leoeosseus

Wednesday, 30 March 2016

Medio século


Life does not have to be perfect to be wonderful.
A vida non ten que ser perfecta para ser marabillosa.
I agree. Estou de acordo.

Labels:

Sunday, 27 March 2016

Viaxe a Cantabria


Estamos recén chegados de Cantabria. Teño máis de trescentas fotos e mil lembranzas. Imposible resumilo. Así que deixo un esquema: foz do río Pas en Liencres, hotel Playas de Liencres coa súa piscina e discoteca infantil, Cabárceno coa súa paisaxe e os seus animais e os seus problemas para os peóns, o paseo por Santander e a península da Magdalena, o museo marítimo e o acuario, o funicular do río Pila, o paseo ao faro do Cabo Mayor e o repentino cambio de tempo, Santillana del Mar, etc.
Mui grande é Cantabria !.
Faime lembrar un gran blogo.

Labels:

Thursday, 24 March 2016

Quincuaxésimo sétimo mes



" Te voy a decir algo ": así empezan muitas das conversas de Xela que está mui espabilada e que leva unha tempada comendo bastante ou con esa intención.
Non hai muita queixa.

Labels:

Monday, 21 March 2016

Desaprendendo


 
Mentres en Arbo aprendo, en lugares onde supostamente tiña eu que aprender; pois desaprendo. E así no colexio dos nenos poñen o menú para coñecemento xeral e aparece un " axillo " difícil de tragar e nunca millor dito. Postos a non saber poderían traducilo con alliño que é una tradución a machada pero algo lóxica ou co correcto allo sen máis voltas.
 


No español creo que tampouco vou aprender muito con esta puntuación, esas maiúsculas e o " acede " e " hacer el favor ". E para máis chiste o escrito está na porta dunha biblioteca dun centro cultural.
En fin...

Labels:

Sunday, 20 March 2016

Tirabeques e chiar


Sigo a aprender e hoxe aprendín que os tirabeques ( na foto ) son unha pranta distinta dos chícharos. Eu cuidaba que eran a mesma cousa só que os tirabeques se comían enteiros e os chícharos eran o de dentro pero non. É certo que sei pouco do campo.
Outra cousa que aprendín foi o de " chiar " e " chía " que non é outra cousa que o tres dos naipes ( chía ) e cando esa carta é collida polo as ( chiar ). Estas palabras busqueinas pola interrede pero non as dei topado.

...e o que me queda por aprender !.

Labels: ,

Saturday, 19 March 2016

Hoxe fun pai

 
 
Chimpando con Xela a pirata de illa a illa nese mar cheo de tiburóns ( quen mo ía dicir ! ).
 

 
 
Acompañándoa a un cumpreanos dun compañeiro onde a nena pirata converteuse en ninja matadora de zombis.
 




Por cousas así e máis levei un agasallo.
Anque o pincho da nena aos meus brazos na saída do cole é un regalo maior.

Labels: ,

Thursday, 17 March 2016

Segunda avaliación



Esta semana deron as notas dos nenos e hai que dicir que estamos ledos co elas. Xela vai mui ben e a profe está mui contenta co ela, bueno, a terceira profe que só fan marchar e esta é a terceira que ten. Dos corenta e catro puntos que evalúan o coñecemento de si mesma e autonomía persoal, coñecemento do contorno, linguaxe, comunicación e representación e lingua inglesa todos os cumple sen dificultade menos cinco que están en proceso.
En canto a Leo dicir que superou o baixón da primeira avaliación e sacou todo ben e notable e estamos mui orgullosos del. O que si hai veces que non entende algunha situación como cando saiu todo encomodado que unha compañeira se ría del cando afiaba un lapis de cor. Pero bueno, calquera non se ri de como quedou o lapis de aproveitado. Leo ten que aprender que non se rían del senón do resultado.

Labels: ,

Sunday, 13 March 2016

Pura e simple envexa


 
Admiro e envexo a muitos artistas da rúa. Xente que arrinca notas e alegría dun instrumento ou xente que na humilde area mollada levanta monumentos de vida efémera.
 



Labels: ,

Friday, 11 March 2016

Por camiños case esquecidos

 
 
Onte estaba bo día para pegarmos unha volta así que exploramos a parroquia por camiños vellos transformados polo tempo e o paso da autopista. Precisamente nun paso inferior da autopista topamos esta pintada que me dá sá envexa. Ogallá eu soubese pintar así !.

 

 
Para atallar había que pasar por un campo de millo protexido cun vareiro duns catro metros de altor e coroado cunha cachola curiosa .
Supoño que estará para asustar aos xigantes que pasen por aí !.
 
 
No medio do bosque estaba a fonte do Seixido vida a menos de cada vez que paso por ela coma o muiño veciño que malamente conserva dúas paredes.
A fonte é un monumento que perdeu valor ao non ser potable a auga que verque polos tres canos.
 

Despois do " gato " salvaxe e a cabeza xíbara que millor para rematar a escea selvática que esta foto co ghalpón do Baluba. Todo un imperio nado no medio dun terreo forestal enriba dun regato e cuns muros altos. Vaia, un atentado contra todo protagonizado por ese home dos dous botóns desabrochados da camisa, que apoia o brazo na xanela do coche e que non paga aos seus empregados e cobra as changas aos clientes coma se fixese unha obra de arte.

 
 
Para contrarrestar o megaghalpón capital do imperio Baluba está a nave de Nación Pizza Pasta & Grill cunha fachada verde e fresca.
 
E isto deu a paseata por camiños case esquecidos e borrados.

Labels: , ,

Wednesday, 9 March 2016

Mulleres e fobias


Onte foi o día internacional das mulleres e o centro de Vilaguindastre estaba adornado con fotos antigas da primeira alcaldesa, concelleira, de mestras, unha pianista, etc. Tamén había fotos de vendedoras e faltaba esta foto de lavandeiras que viña ben a conto.
Está mui ben que se visualice o traballo de todas as mulleres que o mundo non sería así sen elas.
Mudando de tema, o Leo mais eu estivemos buscando nomes de fobias como cinofobia ( medo aos cans ), acrofobia ( medo ás alturas ) ou escotofobia ( medo á escuridade ) que son bastante comúns. Logo hai medos máis raros e entre eles topei un que por fortuna non teño: calixinefobia.

Labels: , ,

Sunday, 6 March 2016

Roedores


Estes días andamos celebrando o aniversario de Naideleo e dando voltas por aí adiante. O sábado miramos a obra de teatro " Roedores " que trata da amizade entre unha rata e un hámster siberiano. Na obra tratan da igualdade de sexos e que non hai diferenzas cando dous queren. Houbo cancións con ukelele e sombras chinescas e estivo mui ben. O ukelele encántame dende que escuitei a canción " O bo, o malo e o feo " na interrede.
Despois fomos a unha cafetaría que ten unha foto de Vilaguindastre nun día de feira e non demos adeviñado o ano da foto.
 

 

Rematamos ceando nun restaurante vexetariano que non chistou muito aos pequenos pero non vai ser sempre onde eles queiran, nonsi ?.

Labels: , ,

Friday, 4 March 2016

Noites a choiar


Tócame traballar de noite unha tempada e hai que ilo levando. Menos mal que hai compañeiros faladeiros e simpáticos que contan chistes e anécdotas.
Un deles estaba farto dun compañeiro xa xubilado que non paraba de gabar o seu can que traía o periódico, que fai tal, que facía cal, etc. O can rematou por morrer e o dono seguía a gabalo entón un dos Aleghres díxolle:  -  " Pois eu tamén tiña un bo can que facía de todo e morreu electrocutado ". - " E como ? "- preguntou o xa xubilado abraiado. - " Pois estaba a arreglar o televisor ".
Cando paramos de rir outro dos Aleghres lembrou outro conto de gabar cans. Vai un e di: - " O meu can di " Buenos días " e respóndelle outro " Iso non é nada. Teño unha lata na casa que di Melocotón en almíbar ".
Tamén contaron dun día que ían á casa dun compañeiro da mili e polo camiño topáronse cunha muller cun brazado de herba e con muito pelo na cara e díxolle o Aleghre ao compañeiro da mili: - " Mira unha muller con bigote ". O compañeiro da mili díxolle: - " É miña nai ". O Aleghre non se cortou e remendou: - " Pois que ben lle queda o bigote ".

E así pasamos a noite... e traballando tamén.

Labels: