leoeosseus

domingo, 13 de xaneiro de 2019

Case un mes

 
 
Case un mes sen publicar e case sen visitar a interrede que só a consultei para mirar que me tocou pagar e non cobrar a lotaría de Nadal.
A mudanza e a súa parafernalia ao redor ocupou case todo o tempo. Pero aínda houbo tempo para mirar actuar a Xela na repetición do concerto de prendido das luces de Vilaguindastre. Tamén visitei as terras veciñas de Acedre para despedir unha familiar que me encheu de bos recordos a infancia.
Houbo xantar da empresa, despedida con uvas e Leo despediu o ano tamén polas Canarias. Houbo bingo familiar e fogos no Barriño. Os nenos tiveron os seus agasallos ben merecidos polas súas notas e o Nadal marchou case sen decatarnos e case sen adornar a nova casa.


Agora a ver se volvo coller o ritmo blogueiro.

Etiquetas: ,

luns, 17 de setembro de 2018

Leo no instituto



Hoxe Leo tivo a presentación no instituto e coñeceu aos compañeiros que seguen co el, a súa aula e o horario.
Naideleo tamén empezou no seu instituto a sete quilómetros.
A Xela leveina ao cole e eu quedei a arrombar a casa. Logo recollina para levala á dentista que non lle dá saído o sacho esquerdo pero seica é normal.
E a min tócame traballar de noite polo que este luns vai ser lembrado por longo e intenso.

Etiquetas:

mércores, 1 de agosto de 2018

Prórroga de praia


E xullo rematou coa súa visita turística por Vigo coa que souben dunha salina romana ou dos muros pintados que valen unha visita.


Houbo tempo para paseos polas terras de Aldán con este sarcófago de pedra abeirado á torre de Aldán.

Ós poucos foi marchando a familia coas súas paseatas, xantares e charlas sobre calor e frío, diferenzas entre cortado descafeinado e descafeinado cortado que case remata na I Guerra Galaico- Mallorquina, etc.
E despois remataron as festas do Carme co seu " Saltamontes ", Wipe Out, xoquei de aire, nubes de algodón, rosquillas e crepes.


E conseguimos unha prórroga noutra casa a dez minutos da praia.
Hai que safar esta vaga de calor que comeza hoxe !.

Etiquetas: ,

venres, 20 de xullo de 2018

Hablando español


O outro día fomos ao cinema e xa tivemos que dividirnos: Xela foi coa nai a mirar " Hotel Transylvania 3 " e eu con Leo e T.S. fomos mirar " Jurassic World 2 ". A película estivo ben e emocionante pero aproveitaban a falla de luz e a chuvia para mostrar dinosaurios. As personaxes desbordaban chulería e a filla de Charlot desapareceu sen máis da película pero ben todo pola trama e desenrolo.
E, aparte do cinema, tocou máis mundo español-falante coa visita da familia de Mallorca ou hoxe mesmo falando co ecuatoriano pai de T. S. que apareceu de visita sorpresa. E si que me costa falar español que teño que pensar antes de dicir nada. Menos mal que me queda a lectura de libros de Manuel Rivas que leo por cortesía do Restaurante O Carlete que ten ese espíritu galeguista e altruista de deixar libros nun anaquel para uso e goce de quen queira.

Etiquetas: , ,