leoeosseus

Thursday, 29 December 2016

Feliz 2017 !


Estes días non parei. Que se reunión de Asperga, que se cesta da empresa e o xantar, que se exhibición de patinaxe de Xela, que se matar os porcos en Arbo, que se chegada do Papa Noel, que se avaría da caixa de cambio do coche, que se problemas coa calefacción , que se facer os calendarios, que se dentista de Leo, que se teatro con " Pinocho ", que se cinema con " Vaiana ", etc, etc. Tantas actividades que me mantiveron lonxe do blogo así que decido entrar hoxe para felicitar este novo ano que entra con todo o que traerá de sorpresa.
Feliz 2017 para todos !.

Labels: , , ,

Monday, 12 December 2016

De volta na rede


Pois si. Foron días complicados coa lavadora estropeada e xa sustituida por unha nova. Botei tempo a escoller fotos para o calendario do 2017 e quedamos sen teléfono e interrede toda a fin de semana e por se fose pouco Xela estivo maliña con febres. Todo sumou para desconectar case totalmente esta semana pasada.
Pero todo acaba volvendo ao rego e xa temos interrede e Xela recuperouse e debuxou un mostro que cai na auga chea de peixes feituquiños e un can que cada vez que debuxa un máis se van semellando a cans reais.
Conto con volver á interrede esta semana e ir rematando a escolla de fotos.
E, de agasallo, outro debuxo de Xela.

Labels: , ,

Tuesday, 6 December 2016

Sensacións de decembro


 
Debe de ser o cambio climático o que fai que estes días faga caloriña de día e deixe eses solpores con rubiéns de cores case imposibles.
 






 
O Nadal acércase en Vilaguindastre coa casiña dos trasnos que axudan ao vello barbudo do Polo Norte e os trasniños poboando o alto das farolas.


Xela anda alterada pero non esquece facerlle un agasallo a Papa Noel con monecos da patrulla canina ben envoltos con celo e un conto escrito e debuxado por ela debaixo da nova árbore de Nadal.
E, como quen non quere a cousa, este decembro e final de ano corren que dá xenio.

Labels: ,

Thursday, 1 December 2016

Ano Castelao


Para conmemorar o ano Castelao en Vilaguindastre os comerciantes imprimiron bulsas da compra, bulsas para o pan e servilletas de papel con debuxos de Castelao. É unha boa iniciativa pero no caso das servilletas as letras quedaron tan miudas que non se len. Por fortuna podo ampliar a foto e ler:"  - ¿ Por qué no habla castellano, señor Pedro ?.
- Ay, neniña. En galego nunca s´escribiron os recibos das contribucións ".
Un texto que ten a súa retranca como muitos dos de Castelao.
En canto a nós, aquí andamos coas actividades dos nenos, exames de Leo, amaño da lavadora e piñazo no coche.
E empezou o inverno que xa di o refrán: " En san Xoán empeza o inferno e en san Andrés o inverno ".

Labels: ,