leoeosseus

Monday, 31 October 2016

Rematando este outubro



Parte da familia vai á TVG a Land Róber Tunai Show.



O calacú de Xela sucumbiu ás couces dadas pola xente que trasnoita polo centro de Vilaguindastre.

 
 
 
O sábado acercámonos á Coruña.
 
 
No Domus demostrouse que Xela vén sendo filla de Naideleo.
 
 
Tamén alí teñen frases cheas de sentidiño.
 
 
Admiramos o documental 3D dos pequenos xigantes entre esquíos, ratos, bechas, arañas, caracois, lobos, rás, bufo, alicráns e máis fauna.
 
 
A torre de Hércules estaba a un paso co seu gaiteiro, a estatua de Carlos III, as portas cos traballos de Hércules e os turistas a pe ou en segway.
 
 
 
O hotel onde durmimos era pequeno e non limpo de todo pero tiña un espello que nos repetía muitas veces para saudarnos e despedirnos cando entrabamos e saiamos do baño.
 

 
O domingo fomos á casa das ciencias e ao acuario con todas os experimentos e os animais mariños.
 
 
A boira da tardiña e o cambio de hora despediunos da cidade do norte ata que volvamos outra vez.







Labels: , ,

Tuesday, 25 October 2016

Sexaxésimo cuarto mes ( e mais un día )


Aquí está Xela nunha das actividades que máis lle gusta: argallar. Colle calquera cousa e xa inventa unha historia ou fai unha montaxe rara. Estes días atrás estivo facendo trampas para coller ao ladrón se entraba na casa. Tamén fai torres coas cousas máis dispares e desafiando o equilibrio. Outra actividade que lle presta é a de facer de león, o seu animal favorito, e mándame xogar cuns monecos que atopan ao león e se fan amigos e logo pelexa a Xela-león contra outros monecos e Xela acaba victoriosa que niso non hai dúbida: quere ser a primeira en todo.
Hoxe enfadámonos co ela que escapa e bota a correr e logo hai que buscala para o noso desespero.
En plan físico segue sen comer e aínda así é activa. Segue a usar cueiros de noite e dorme na cama grande. No falar vai ben anque ten a profe Rut de apoio para aprender a pronunciar o son " s " que cecea un chisco.
E segue a medrar !.

Labels:

Sunday, 23 October 2016

Calacuando


É un pouco cedo, si, pero xa fixemos os calacús para o Samaín.
Foi na casa da avoa Cris en boa compaña e despois dun xantar variado e ameno.

Labels:

Thursday, 20 October 2016

Exposición orixinal


Nestes días hai unha exposición de fotos macro e de paisaxes dun fotógrafo en Vilaguindastre. Ata aí é o normal. Pero o curioso desta exposición é que o fotógrafo premia a un visitante. Explícome. O fotógrafo expón cincuenta fotos; entón calquera pode escoller a que máis lle gusta e escribe nun papel o seu nome, idade, o seu teléfono e o número da foto que máis lle gusta. O fotógrafo sortea entre todos os que cubriron o papel e o premiado recibe unha ampliación da foto votada.
As fotos son cincuenta e son mui boas. Eu escollín esta do caracol e a pranta que semella unha luita entre seres extraterrestres. E o que son os gustos; o primeiro día estabamos anotados uns dez visitantes e ningún coincidía no gusto.
O fotógrafo chámase Juan Carlos.

Labels:

Tuesday, 18 October 2016

Andrés o " faz tudo "


Hai xente que tanto fai unha cousa coma outra e así temos a este Andrés que tanto serve de chófer como espera polo fontaneiro ou compra billetes ( amplía a foto; non ten desperdicio ).
Hoxe facíame falta o tal Andrés para facer o meu choio pola tarde que tiven que velar pero non o chamei.
Que teñas máis sorte, Andrés.

Labels: ,

Saturday, 15 October 2016

Frases


Sempre que podo pego unha volta ata a porta do Saspi para mirar o que ten escrito na pizarra ese día. A verdade é que ten frases impactantes muitas veces coma esta que fotografei onte e que deixo aquí.
A cafetería fíxose famosa polas frases que comezaron a escribir cando morreu Galeano en abril de 2015 e dende entón cambian a pizarra cada dous ou tres días... e que lles dure !.

E, falando de frases, lin unha un día aí atrás que me gustou: " Se luitas podes perder pero se non luitas estás perdido ".

O Saspi segue e eu tamén.

Labels:

Thursday, 13 October 2016

Outubro activo


Mañá hai un evento solidario para recoller cartos para unha protectora de animais. Se vas pagas cinco euros e se non podes podes doar dous euros na fila 0. Creo que optarei por esta segunda opción.

 
Tamén hai un certame literario en Vilaguindastre para nenos de 8 a 18 anos. As bases están aquí. A ver se convencemos a Leo.
 


Os empregados do concello amañan beirarrúas e pintan raias nas estradas e o equipo de fumigación luita contra o bicudo vermello que liquida as palmeiras. Faime gracia como se publicita a empresa : Matamos por encargo.

E como está todo tan activo apaño e como amorotes da árbore de diante da casa que tirou ao chan o vento destes días.
Como ves, este mes está activo.

Labels: ,

Wednesday, 12 October 2016

Crise real


O outro día empezou Xela unha actividade de manualidades que se chama Art Attack e saiu chorando e medio disconforme. Naideleo díxolle que tiña que probar máis días e Xela respondeu entre saloucos: " Bueno, vale. Pero voy sólo cuando me toque ".
Onte foi a clases de teatro na sala Ingrávida e pasouno ben pero saiu tamén disconforme. Naideleo díxolle: " Pero se o pasaches xenial..." Xela respondeu: " Genial si pero es más genial el bocadillo de Nocilla ".
Onte tamén tiña o día faladeiro e dixo que había xente que falaba con acentos doutros idiomas: " Si, habla con acento francés y otro con acento vegetariano ".
Nada, que co esta nena non hai tranquilidade que as saca de onde non hai.

Por iso que a crise do 29 tivo que ser unha real crise para chegar ao punto de pensar en vender catro nenos e prescindir da súa alegría.
Teño curiosidade en saber como rematou a historia da foto.

Labels: ,

Sunday, 9 October 2016

Células, castañas e luras


Tarde de sábado montando unha célula vexetal.

 
Noitiña de serán con veciños comendo bocadillo de chourizo e castañas.
 

E xantar de domingo no local das marabillosas fotos submariñas entre as bateas, paseo pola praia e xogos no parque infantil. Dende logo isto non parece outubro.

Labels:

Friday, 7 October 2016

Humor laboral



No traballo non só se perde olfacto e oído e acabas derrengado de mover toneladas, non. Temos o tempo do taco para leriar un chisco e a ducha do final da xornada que é o que nos aporta enerxía e non outras cousas.
No vestiario hai un servicio que non funciona estes días e así puxeron o cartel indicándoo.
Pero, está claro, iso deu para " adornar " a outra porta por dentro con outro cartel en plan Barrio Sésamo explicando " dentro ", " fóra ", " cerca ", " lonxe ", etc.


Hai que tomar as cousas con humor !.

Labels:

Thursday, 6 October 2016

Máis vale...



Un compañeiro dixo o outro día " Máis vale un bolígrafo malo ca unha memoria boa " referíndose a que é millor escribir as cousas para non esquecelas.
Eu aplico o consello e escribo este blogo malo para non deixar atrás acontecementos como o de Xela que aprende a escribir ela soa e aquí deixo a foto de testemuña. Ademais inclúe un dinosaurio cheo de dentes e poutas rampantes que me encanta.
Tamén os nenos empezaron este mes de outubro coas actividades extraescolares e así levando a Leo podo admirar este enxeño de arte rural para evitar o ataque dos paxaros ao millo.


E sigo enchendo este caixonciño malo de memoria virtual.

Labels: ,

Wednesday, 5 October 2016

Arte verdadeira

                                             
 
 
O tempo pasa e vai levando xentes, costumes e formas de vivir. No libro " Aldeas sen voz " o fotógrafo Vicente Ansola fotografía aldeas de A Pontenova antes de que se esborroen no abandono e o silenzo. O libro compleméntase con versos e textos de integrantes do grupo A porta verde do sétimo andar que axudan a querer esta xente e estes lugares.
Nada, que me gustou o libro como lle gustou ao director Pepe Jordana que rodou unha curta nestas terras.




Labels: ,

Sunday, 2 October 2016

Celebrando a década



Esta fin de semana adicámola a celebrar oaniversario de Leo. O sábado xantamos en Tui na tapería Lademanu que é altamente recomendable: bo servizo, tapas saborosas e ben presentadas e cun prezo contido. Aparte gózase dun local mui limpo, con vistas do río e Portugal e unha música suave. Logo recollemos algúns amigos de Leo e fomos ao cinema que botaban a película " Cegoñas " que estivo mui ben cos lobos creando formacións para atrapar a cegoña e á humana que levaban unha bebeciña á súa casa. Logo tocou merenda no McDonalds e volta para casiña.
E hoxe domingo mercamos os callos en Vilaguindastre que era a XXIII edición desta festa gastronómica. Tamén mercamos a torta e levamos todo a Arbo para celebrar o aniversario coa familia materna.
Pasámolo mui ben !.

Labels: , ,