leoeosseus

Friday, 30 September 2016

Remata setembro


Os días minguan.
 
 
O outono trae as súas cores. Bueno, máis ben é a cor que deixa o lume no monte queimado de Arbo.
 
 
Na cidade tamén descubro cores.
 
 
E aparecen misterios en forma de casa de pedra con dous balcóns-solainas de nome " MI ARAL " e " MI RUNFLA " que non sei que significa.
Busquei " aral " e fálase muito do desastre ecolóxico do Mar de Aral que agora é chamado Deserto de Aral. O de  "runfla " tampouco sei o significado.
 
E rematando setembro empezan os nenos con actividades extras e a nena dun compañeiro vai empezar kunfú e isto fíxome lembrar o vídeo de Jesse-Jane McParland en Britain's Got Talent que tanto gusta a Xela e ao resto de familia.
Pincha aquí e gózao.

Labels: ,

Tuesday, 27 September 2016

Dez anos

 
 
Hoxe Leo fai os dez anos. Na foto está contente por recibir agasallos do mundo Yo-kai: o álbum, sobres sorpresa de medallas e o reloxio Yo-kai Watch que xa avisan que non di a hora. A Leo préstalle isto e o fútbol da Tablet e, con tal motivo, agora xa ten tema de conversa cos nenos da súa idade falando de fútbol. Non lle mercamos ningún libro que agora non está en época lectora. Está a esperar que publiquen o Diario de Greg 11 e a ver se engancha de novo coa lectura.
Polo resto vai ben. É boíño e bastante tranquilo e agora xoga muito coa irmá.
O sábado fará a festa cos amigos.

Labels:

Sunday, 25 September 2016

En festas

 
 
Pois si; Vilaguindastre está en festas e os xigantes e cabezudos pasean para asustar ou alegrar aos nenos.


Tamén pasean para facerse notar algún montado no " weerda " ese ou outro coas gafas de sol cos lentes da caluga e as patillas na orella.
Outros fan pintadas coma este que cachei nas patacas.



Outros son artistas anque non sexan mui bos en ortografía.
En definitiva, a festa son luces, música enxordecedora, marea de xente que non coñeces ou hai tempo que non miras, churros de chocolate e máis.

Labels:

Saturday, 24 September 2016

Sexaxésimo terceiro mes


Chegou o outono e o novo curso e Xela experimentou un cambio para ben. Dende que comezou o cole parece máis tranquila e boa. Semella que madrugar e facer as actividades escolares póñena máis contenta. Tamén empezou a escribir palabras enteiras e di que vai rematar o curso escribindo minúsculas. Na forma de ser segue a ser competitiva e activa e no de comer si que non variou que pouco come. Faime graza cando fala e remata os -d finais coma -t e así di Madrit, verdat e outras cousas. Segue a querer que lle fale español pero por aí non paso.
Bueno, estamos contentos co ela.

Labels:

Friday, 23 September 2016

Verdade coma un templo



Escapaba un libro sen ler e sen ser unha obra de arte faime rir e aparte ten este párrafo que é unha lección sobre o comportamento do ser humano.
E agora vou traducir esta verdade coma un templo.

" Si - un home imprescindible. Créocho ben que puideses pensar iso. Pero eu penso que é de mala ralea. Mira Forrest, ti tés boas cualidades, pero o teu gran problema é que confías en todos. Non pensas que hai xente por aí que cha vai facer en canto poida. Ollan para ti e din: un pimpín. E ti, de parvo, non sabes distinguir. Tratas a todos coma se fosen amigos. E iso non é así neste mundo, Forrest. Muita xente non é amiga túa. Miran para ti do mesmo xeito que un banqueiro mira a alguén que vai pedir un préstamo- Como fago para guisparlle os cartos a este pailanciño ?. Éche así, Forrest. Non che é doutro xeito ".

Lido en " Gump & Co ".

Labels:

Monday, 19 September 2016

Iovai !


Hoxe cruceime co home que repón a máquina das bebidas do traballo e nin mirou para min cando o saudei. Iso fíxome lembrar hai máis de vinte anos cando traballaba na Citroën no turno da mañá. Os traballadores da cadea de montaxe entrabamos ás seis da mañá e os da oficina ( a Casa Blanca ) ás nove. Cando pasaban pola fábrica os oficinistas nin miraban para nós e a xente berráballes: " Ío !. Iovai ! ". Pasaron todos estes anos e descubro no Disionario Morrasense-Jodechincho a entrada Iovai: de " ahí o vai ! " saúda para aquel que pasa de largo sin falar.
Na ilustración que poño o " iovai " sería o home de gafas e bigote.

Labels:

Saturday, 17 September 2016

Empezando este curso


Comezaron as clases os nenos e Naideleo. Naideleo ten un horario que nos vai dar problemas para levar os nenos ao cole pero safaremos. Os nenos lévano ben para a nosa sorpresa; madrugan sen problemas e semella que van contentos a clase e todo. O Leo está luitando co ordenador pero o profesor novo aparenta ser competente e involucrado con Leo e o resto dos compañeiros. Xela ten unha profe chamada Cris que ten un nome " larguísimo " segundo Xela que é Cristina. A ver se lle dura todo o curso que o ano pasado mudou de profe varias veces. Xela aprende cousas á súa maneira e o outro día sangroulle o nariz. Ela dixo que foi cando sacou o último moco co dedo. Tamén hoxe dixo que os globos explotan cando se acercan ao sol porque non saben suar.
E así pasou a semana coa chegada do tempo fresco e os merlos que se xuntan por ducias nas torres da luz cando se deita o sol. Quen sabe o que pensan !.



Labels: , ,

Tuesday, 13 September 2016

Merecer


Comezou a campaña electoral para as eleccións galegas e xa hai cartaces á vista. O que aquí retrato é o de Ciudadanos onde sae retratado Albert Rivera que non sei se vai para presidente da Xunta. Pero a foto ten máis chicha. Saltoume á vista iso de " Galicia meréceSE máis " que é un chapurrado. En galego é " Galicia merece máis ". Fixándome máis antes sae a frase " No nos conformemos " que non sei se vai xunto coa outra ou non. Bueno, que hai un lío de idiomas que me fai non votar por eles pola desconsideración cara ao galego, por exemplo. Polo menos o PP escribe: " En Galicia si ", en correcto galego  ; )

Labels:

Friday, 9 September 2016

Conta6. Accidente ferroviario



" Hoxe Vilaguindastre tristemente reclamou a atención ".

Labels: ,

Wednesday, 7 September 2016

Cagho en Marie Kondo


Non é unha mudanza, non. É obra dunha rapaza xaponesa que racha cos piñeiros porque inflúe en muita xente a nivel mundial. Esta rapaza fala e escribe sobre ordear e arrombar a casa para aproveitar espazo. Un exemplo: hai que tirar a primeira hora e, se estás no verán, empezar pola roupa de inverno. Naideleo entrou na súa onda e alá estivemos a desbotar roupa vella. Foron máis de dez bolsas como as da foto e non foi tan duro como pensaba. Hai que ver a cantidade de trapallada que se xunta !.
Isto faise coa roupa, con libros, con aparatos estragados, con fotos, con folletos e demáis papelería, etc.
Bueno, por tirar roupa paso pero no caso dos libros vai ser que non.

Labels:

Friday, 2 September 2016

Normalidade aos poucos

 
 
Os últimos días de agosto remataron xa e houbo algunha novidade. Grazas ao tío Nesi e ás súas expedicións ciclistas coñecemos a praia de Foxaco no río Tea. É un lugar que seguramente visitaremos máis veces.
 



Xela millora na técnica de andar en bici. Agora quédalle aprender a montar ela soa.


Tamén fomos ao Ikea de Braga coa súa máquina de café de balde e co centro comercial e a zona de xogo dos nenos que non existe no resto da península ibérica.
 
 
 
Miramos a película " Kubo e as dúas cordas máxicas " que non é a típica película infantil. É feita con monicreques e o origami cobra vida de forma máxica. É algo triste e escura pero a min gustoume.
 
 
Eu aprendo que rúcula en galego é eiruga polo becho que anda pola pranta. En español tamén ten o nome tradicional de " oruga " e en asturianu " guxanu ".
 
 
Eu xa levo un tempiño traballando e fotografei a un habitante do vestiario da fábrica que anda polo teito. Este  exemplar da foto medirá uns dez ou doce centímetros pero tamén hai exemplares pequenos duns catro centímetros. Supoño que viven aquí por estarmos pegados ás Gándaras de Budiño. Seica é unha ladra, osga ou salamanquesa e por Vilaguindastre debe de ter a súa fronteira norte de distribución que non as hai no norte de Galicia. Creo que é o mesmo animal que vive en Mallorca: o  " dragó ".
 
Aos nenos pouco lles queda para comezar no cole e Xela xa ten os libros. Leo este ano non ten libros que vai traballar co ordenador...Os tempos mudan !.





Labels: , , ,