leoeosseus

Friday, 29 July 2016

Por terras lucenses


A fin de semana pasada fixo calor ( como en todo xullo ) e decidimos fuxir del ao norte de Lugo. A viaxe empezou torta coa volta a casa na busca dun neceser enriba da cama. Queriamos ir visitar a casa de Manuel María e tiramos a Palas de Rei. Pasamos por sitios novos como a sede dos amigos da bandeira española ou un cemiterio abeirado á estrada que se choca un coche atropela defuntos. Seguiu a viaxe co vento en contra porque non era Palas de Rei senón Outeiro de Rei onde tiñamos que ir. Unha vez en Palas fomos visitar o Castelo de Pambre, bueno, por fóra que está en rehabilitación.


Dalí fomos xantar ao centro comercial As Termas de Lugo co seu aire acondicionado e a súa reprodución dun mosaico do tempo dos romanos atopado hai poucos anos. Mágoa que saian as maletas na foto ou quizás ata quedan ben que lle dan cor á foto.


Chegamos a Foz e fixemos unha peregrinaxe coas maletas buscando as chaves e por fin topamos o apartamento que parecía de catálogo Ikea. Fomos á praia da Rapadoira e estivemos ata despois de que marcharan os socorristas que tiveron sete incidencias e ninguna vítima e recibiron un aplauso dos bañistas. Leo e o curmán bañáronse na lagoa que se forma na praia cando sobe a marea e fomos os últimos en marchar do areal.


No día seguinte fixemos o paseo ata a praia de Llas e aprendemos sobre Os Castelos e curiosidades desta costa.


Non podiamos  deixar Foz sen visitar o castro de Fazouro á beira dunha estación pechada do FEVE e coa Mezquita da Misericordia nun almacén ferroviario.

 
 
Logo fomos visitar a Basílica de San Martiño de Mondoñedo, a igrexa máis antiga de España, seica. 
 


Iamos parar na finca A Galea en Alfoz pero estaba pechada por ser luns e tiramos a Mondoñedo. Iamos xantar no Centro Social pero estaba cheo así que estragamos os cartos en El Peregrino, un lugar para non repetir. Xa se sabe, quen chega tarde nin oe misa nin come carne.



Tiramos cara Lugo e fomos pasear polo parque do río Rato anque facía un chisco de calor. Chegamos dende o restaurante á ponte coa pintada da Venus de Willendorf vestida de coelliña Playboy e pegamos media volta parra volver a casa que os nenos estaban cansos.
Ceamos no D' Camino de Ribadavia e chegamos a Vilaguindastre que nos recibiu co dobre de grados que había en Foz.
E por aquí seguimos.

Labels:

Wednesday, 27 July 2016

Sexaxésimo primeiro mes ( e mais tres días )


Aquí temos a xoubiña co seu sorriso feliz. Ten uns ollos mui expresivos e sabe como usalos. O malo é cando se pon teimuda e faltona e chega a pegar e insultar. Cando lle afeamos a conduta e ameazamos con castigos di " Me olvidé " e volve estar ben ata que lle dá outra arroutada. E hai días que non sabemos que facer co ela. Espero que lle pase isto coa idade porque no fundo ten bo corazón.
Do resto coma sempre: come pouco anque hai días que come unha barbaridade pero no seguinte xa deixa de comer. Xoga co irmán a iso dos Yokai anque hai veces que remata mal o asunto. Segue co cueiro de noite e pouco máis se pode dicir dela.
Resumindo: segue activa e con carácter.

Labels:

Saturday, 23 July 2016

Tarde en Baiona


O outro día non facía tempo de praia así que fixemos de turistas e fomos a Baiona.
Unha visita imprescindible é subir á réplica da carabela Pinta que chegou a Baiona en 1493 coa nova da chegada a América. Pasear pola pasarela ata a carabela é como ir andando por riba do mar e podes case tocar os omnipresentes muxos. Na carabela os nenos distinguían os visitantes das figuras que representan mariñeiros e indios. Puideron ver canóns daqueles tempos e outras armas, tamén prantas e animais que viñeron daquelas terras e inventos como a hamaca.


Outra visita obrigada é á estatua da Virxe da Rocha coa súa escaleira en caracol no interior e o mirador na chalana na man dereita da Virxe. É de granito anque a cara e as mans son de mármore.



No parque do monte da Virxe da Rocha había un rótulo cunha cara dun trasno ou algo así e dicía " Visita ". Leo máis eu subimos por aquel carreiro e descubrimos un penedo que semellaba a cara dun ogro ou trasno. A outra é a Virxe da Rocha e esta é a raíña dos trasnos.
Dá gusto revisitar sitios de cando en vez !.

Labels: ,

Thursday, 21 July 2016

Chibo expiatorio



En todas as empresas hai un minimundo de relacións persoais. Os empregados van dun extremo a outro e así hai xente boa e compañeira e xente ruin que só mira a súa comenencia. Na Torredocaminho acontece o mesmo e teño compañeiros que son verdadeiras xoias, outros que non son malos compañeiros e algún que sobra. Este é o caso do Porcobravo, un empregado farfulleiro e faltón, que vai teso coma un pirú, que traballa ao seu ritmo: tanto bota horas co móbil como arrinca a toda velocidade e todos lle estorbamos, que tira cafés de moca dos transportistas e que pensa que só el vale e que enreda a uns e outros ( de cada vez menos ) para conseguir o que quere. Ten don de xentes e busca tema de conversa e así engana a calquera. Un dos enganados foi o xefe que o meteu nun posto con responsabilidades e todos dixemos: " Meteu a raposa no galiñeiro ".
Falando cunha compañeira da oficina dixo que o xefe cando se arrimou ao Porcobravo é que quería un " chibo expiatorio " e pregunteille que quería dicir. " Si, un chivato que espía ". Díxenlle que estaba equivocada e que comprobase o significado de " chibo expiatorio ". Ela remendou e dixo que o xefe quería un " lameculos " que non soa nada fino pero que entra na categoría do Porcobravo pero que foi máis alá e tamén acabou por meterlla dobrada ao xefe.
En fin.
Na foto un chibo camuflado que debe estar a espiar.

Labels: ,

Monday, 18 July 2016

Solucións para a calor


Unha solución sería vivir nun lugar como o da ilustración: verde e cheo de augas que corren, saltan e cain.
Pero, é claro, isto é unha utopía.


Máis práctico é acercarse á praia das corenta cordas e perseguir peixiños como Xela ou xogar unha pachanga como fai Leo que últimamente lle presta o fútbol e mirar arroaces entre chalanas, iates e bateas.


Non está nada mal refrescarse en chafarises como os que hai en Sanguiñeda, a un paso de Vilaguindastre.


E a falta de piscina pode safarse cun lavadoiro cheo de auga fresca.
O asunto é hidratarse por fóra e por dentro !.


Labels:

Friday, 15 July 2016

Quen foi ?


" Xan Ninguén, que foi a ningures e logo vén. " Esta é a resposta á pregunta curiosa de quen fixo algo e non é da incumbencia do que pregunta.
No choio aprendín iso e o de " Manoliños " referido a chinchos de tamaño pequeno.
Sigo aprendendo anque o asunto do camioneiro en Francia que atropelou a tanta xente inocente, ese si que non me ensina nada.

Labels:

Tuesday, 12 July 2016

Aunios



Estes dous días pasados estivemos facendo campismo en Ons ( o Aunios dos romanos ). O parque de campismo é novo que ten unha semana dende a súa apertura. Para non lombear as cousas collemos unha das tendas grandes da foto que xa están montadas e teñen catro camas con todo o necesario para durmir.
O cámping está ben pero o servizo na cafetaría pode millorar bastante: non se enteiran muito, non limpan nin recollen demasiado e faltan cousas xa dende o principio.



Despois de desembarcar entramos na zona de restaurantes, oficina de información e centro de interpretación da illa. Tamén hai unhas casas que debían de ser das chamadas baratas daqueles tempos de Franco. Da mesma época é a igrexa que ten unha fachada que semella portuguesa polos azulexos e cunha invocación en galego: San Xaquinciño da illa danos un ventiño de popa pra chegar oa ( sic ) noso porto que temos a vela rota. Esta illiña gallega defensa da nosa ria e devota a San Xaquin o pai da Virxen Maria.


Tamén andando por esas praias atopei outra inscrición máis actual e mandando unha especie de maldición: Que te acuerdes de mi cuando le pongas a otra el anillo.


Os nenos non son nada de andar pero conseguimos que fixeran a rota do faro; un dos derradeiros habitado polo fareiro.


Na volta puidemos ver exemplos de construcións típicas illáns que son casas terreñas co seu canastro e algúns cortellos xa inutilizados. No caso da foto a casa estaba inutilizada pero o canastro foi habilitado como chilote ( vivenda de verán ). Non me extraña que a Xunta agora queira cobrar por estes anexos da casa !.

 

Noutros casos o canastro desapareceu pero parte dos seus elementos adornan o xardín de forma mui chic.

 
 
 
Houbo tempo para a praia como a da Area dos Cans e a de Canexoi. A de Melide quedaba mui lonxe para os nenos.
 

 
 
Nas dunas había vexetación merecente dunha foto que non fai xustiza da beleza real.
 

 
 
Os nenos pasárono ben na supertenda escapando do Mostro da Sopa que era un que escribe.
 

 
 
No centro de interpretación da illa falaban da illa, da súa xente, da flora e da fauna e tamén tiña unha exposición temporal de escolas antigas e precisamente o centro de interpretación foi a escola da illa.
A illa está chea de coellos e Xela descubriu un que vive neste centro de interpretación.


 
Outra rota pequena que fixemos foi a que vai ata os restos do castelo. Os nenos case nin se enteiraron porque estaban falando dos yokai da tele.
 
 
 No inicio da rota estaba unha dorna como triste testemuña daquel pasado de hai cincuenta anos e máis.


Nada, que hoxe marchamos da illa de Ons que eu non teño vacacións. Quedoume pena de non irmos ata o Buraco do Inferno pero os nenos non son nada andareiros.
Outra vez será !.


Xa en Bueu topou Leo unha carouca ou vacaloura que estaba nas últimas, a pobre. Estaba na porta do Gadis e aí rematou a súa vida.
Tamén visitamos o museu Massó onde os nenos descubriron como se facían as conservas de peixes e miraron maquetas do barco que deu a volta ao mundo e do que descubriu América. Tamén miraron un peixe voador e osos de balea e as mil utilidades que tiñan as baleas.
Logo xantamos no restaurante Ramón que non defrauda pola calidade, prezo e servizo ( nada que ver coa Illa ).
E fuximos que había muito aire.

Labels:

Thursday, 7 July 2016

Con este calorazo


Co esta calor sobran ata as sabas. E ata hai unha muller que aproveita a saba para escribir a súa biografía nela e relatar as maldades que fixeron co ela as Clarisas de Tui.


Eu traballei de tarde ( esta semana e a anterior ) e non cheirei nada de fresco, piscina ou praia como si desfrutou Xela indo de campamento. Home, non foi ao Panxón dos anos sesenta pero pouco importa.


E quero felicitar aos portugueses que se meteron na final da Eurocopa. A min non me gusta o fútbol masculino; prefiro o feminino. A equipaxe ten máis colorido.

Labels: , ,

Wednesday, 6 July 2016

Emigración


Non, non se trata dun botellón diurno ou dunha xuntanza para fumar algo, non. É a hora do xantar dos traballadores que non gañan para poderen xantar nun bar ou ir ata a súa casa.



As condicións de traballo van a pior e non se salva ningunha empresa por grande que sexa ou pola súa antigüidade.
Así non é de extrañar que marchen emigrados tantos e tantos.
Vaise a xuventude toda.

Labels:

Saturday, 2 July 2016

Armada pero inocente


Anque Xela durma armada é inocente. A pistola é de madeira e di cousas inocentes. Hoxe vin de mercar e preguntoume se xa tiñamos cartos para comprar unha casa porque quere ter un can e nós dixémoslle que antes tiñamos que mercar unha casa. O caso é que lle dixen que non, que nos fan falla os cartos para comprar comida e vai Xela e di: " Ya sé: no compramos comida " e pregunteille " E que comemos ? ". " Pues comemos en bares " respondeu a nena toda chea.

Labels: