leoeosseus

Saturday, 26 November 2016

Prenadalizando


Cada ano que pasa seméllame que se adiantan os acontecementos e así un veciño pendura un adorno de Nadal no día de San Martiño para abraio de Xela que pregunta por que hai adornos de Nadal se aínda non é tempo del.
E o que non se adianta cópiase e agora tamén hai Black Friday para remedar aos todopoderosos norteamericanos. Que non che extrañe que calquera ano destes empecemos a celebrar o día de Acción de Gracias comendo pirú e festexando por exemplo que os celtas se xuntaron cos íberos nese invento de pobo celtíbero.
Con todo os días pasan e aprendo dúas frases novas para min. " Teis un peito coma unha lareira " que me dixo un compañeiro por ser capaz eu de beber auga fría pola mañá; e " Eres difícil como varrer unha escaleira para arriba " que é unha boa comparanza que non precisa de explicación.
E o día de hoxe foi día de chuvia e frío, ideal para recollerse en casa e tomar chocolate quente e xogar na Wii onde Leo foi o gañador dos bólos. Foron bólos virtuais que aos reais non foi hoxe porque non foi convidado a un aniversario dun compañeiro. En fin, que se lle vai facer.

Labels: , ,

Thursday, 24 November 2016

Sexaxésimo quinto mes



Aquí está a macaquiña lendo FASE 2 escrito cun sebe. A profe Cris di que é mui lista, boa e obediente e o único defecto que lle topa é que se frustra cando algo lle sai mal. E damos fe diso !. Non lle gusta que algo lle saia mal ou que lle reprochemos algo.
E aquí deixo un debuxo con texto feito por ela e unha construción desas que lle sain do maxín.



Labels: ,

Wednesday, 23 November 2016

Consellos musicais


Eu son nulo nisto da música así que farei caso da xente de Canto Ghalpón e tratarei de escuitar as recomendacións musicais.

Labels:

Monday, 21 November 2016

Palabras e solpores


Mentres deixo os nenos en inglés dou unha volta.
Nunha lavandería hai un cartaz falando do sorriso. Gústame cando di que non hai rico que non o precise nin pobre que non o poida dar.



Unha moza ofrécese para cuidar nenos. Ten unhas cualidades que a fan semellarse á señorita Rottenmeier. Resultoume chocante cando pon que unha das súas cualidades é que é española.


 
 
E o outono vai achicando os días e deixa solpores de foto.

 
Quería resaltar a cor das follas pero o único que consigo é isto.
Xa sabes: a ficción nunca supera á realidade.

Labels:

Saturday, 19 November 2016

Lavados, Trolls e ligazóns varias

 
 
Coa lavadora avariada temos que lavar a roupa nunha lavandería. Tiven sorte e topei un billete de cinco euros na secadora e saiume o lavado nun euro.


Xela quería mirar a película " Trolls " e alá fomos. O Leo xa empeza a rechazar películas infantís e mal por el polo que perde.
Na interrede topei referencias a un xogo que xogaba eu de pequeno espetando baleas de paraugas e do que non lembro nin o nome nin muitas das normas.
Tamén topei un libro sobre as vacas con contos, palabras e expresións curiosas.
E así andamos.

Labels: , , , ,

Thursday, 17 November 2016

Pensando no negocio


Impactoume a foto esta que publico. Ao primeiro pensei que guai que pensen nas parellas do mesmo sexo. Pero agora penso que unicamente están pensando no negocio se observamos a diferenza de prezo entre un traxe de noiva e un de noivo. Non me extraña que queiran vender dous traxes de noiva por voda !.
Aproveita que a mostra é esta fin de semana.

Labels:

Monday, 14 November 2016

Na superlúa


Nestes días a lúa estará máis perto que nunca na miña vida porque terán que pasar setenta anos para que se aproxime a esta distancia. Este é un fenómeno que pasa cada setenta anos como coller unha aspiradora e facer bricolaxe en Arbo montando estores. Ou preguntarlle a Xela quen é a nena máis guapa da veciñanza e que diga que non se sabe que os gustos son diferentes. Ou aprender dun camioneiro portugués que cando fai bo tempo na lúa chea durante cinco días segue facendo bo tempo.
Chauciño, superlúa.
E como é tan difícil de fotografala hoxe regáloche unha foto da lúa ben grande do catorce de xullo de 2014.



Labels:

Saturday, 12 November 2016

Pinchorriño


Estamos en novembro e Vilaguindastre leva anos facendo o pinchorriño nas fins de semana deste mes. Tomas unha consumición e danche un pincho. Así que paseamos pola vila e fomos ao " Adèle " que nos deu unha carne moruna con pan e patatillas. Logo fomos ao " Cólleo con pinzas " onde nos agasallaron cun bóliño con pólo e canónigos e xa estabamos ceados.
No paseo falamos coa familia mallorquina das pequenas historias de Vilaguindastre e das viaxes e, de casualidade, topei unhas letras debaixo dunhas pegatinas.

Labels: ,

Wednesday, 9 November 2016

Novembrizando


E chegou o frío como mostra a moneca do tempo do Ferral.


Estivemos pouco tempo na festa dos Calacús. Eu comín castañas e os nenos churros de chocolate. Como mudan os costumes !.



Topamos esta nota no cuarto de Leo e o ratiño Pérez deixoulle algo a Leo. O neno quedou gratamente sorprendido e non sabía por que o ratiño fixo a súa aparición. Non sei; aquí pasou algo raro.

Levo tempo sen escribir porque esta vida absorbe o tempo libre. Tamén estivemos liados preparando un traballo da " Volta ao mundo en oitenta días " polos EEUU para Xela. Extrañoume que fixese parte do percorrido nun trenó con velas.

A Torredocaminho tamén ocupa parte do meu tempo e así aprendín a canción que tararea un compañeiro cando está cabreado e non é outra que a de Xesuscristo Superstar.
A miña canción cando estou algo encabuxado é a de " Carros de fuego " ou a de " La, la, la ".
Eu aprendín na mili iso de " Cuando un gallego canta o le dieron por el culo o poco le falta ".
Ti tes alguna musiquiña para eses momentos de rabia contida ?.

Labels: , , , , ,

Thursday, 3 November 2016

Os Perotes


As pelexas entre rapaces destes días en Lugo fanme lembrar as miñas pelexas. Cando vivía en Vigo non lembro pelexar con ninguén pero foi chegar a Vilaguindastre con dez anos e empezaron as pelexas e burlas. Había unha banda de nenos que non tiñan pais ou non estaban na casa e eles botaban na rúa todo o día facendo falcatruadas. Eu chamáballe a uns a banda de Mariano e había outra de máis pequenos que o xefe era o irmán pequeno do tal Mariano e chamabamos a banda dos Goris.
Sempre se burlaban de min e do meu irmán porque eramos calados e iamos a casa dereitiños ao sairmos da escola. Varias veces encirraron contra min a E. " Foureñas " un neno da miña idade pero que zoupaba que metía medo e que, voltas que dá a vida, agora é amigo meu. Eu desas pelexeiras chegaba quente a casa pero aguantaba. Dunha volta mandaron a outro contra min pero desta vez fun eu o que lle zorreguei ao outro pero como era da banda deles dixeron que gañara e felicitárono anque sangraba e eu marchei sen mancadura pero coa cabeza gacha de perdedor.
O curioso é que nos chamaban a min e ao meu irmán Os Perotes que eu cismaba se tería que ver con nenos pera ou repipis. Pasou o tempo e buscando nun dicionario descubro que é unha palabra galega que significa " diablillos ".
Mira por onde, ou sexa que os cuitados e os pimpíns eramos uns demiños para eles. Manda truco !.

En fin. Na foto está Rodri de Vigo e Os Perotes nos setenta e pouco.

Labels: ,

Tuesday, 1 November 2016

Día dos cemiterios


Hoxe está muita xente nos cemiterios honrando aos familiares mortos e falando cos veciños que hai tempo que non miran.
Os cemiterios están limpos e adornados se hai un " Picato " como o da foto cuidando as tumbas e panteóns.
Os vivos xa se encargarán de todo porque aos mortos pouco lles importa xa.
Como dicía o outro: Hai que ter medo dos vivos que os mortos xa están fodidos.
Rematou o Samaín.

Labels: ,