leoeosseus

sábado, 6 de agosto de 2011

Gharghallos



Ultimamente desaparecen medios informativos en galego e iso supón un retroceso no camiño do galego. A nós quédanos o traballo de manter o pouco ou muito que temos e así hoxe vou incorporar para a interrede unha palabra pouco usada que son " gharghallos ".

Onte un saco de papel " tropezou " co meu ollo e deixoumo así como sae na foto. Lembrei o que di avóM cando ten un ollo dorido. El di que é como ter " gharghallos " que veñen a ser virutas e semella unha dor expresiva e intensa. Afortunadamente non é o meu caso e o luns estarei practicamente recuperado e volverei medio esquecer a palabra " gharghallo ".

Etiquetas:

martes, 7 de xuño de 2011

Destremando



Mentres non nace a nena seguimos coa mesma rotina e o domingo fomos a Arbo. O avóM quería mostrarnos o patacal do Reghengo e alá fomos coa bisavoa Celia que saiu da casa despóis de muitos días pachucha e gozou destremando as patacas.

Chámalle destremar a distinguir as castes de patacas pola forma das follas, o tamaño e as flores.

Na foto de arriba está xunto a patacas Kennebec ( a bisavoa Celia chámalle Quenia ).



Na foto do medio está Leo con patacas Desirée que son roxas e boas para fritir.
Este ano están grandes porque botaron esterco de burra en canto de esterco de coello.




A min gustáronme as Jaerla ( gherla en Arbo ) que son temperás e mui boas para guisar e que este ano saíron pequenas pola pouca auga que houbo pero duriñas, sustanciosas e sans coma nunca. A bisavoa riu pensando en que antes se lle daba aos porcos estas patacas cando saían así de pequenas.

Etiquetas: ,

martes, 17 de maio de 2011

DLG 2011


Coma todos os anos pendúrase unha pancarta na fachada do centro cultural de Vilaguindastre coa imaxe do autor homenaxeado do ano.



Outros aproveitan o día para organizar outro tipo de xuntanzas.






Ou celebran festas gastronómicas anque este ano tiveron o detalle de correxiren o cartaz con respecto ao ano pasado.






En Vilaguindastre actuou o mago Cayetano Lledó que o fixo mui ben e tivo o detalle de disfrazarse de " O Raposo " e non " El Zorro ".



Da miña parte pouco aportar para este día anque quero dar a coñecer un vocabulario do concello veciño con muitas palabras propias da zona e que eu descoñecía.




Tamén poño este vídeo sobre o galego que me gustou.








Etiquetas: ,

venres, 15 de abril de 2011

Agasallo da matrona


A matrona agasallounos cun paquetiño para falar e xogar coa bebiña. No paquete hai de todo: vén unha listaxe de nomes e apelidos galegos, xogos para facer rir e arrolos estilo Orella pendella, unha pegatina para o coche ( xa está posta ) e incluso un CD cos arrolos que tamén teño no coche para ver se os dou aprendido... que é o difícil !.

Etiquetas: ,

xoves, 14 de abril de 2011

Aprendamos inglés

Escuitado nunha clase de inglés:- Profe, " No sé " en inglés sé que es " I don't know " pero " No te sé "; ¿ cómo se dice en inglés ?. A imaxe está tirada nestas terras e representa o muito que me queda por aprender de inglés. E logo din algúns que nos impoñen o galego.

Etiquetas:

domingo, 20 de febreiro de 2011

Risos e refráns


O outro día o Leo aprendeu o que era " pedir papas "que é unha forma de dicir que un se rende e quere saber a resposta dunha pregunta. Onte viñamos no coche e un móbil empezou a pitar por falla de batería. Eu dixen que o móbil pedía papas e o Leo soltou con toda a lóxica do mundo: - " Que quere saber o móbil ? ".
E hoxe aprendín da bisavoa Celia un refrán sobre marzo que xa vén aí: " Marzo, marzán: á mañán cara de can, ó mediodía cara de raíña e á noite corta coma unha fouciña ".
A foto dende a casa de Arbo mostra cara de raíña fea.

Etiquetas: ,

sábado, 19 de febreiro de 2011

Poxeiras e lapuzadas


Esta semana estou aprendendo outro posto de traballo e, co el, tamén aprendo ou relembro palabras galegas. A que aprendo é " poxeira " que é o pó que se levanta e a que relembro é " lapuzada ".
A min pásame como a Zeltia que o galego me pon a andar e non como a outra xente que lle dá baixón este idioma tan paleto.
A min alédame cando lle pregunto a Leo en que idioma quere que lle lea os contos diarios para durmir e a súa escolla é galego. En cambio, o que di esa rapaza do Gran Irmán ou que pelegrine o exército español diante da Torredocaminho xa non me aleda tanto.

Etiquetas: , ,

mércores, 9 de febreiro de 2011

"L" oculto


Hai polo menos dous blogos que falan do erro gramatical de leite " galega ". Eu penso que aí non di " Galega 100% " senón " Gallega 100% ". Hai un "L" oculto no debuxo do leite caíndo. Parece como se os publicistas quixeran quedar a ben con deus e co demo.

Etiquetas:

venres, 14 de xaneiro de 2011

Algúns necesitan unha columna do saber


Na época que petei contra a columna estaba eu en plena fabricación dun mundo imaxinario cheo de razas extrañas coas súas linguas máis extrañas aínda. Eu inventei un son distinto de "q" para distinguilo de "k" e ata había palabras con tres "r" seguidas ( non é tan raro; se te esforzas es capaz de pronuncialo ). Bueno, ao que ía: todo isto está ben para un neno ou para un escritor ou guionista pero o que non me parece normal é este " Cochilrra " mal escrito nun sinal feito por adultos.

Etiquetas:

mércores, 1 de decembro de 2010

Mea culpa


Merezo levar o nome dos nobres animais enganchados ao camión da foto. Fun levado pola sorpresa e despóis a dúbida de quen sería a miña inimiga e logo pasei á vinganza por algo que foi un erro.
Apana errou cando trascribiu un texto dun blogo ao seu diccionario de insultos e onde saía paideleo como colaborador meteume como sinónimo dun insulto ( compróbao na palabra mortenegra ).
Así que pido desculpas a quen se sentiu ofendido e penso que é millor facer borrón e conta nova.
O que podo facer é descifrar os insultos que escribín e que apana non merece e que merecen estar nesa listaxe de insultos.

marrecas: xorobeta
monxa: que as mata calando
borboleta: muller indecisa
mangoeira: muller pouco traballadora
lapacricas: persoa arrastrada
flatosa: presumida sen ter razón
fervellica: muller inquieta
fachada: con labios leporinos
salgarita: inquieta e fuchicas que todo sabe facer ou iso di

Etiquetas: ,

martes, 30 de novembro de 2010

Insultos


O outro día descubrín de casualidade unha ligazón onde saen insultos en galego. Comprobei con sorpresa que un dos sinónimos de cachazudo é paideleo.
Así que me vou pór en plan Shinchan e tamén vou inventar un insulto e vou ampliar a lista con insultos que coñezo eu.
Apana: sinónimo de marrecas, monxa, borboleta, mangoeira, lapacricas, flatosa, fervellica, fachada e salgarita.
Non está nada mal para un prosma, mortenegra e cachazudo, eh ?.
Postdata: non borro este posteo porque non teño costume de facelo pero metín a zoca e non pouco e aclároo no seguinte posteo.
Síntoo e non pouco.

Etiquetas: ,

domingo, 28 de novembro de 2010

Matanza 2010

Un ano máis repítese o rito de matar os porcos. Cambiou o matador pero pouco cambia con respecto ao ano pasado. Despóis de matar os animais, queimarlles o pelo e lavalos logo toca almorzar o sangue fritido. O aviso " anda o ghato no porco " fai levantar os homes da mesa que hai que abrir o animal. Ábrese o porco polo medio. Hai que ter cuidado coas tripas do porco para extirparllas e tapónase o cu cun casulo de millo. O matador saca fóra os untos, corta a cacheira, fai uns calcetíns nos xamóns e colgamos o animal polas vides na viga. Así pendurado vacíase do pedro e demáis tripas, saca fóra o bofe, os leviáns e o corazón. Por detrás corta deixando no medio a columna vertebral. Logo van para a mesa as hombreiras e os perniles, o solombo e o lagharto ( seica é a millor parte do porco ) e os touciños coas costelas. Na mesa pícanse os courachos e demáis sobras dos perniles e hombreiras para chourizos e chourizas. O touciño, as cacheiras, o unto, o rabo, as hombreiras e os pernís van para salgar na salghadeira coa salmoura ( sal e cebola ).

No medio de todo este traballo sempre hai tempo para leriar de política e veciñanza, falar dun médico que é un " criminal de guerra ", de que os terroristas non son nada finos que tiñan que " amaestrar paxariños para levar bombas que nadia sospecha dos piscos ". Que para arreglar isto tiña que vir un Franco e un Hitler " un para matar e outro para enterrar ". E que raros son os curas que nunca os ves no centro médico.

De cea hai o típico zarrabullo: fígado, castañas e cotobelos de pasta ( fáltalle o sangue do porco ) e arroz con carroleira ( médula espiñal ).

E así rematou esta labor nada pracenteira.

Etiquetas: , ,

martes, 9 de novembro de 2010

Coellas e verzas


Chove e esta chuvia alimenta a natureza. Van arriba as humildes coellas ( verba que cría non existía nos diccionarios ) e transfórmanse nas xigantes verzas.
Bo tempo para comer quente e probar as primeiras zarrotas !.



Etiquetas: ,

venres, 22 de outubro de 2010

Vir a peixeira


Coas orellas abertas sempre aprende un. O outro día sentín nun hospital a un vello falar: " Aínda non vén a peixeira por min ". Nunca antes oíra esta expresión tan curiosa para referirse á morte.
Coñecíala ti ?.
A foto está collida da interrede e retrata unha peixeira en Nazaré.

Etiquetas:

martes, 12 de outubro de 2010

Outonizar


Outonizar significa apañar as primeiras trece castañas, pirixel para casa e un coco ou calacú ou cabaza para decorar.
Outonizar tamén significa comer as penúltimas uvas do ano.


Outonizar quere dicir separar a bisavoa Celia o millo bo do podre neste ano non mui bo para o millo porque o verán foi seco.



Outonizar é pasear e fotografar oito tornarratos ou mós e varios pés de canastro amoreados e esquecidos para que debatan os arqueólogos do futuro sobre este misterio.



Neste paseo tópanse saltóns e unha barbatesa ou teresiña e muitos pericos de cabalo e unha fita de " Los Chunguitos " semisoterrada no camiño que fai pensar en como pasa o tempo e que poucos coches levan hoxendía música de cassette.

Etiquetas: , , , , ,

luns, 11 de outubro de 2010

Catrilíngüe


Nun dos talleres que visitou o coche que non encendía ( que por fin acende e que o demo sexa xordo ), topei esta beleza de cartel catrilíngüe que roza a perfección no seu inglés do pataco ou de manual de electrodoméstico fabricado en Asia.
Tampouco é de extrañar a calidade da lingua se o asina Feijoo & Cía que xa daban trazas no 98 do plurilingüismo que defenden na actualidade ( anque apeando o pobre do idioma portugués ).

Etiquetas: ,

sábado, 9 de outubro de 2010

Para pasar o tempo


Nestes días de descanso ata se pode aprender a bailar Axé Brasil, baile que eu descoñecía ata o de agora. Bueno, eu apuntaríame a todo o que organizan aquí menos a un curso de ortografía: esas " exhiviciones " non me acaban de convencer.

Etiquetas:

mércores, 22 de setembro de 2010

Case apeto







Explícome. En Arbo, cando os tomates rebentan de calor e maduros din que os tomates " apetan ". Eu case apeto porque me puxen colorado coma un tomate maduro cando Eva G. Rei me deu o premio " Vale a pena ficar de olho nesse blog ! ". Había tempo que non me daban un premio e o millor de todo é que me incluiu nunha lista ben boa.











Graciñas por esta chiscadela virtual !.



Agora queda distinguir dez blogos que merezan esta distinción segundo o meu criterio.


























Por suposto que hai máis pero teño que peneirar ata deixar dez e escollo estes. Nestes blogos podes topar fotos, información, arte, vida sinxela e sorrisos.

Etiquetas: , ,

venres, 10 de setembro de 2010

Meme dos 1103 posteos

Fun invitado polo amigo e blogueiro Chousa da Alcandra a responder un meme e aquí estou.

Puxen ese número 1103 usando algo de trampa. Do primeiro blogo que tiven mandei 450 anotacións, anque algunhas son só fotos con pé de foto que era o sistema de subir fotos de Picasa ata agosto do 2005. 450 posteos máis 653 deste blogo fan un total de 1103 posteos.

E agora paso ao meme.



Canto tempo levas como blogueiro ?

Empecei hai máis de cinco anos. Exactamente o día 22 de abril de 2005 co blogo que escribín na miña etapa norteamericana.

Como te enteiraches da existencia dos blogos ?

Pois non sei como. Creo que mirando en Vieiros que falaban da existencia do blogomillo. Entrei nas ligazóns e gustoume en xeral e un día que estaba no paro e aburrido animeime e empecei a escribir.


Cinco blogues que sigo diariamente ou con moita frecuencia.

Son máis de cinco, por fortuna. Pico nas ligazóns que acostuman a actualizar a diario ou case.


Es lector anónimo dalgún blogo?

Todo o mundo o é. Supoño que se referirá a pasar por un blogo sen comentar. Eu vou saltando de ligazón en ligazón e curioseo, sobre todo nos que teñen imaxes. Hai ocasións nas que comento e outras non.


Algúns autores que che acorden especial simpatía.

Son varios e que foron marcando diferentes etapas como blogueiro. Na miña etapa no estranxeiro marcáronme muito Peke, Torredebabel, Veloso, *Sara, Suso Lista, Nemeth, Calidonia, Paco Penas, Emereci, Ghanito, Besbe, Jan, Nébeda, etc. E logo coñecer persoalmente a varios contribuiu a darlles máis presenza emocional a estoutros: Chousa, Manolo Busto, Ángel Utrera, marcus, etc.
O bo disto é que uns marchan e aparecen outros e así están agora: zeltia, meninheira, Mer, Ana Paula, fonsilleda, abuelacris, Eva G. Rei, Carlos Sousa, F. Míguez, Aldabra, a nena do paraugas, Dilaida, etc.
En xeral caime ben o blogueiro que actualiza a miudo e que comenta.


Con que cinco blogueiros irías de esmorga?

Esmorga, esmorga; paréceme demasiado.

Gústanme as xuntanzas como as que fun en Santiago e en Agolada e repetiríaas.


Con que blogueira pasarías unha noite de loucura sexual?

Por favor: a muller, algúns familiares e amigos len isto.


Namorácheste algunha vez dalgunha blogueira?

Non, non creo que estea eu en idade de namoramentos. En todo caso remítome á anterior resposta.


Estás satisfeito co teu blogo?

En xeral, si. Polo menos podo falar do que me peta. Eu pensei que ía deixalo pronto pero parés que non.

Algunha vez estiven tentado a deixalo pero seguín. Iso si, cando o deixe vou avisar e non me vou despedir á francesa.


Espallar este meme entre 3 e 5 blogs

Voullo pasar a Falabarato, Magago, o náufrago, meninheira e L&M; a ver se se animan.





E de agasallo un capítulo de " O galego é fácil " ofrecido neste caso pola Deputación da Coruña. Do plural " infantís " tiramos o singular " infantí ". É importante non esquecer o til para que non semelle unha errata.

Etiquetas: , ,

luns, 23 de agosto de 2010

Na terra dos pirlos


Na terra dos pirlos combinan mar e terra.



Descubres hórreos xigantes en terreo privado con castiñeiros á vista do mar.

Mesmo ten unha praia que descubrín buscando moras.



O malo foi ter que recoller a tenda pola chuvia e deixar a marca na terra cuberta por " pirlos " que é o nome precioso que lle dan ás follas do piñeiro por terras fisterrás.
Por certo, como se chama a folla do piñeiro pola túa zona ?. En Vilaguindastre chamámoslle " candeas " e en Arbo " fasco ".

Etiquetas: ,