo e, tirando do fío, apareceume unha relación de lendas do Morrazo.
E andando polo que queda do blogomillo atopei unha curta interesante titulada " Os castelos da fame " que trata dos tempos do estraperlo cun final inesperado pero lóxico cen por cen.
Tamén tiven ocasión de facer sendeirismo literario que cansa menos e ten o seu aquel.
E agora á tarde toca mudar o sillón da casa polo asento da carretilla elevadora.
A vida do pobre éche así !.

Labels: , , ,

Sunday, 18 October 2015

Domingo de Rodarirrodari


Este día demos unha volta ata Ourense onde Fantoches Baj actuaron co musical " Rodarirrodari ". O musical recrea a vida arredor do tranvía de vapor de Marín a Pontevedra, os seus empregados e usuarios. Tocan músicas diferentes e con instrumentos pouco comúns e no remate van os nenos que queiran enganchados ao fogoneiro Moncho por todo o auditorio.


Despois fomos xantar ao centro comercial onde aparecían aquí e acolá fragmentos de poesías de autores ourensáns. A min gustoume particularmente este que retratei.
Entre a xente había algúns competindo nunhas mesas cuns taboleiros da guerra das galaxias ou algo semellante. Muitos dos participantes tiñan lentes e camisolas negras. En contraste cerca había un grupo de deportistas todos esbandallados polo chan ou sentados nun sillón de masaxes. Todos estaban co seu móbil e o seu tupé de futbolista de moda.


Saímos ao parque que está á beira do centro comercial e retratei a serea diabólica esta con cornos e todo que amamanta o seu fillo tritón.


A min gustoume máis esta obra de Buciños cun pai alzando ao ceo ao seu fillo.
Isto foi o que deu este domingo ourensán.

Labels: ,

Saturday, 17 October 2015

Adeus ao Rabudo


Semella unha broma macabra pero hoxe, día de san Ignacio; quedou convertido en cinsas o periodista e blogueiro Nacho Mirás Fole. E digo broma porque el non casaba coas ideas eclesiásticas pero así foi.
Sempre admirei a súa escrita e non cheguei a coñecelo en persoa pero coñecer coñeciámonos dende aqueles tempos nos que eu andaba polos EEUU mercede a isto da interrede.
Deixo unha foto dun Panxón cunhas dunas de haberá oitenta anos que hoxe está descoñecido polo cambio.
Supoño que lle gustaría esta imaxe porque lle gustaban as fotos en branco e negro.


Labels: ,

Thursday, 15 October 2015

Mulleres do campo


Hoxe é o día da muller rural e así retrato un terreo da comunidade de montes que antes era un piñeiral. Din que a sociedade rural é mui tradicional e conservadora pero non é tan así. Por aquí tamén se prantou na súa época tabaco e kiwis con distinto resultado así que agora é o turno de prantar oliveiras.
Supoño que haberá que aproveitar o cambio climático.
Sorte para os homes e mulleres do campo.

Labels:

Wednesday, 14 October 2015

Por eses camiños

 
Hoxe Xela foi invitada a xogar á casa dun compañeiriño e alá a levei. Primeiro cría que a casa era no camiño dos Ferranchos pero chamei á nai e díxome que era o seguinte camiño, o camiño da Marquesita que se levantase a cabeza volvía á tumba con adornos que lle puxeron no poste.
 





Máis tarde comemos unhas uvas dos paxariños que non son " vergonzas " senón uvas que nacen naturalmente de viñas abandonadas e que son sás, sen ningún produto artificial e están boísimas.

Labels: ,

Tuesday, 13 October 2015

A martes e trece

 
Pasan os días e o mundo segue a dar voltas.
Descubro a un artista de Vilaguindastre que toca e pinta: Paz Antón.
Na exposición que hai na biblioteca encheume o ollo co ese colorido desta etapa súa.
Buscando guerrilleiros galegos topei a Pancho, un guerrilleiro de Mugardos que facía cartaces e todo.



E Xela quixo sair a tripar charcos e pasouno ben.


Hoxe é martes trece pero non pasou nada malo... e que o demo sexa xordo !.

Labels: ,

Saturday, 10 October 2015

Domingo Fontán



Estou lendo " Outra idea de Galicia " de Miguel Anxo Murado e nas primeiras páxinas aparece unha personaxe real que me encheu o ollo. Era Domingo Fontán, un matemático galego que percorreu TOOOODA Galicia a pé e dacabalo durante dezasete anos para levantar un mapa tan preciso  en 1834 que tardaron muitísimos anos en milloralo.
Unha personaxe así tivo secuelas na man dun brasileiro que intentou emular a proeza esa hai poucos anos.
Non me extraña que Domingo Fontán dea para escribir unha novela de premio !.

Na foto está o alto de San Colmado con boas vistas de Vilaguindastre, como reflexa Domingo Fontán no seu mapa onde está a letra N da provincia Pontevedra.

Labels:

Wednesday, 7 October 2015

Caíron da burra


Caíron da burra e mudaron o cartaz e agora xa o miramos en perfecto español, como ten que ser en Vigo. O motivo do cambio si que non cho sei. Teño tres teorías, a cada unha máis retorcida ca outra. A primeira é que os cataláns non aceptaron claramente a independencia e deciden facer a retirada das colonias coma Galicia. A segunda é que pasou Anne Igartiburu por diante do cartaz e dixo que ela fala cinco idiomas pero non catalán así que ordeou o cambio ipso facto. E a terceira teoría que teño é que os directivos do Lidl len o meu blogo todos os días e decatáronse do erro.

Labels:

Tuesday, 6 October 2015

Outubro comeza


Empeza outubro ou outono coas primeiras tormentas que logran tirar o poste de teléfono de Arbo. Tamén nós acabamos coma pitos no día de onte nunha batagada fechada que comezou de súpito e que non deu parado a tempo.
Tamén empecei unhas vacacións pero quedei a última noite de traballo algo sorprendido cun compañeiro de traballo. Resulta que foi á  reunión de pais de alumnos e a profesora falaba galego e recomendou aos pais falar galego na casa cos fillos porque ían ser todas as clases nese idioma. El percibiuno coma unha imposición pero o que máis lle repateou foi o que contou despois. Resulta que algunhas nais falaban despois coa profesora en galego e nais que falaban " castellanito " sempre, como dixo el; pero que había unha que, pola razón que sexa, falaba castelán coa profesora e o que lle encomodou ao meu compañeiro era iso, que a profe seguise falando en galego coa nai do alumno, que era unha falta de educación; que tiña que falar en español. Eu díxenlle que non, que mentres a nai entendese o galego temos dereito a falar en galego e que eu eliminaría o problema se fose ministro de educación de España: poñería os catro idiomas oficiais como asignatura en todo o país. Ese compañeiro e os outros dous que había alí, todos galegofalantes, non sabían se estaba eu en serio ou en broma pero de eu a ti, dígoo en serio. Que despois pasa o que pasa e o meu Leo non quere ir mirar a película " Maimiño " porque está en galego e Rajoy, que nunca fala en galego, atrévese a falar en catalán !.
En fin; que tiña que soltalo, que mexan por un e hai que dicir que chove.

Labels: , ,

Thursday, 1 October 2015

Xan Carallás


Un día foime a vista para unhas estrañas figuras nunha entrada dunha casa mentres conducía. Pasei varias veces e, ao final, decidín fotografar o conxunto que non ten desperdicio e que tentarei describir.
De esquerda a dereita hai unha columna cunha figura dunha muller cunha cesta na man dereita e unha nena detrás colléndolle a man esquerda. Logo vén a outra columna da cancela que ten no alto un canteiro traballando cunha maceta e un punteiro que, supoño, será o dono da casa porque dentro hai máis obras de cantería. Logo diante vén o conxunto que máis resalta á ollada que son os dous escudos de Redondela e Mos dándose un apretón de mans. Precisamente este conxunto está ben situado porque a casa está en Redondela na extrema con Mos. Diante hai un cruceiro no medio dun xardinciño e, finalmente, xunto á escaleira que sobe á casa hai unha figuriña dun home coas pernas arqueadas e boina e que ten un nome debaixo: " Xan Carallás ". Entroume a curiosidade e preguntei a Google pensando se sería a nomeada do canteiro da casa pero non e, por riba, souben muitas cousas dese Xan Carallás. Resulta que di a lenda que naceu nun bosque de Ventosela, unha parroquia de Redondela e que decidiu meterse de mariñeiro a navegar por todo o mundo e á volta fundou Redondela. Esta personaxe ten unha peña, ten cancións, ten un bar e Castelao fíxolle un debuxo ( que é a figura que representa normalmente a Xan Carallás ). Vamos, que é importante en Redondela.
As cousas que se aprenden tendo os ollos abertos !.
Deixo aquí máis fotos do conxunto.



Labels: ,