leoeosseus

Saturday, 28 November 2015

O canastro de Arlo


Hoxe tocou sesión cinematográfica coa estrea da " Viaxe de Arlo ". A película é bonita e con paisaxes espectaculares e unha idea orixinal. Comeza cando o meteorito que tiña que acabar cos dinosaurios hai millóns de anos se desvía e non choca contra a Terra. Entón seguen a reinar os dinosaurios e os herbívoros aprenden a cultivar a terra e os carnívoros cuidan gando mamífero. Os dinosaurios da foto sementan millo, régano, esfóllano e gárdano no canastro da foto que me resultou simpático cos pés de madeira e tanta pedra por riba que ata a porta é unha pedra. Quen entra a roubar o millo non é un rato senón un neno humano que non fala e semella un can polo que fai e como anda.
Despóis segue a película coa relación entre o dinosaurio Arlo e ó seu amigo-mascota Spot, o neno.
E non conto máis.

Labels: ,

Wednesday, 25 November 2015

Quincuaxésimo terceiro mes ( e mais un día )


Aquí está a artista cun debuxo de Greg que se aprecia máis se se amplía.
Gústalle debuxar, patinar, xogar, mirar a tele, bueno, todo menos comer. Segue co seu carácter forte e querendo ser a primeira pasando por riba de Leo. Pero normalmente é cariñosa e alegre.
Fala mui ben para a súa idade pero aínda ten alguna curiosidade como " tirámide " no canto de pirámide.
A ver como evoluciona.

Labels: ,

Tuesday, 24 November 2015

Colleita 2015


En Arbo din que cando o labrador ten o millo no canastro, o viño na pipa e o porco na salgadeira entón xa ten a colleita do ano feita e así o domingo os avós remataron a colleita coa mata dos porcos.
A matanza foi coma de costume anque á hora de queimar o pelo dos animais usaron este ano o soplete de butano pero rematar, remataron cos fachucos de colmo de sempre para darlle o dourado da pel. Logo tocou penduralos e vacialos das tripas e as entranas.
Á tarde adicámola a larear de todo: alimentación de porcos ( con millo escarrolado, ou sexa, partido), política, curas, veciños coas súas nomeadas curiosas como " Pato Bravo " ou " Cona Chiva " ou veciñas que son calouras, signifique o que queira significar isto anque non creo que sexa un piropo. Souben dos tempos dos " guardias de campos " que non deixaban levar o gando ao monte reprantado de piñeiros onde antes pastaba o gando de todos os veciños. Tamén aprendín que non toda a xente pode ver a Santa Compaña ou As Xans e que aínda existen. O remedio que empregan por aquí para que non te leven é arrimarte á dereita do camiño, cruzar os brazos e non mirar para a aparición.
No luns tocou partir e salgar e houbo máis lerias e contos verdes como o do moniño dos tres biberóns. Apareceron vareixas zoando e fun quen de matalas cun pano e evitar que caguen na carne. No xantar saiu na tele o coche sen condutor que foi de Vigo a Madrid. A xente dicía que era un adianto pero eu dixen que era para mandar ao paro a camioneiros e chóferes de autobús. Unha señora dixo: - E de que vai traballar esa xentiña ?. " Iso non lle importa aos políticos " - respondinlle eu. - Terán que matar vareixas - retrucou a muller. E todos riron.
E así foi.

Labels: , ,

Friday, 20 November 2015

Inspiración


Pregúntanme de onde saco o que escribo pero non hai misterio ningún. Eu camiño tranquilo e aparece unha imaxe que me choca. Fotografo a escea e logo matino que pode ser. Neste caso pensaba que a policía local quedara sen cepo pero non pon nada de policía local na fita. Logo pensei que é unha broma do estilo que se lle fai aos recén casados pero por fin caio da burra. Seguro que o dono non pode fechar o coche e para que non llo rouben non se lle ocorre millor idea que empapelar así o coche  e atalo a unha farola.

Labels:

Tuesday, 17 November 2015

Preguntas


Mentres os adultos nos preguntamos por que hai atentados ou por que esta crise segue afectándonos tan de cerca; os nenos teñen outras preguntas para satisfacer a súa curiosidade. Xela o outro día preguntou cal foi a primeira canción da historia e non hai resposta para iso. Leo tamén preguntou pero a súa pregunta tiña resposta que eu non coñecía. A pregunta do Leo era: Cal foi o primeiro debuxo animado ?.
Se non o sabes aquí está Fantasmagorie. Gózao.

Labels:

Saturday, 14 November 2015

Calcetíns e patinaxe

 
 
Hoxe os nenos estaban dispostos a bater retos do programa Selfie Show. Xela puxo na cabeza seis viseiras e Leo quería bater o récord de calcetíns e cando levaba quince pares empezou a sentir presión nos pés e tocou quitalos.


Pero á tarde Xela cumpriu un dos seus soños: patinar sobre xeo. Foi en Ourense e temos que repetir a experiencia que lle gustou. Desta vez acompañouna Naideleo que non sabe patinar e para a próxima tocarame a min que tampouco sei. Xa me doe todo o corpo de pensalo !.

Labels: ,

Wednesday, 11 November 2015

Sobrevivo en el tiempo



Hoxe San Martiño acordeime á última hora do día que é e esquecín mercar pions para os nenos.
Xela foi ao aniversario de dúas compañeiras que naceron tal día coma hoxe hai catro anos: o 11 do 11 do 11. Doado de lembrar. Ese mesmo día abría Jc un novo blogo e hoxe fechouno para tristura miña. E falando de blogos, quedei abraiado co que lle pasou a Zeltia cuns pais duns nenos.
Pero a interrede dá bos momentos como demostra Canto Ghalpón.
E, coma os porcos de Arbo que safaron este San Martiño porque non vai frío; eu tamén sobrevivo agardando o meu San Martiño.

Labels:

Saturday, 7 November 2015

Mamacabra, calacús e pinchorriño



Á tarde fomos a unha actuación de Mamacabra e sorprendeunos o cambio de músicos. Tamén a cantante principal é nova e chámase María. Gloria, a cantante destes quince anos que celebraban como grupo, apareceu para cantar unhas cantas cancións. Entristeceunos mirala como decaída ou enferma pero segue conservando o chorro de voz de sempre.

 
 
 
Despois volvemos a Vilaguindastre que celebraba a noite dos calacús con música e castañas pero Leo non aguantaba a música e fuximos do lugar. E fomos a unha cafetería a tomar o pinchorriño, a tapa que dan algúns bares coa consumición nas fins de semana de novembro.



Labels: , ,

Wednesday, 4 November 2015

Tempo de chocolate


Quen o diría; saes da casa e aparece unha reliquia de automóbil que ofrece chocolate quente de balde a quen queira. Leo non entendía como pode gañar cartos unha empresa dando o seu produto gratis e tiven que explicarllo.
Cousas así dan azos a saír da casa anque faga mal tempo.

Labels:

Monday, 2 November 2015

Na terra das Xacias


Aquí retrato o mural dunha xacia e os fillos feito pola sociedade Cestola na cachola porque entre onte e hoxe pegamos unha volta polo Acedre e arredores.
Baixamos camiñando ata o río Cabe e menos mal que iamos amodo ( " a gusto " din por estas terras luguesas ) que, se non, saltabamos este stop camuflado.


No río tiñamos a posibilidade de bañarnos estilo xacia, así en coiro, que había unha pintada animándonos pero a auga estaba fría.


Á volta pasamos pola imaxe de postal do Cotillón.

 
 
Tamén pasamos polo palco de música co seu ximnasio cuberto que hai que aproveitar a construción.
 
 

 
 
E na noite do Samaín mentres os nenos esperaban acontecementos terroríficos na cama, eu aprendín a xogar á " pocha ", un xogo de naipes.
 
E remata esta fin de semana.

Labels: , ,

Sunday, 1 November 2015

Por Allariz


Si, este mes finalizaba o festival internacional de xardíns de Allariz deste ano e alá fomos.


Había varias representacións e a min gustoume especialmente esta de dúas italianas.

 
A que gañou o ano pasado era especialmente orixinal porque era unha casa prácticamente invadida polas prantas. A Xela e Leo gustoulles esta cociña tan vexetariana.
 


Despois demos unha volta por Allariz, unha vila ben conservada e con vida comercial.


Esta noite é unha noite especial e había muita xente disfrazada pedindo lambonadas polas rúas.


Tan misteriosa é esta noite que ata aparecen cartaces fantasmas onde se adiviña o nome gravado daquel soño xa desaparecido das Galescolas.

Labels: