leoeosseus

domingo, 2 de xuño de 2019

Resaca postelectoral


O día das eleccións foi un día de calor con cara de felicidade nos candidatos e na xente que ía votar que sentirse importante co seu voto sempre levanta un chisco o ego.
En Vilaguindastre os resultados foron parecidos aos de hai uns catro anos así que o elefante branco alcumado " Trinta por cento " ten o poder de decidir quen vai ser alcalde.


E a xente do común tócalle seguir coa súa vida goberne quen goberne.

Poño o meu retrato feito por Xela por se algún día me presento a algunha elección.

Etiquetas: ,

mércores, 27 de xuño de 2018

Non deixo de abraiarme


Xela ten algunhas cualidades especiais. O outro día aburríase esperando que arrefriasen unhas patacas fritidas así que se puxo a debuxar o home dunha foto famosa e saiulle mui ben.


E como é así de inquieta agora colleulle o gusto a facer sudokus.

Esta nena non deixa de abraiarme. E iso que non come !.

Etiquetas: ,

martes, 17 de abril de 2018

Xela a fanarse

 
 

Xela está a perder os sachos de arriba. Xa lle caiu un e o outro abanea. Na parte de abaixo un cairo é o que tembelica no sitio e así está a nena a pouco comer e sen pechar a boca.
Agora está argallando todo o día co cubo Rubik que prefíreo a mirar a Tablet. Tamén debuxa as súas persoas con roupa floreada e nubes e montañas con virandelos ou muiños de vento e bandeiras. Pon a bandeira estadounidense e pregúntolle que bandeira é esa e dime " Barras y estrellas ".
En fin, estamos colonizados.


Etiquetas: ,

domingo, 18 de marzo de 2018

Cores e mais experimentos


Nestes días grises é difícil topar cores anque esta vista aérea dun posto do mercado alegra a vista.


Os debuxos de Xela teñen unha vida especial sen necesidade de darlle cor.


Para pintar algo transparente como a auga non hai millor experimento que pór dous vasos con auga e corante e un vaso libre no medio. Comunicamos os vasos cunha servilleta, deixamos pasar unhas horas e faise o milagre: o nivel de auga dos tres vasos equilíbrase e o vaso do medio mistura as cores dos vasos laterais.


E un experimento literario sería escribir sobre unha parella con chaquetas de camuflaxe e pantalóns negros a xogo que comparten un postre.

Faltaba falar sobre a cor branca que sería brincando coa neve pero a pouca que quedaba desfíxose coa chuvia de hoxe.

Etiquetas: ,

domingo, 2 de xullo de 2017

Fóra do común


Este ano Xela celebrou o sexto aniversario cos amigos in extremis. Como segue sendo teimuda e pouco obediente case non celebra o cumpreanos. Xela ten unha personalidade mui forte, un carácter mui seu e mais unha intelixencia especial.
No lugar da festa non parou e gozou cos canóns de bólas ou escalando no rocódromo. Gustáronlle os agasallos que eran de construir uns, outro de coches e outro era un robot que baila e todo. Xogou con todo e deulles mil voltas e fixo cousas orixinais. Xela é unha nena tan fóra do común que se debuxou vista de costas, sentada e debuxando nun papel. Eu penso que é algo sorprendente nunha neniña de seis anos.
Promete un futuro creativo e orixinal.

Etiquetas: ,

mércores, 26 de abril de 2017

Septuaxésimo mes ( e mais dous días )


Aquí temos a Xela saíndo dunha das súas actividades. Ela non quere ir pero despois pásao ben. Tamén hai momentos que non  obedece ou se porta mal pero é tararear a música de " Cumpleaños feliz " e volve ao rego. O ano pasado quedou sen festa de aniversario e este ano quere tela.
E así estamos, cos tiras e aloxas coa nena que me deu un agasallo polo meu cumpreanos con case un mes de retraso que non se lembrou de darmo antes.

Etiquetas: ,

mércores, 22 de marzo de 2017

E a primavera atropélanos


O día do pai pasou e algúns dos agasallos xa foron para o bandullo e non só o meu bandullo.

 
 
Un presente de Xela non se pode comer pero é unha artistada das dela.
 

 
 
O tempo de marzo é así como di a bisavoa Celia: " Marzo, marzán: á mañán cara de can, ó mediodía cara de raíña e á noite corta coma unha fouciña ". Tanto é así que Xela máis eu andamos cos mocos ás voltas e o pobre do Leo está con febres e sen ir á escola. Xela di que vai esquecer facer contas como o do cartel que esqueceu como se escribe a letra " v ".
 

 
 
E a crise que segue co enésimo exemplo: a xente de Pescanova facendo folga.
 
A primavera atropélanos !.
 


Etiquetas: , ,

sábado, 18 de febreiro de 2017

Xela artista


Xela saiu do cole onte cun premio dun debuxo exipcio para colorear e non parou ata conseguir o resultado final que é incrible para unha nena de cinco anos.
Xela non para de argallar, pintar, montar, escribir e dáselle ben.
Vou criar unha nova etiqueta: Xelartista. E que non me cheguen os números romanos para esta etiqueta.



E, como non é todo arte, quixo andar en bici antes de que volvese a chuvia e así souben dunha pintada que me resultou curiosa.

Etiquetas:

mércores, 25 de xaneiro de 2017

Sexaxésimo sétimo mes ( e mais un día )


E o tempo sabe o seu camiño e Xela ao par del.
A nena cambia e aprende e millora en todo. De cada vez escribe e debuxa millor e razoa máis. Asómbranos con algunhas cuestións case filosóficas sobre onde estaba antes de nacer e que pasa cando un morre e ela non quere morrer e nós dicímoslle que hai que comer para non morrer e que esqueza iso que inda é mui nova.
No plano físico dicir que agora case nunca mexa na cama anque segue a durmir co cueiro posto. Saiulle un sachiño diante dos sachos de abaixo e fai graza cando lava os dentes e lava aparte ese dentiño.
Desta volta deixo dúas fotos coas súas construcións porque no mesario pasado non puxen ningunha, xa sabes: era Nadal.

Etiquetas: ,

luns, 12 de decembro de 2016

De volta na rede


Pois si. Foron días complicados coa lavadora estropeada e xa sustituida por unha nova. Botei tempo a escoller fotos para o calendario do 2017 e quedamos sen teléfono e interrede toda a fin de semana e por se fose pouco Xela estivo maliña con febres. Todo sumou para desconectar case totalmente esta semana pasada.
Pero todo acaba volvendo ao rego e xa temos interrede e Xela recuperouse e debuxou un mostro que cai na auga chea de peixes feituquiños e un can que cada vez que debuxa un máis se van semellando a cans reais.
Conto con volver á interrede esta semana e ir rematando a escolla de fotos.
E, de agasallo, outro debuxo de Xela.

Etiquetas: , ,

xoves, 24 de novembro de 2016

Sexaxésimo quinto mes



Aquí está a macaquiña lendo FASE 2 escrito cun sebe. A profe Cris di que é mui lista, boa e obediente e o único defecto que lle topa é que se frustra cando algo lle sai mal. E damos fe diso !. Non lle gusta que algo lle saia mal ou que lle reprochemos algo.
E aquí deixo un debuxo con texto feito por ela e unha construción desas que lle sain do maxín.



Etiquetas: ,

xoves, 6 de outubro de 2016

Máis vale...



Un compañeiro dixo o outro día " Máis vale un bolígrafo malo ca unha memoria boa " referíndose a que é millor escribir as cousas para non esquecelas.
Eu aplico o consello e escribo este blogo malo para non deixar atrás acontecementos como o de Xela que aprende a escribir ela soa e aquí deixo a foto de testemuña. Ademais inclúe un dinosaurio cheo de dentes e poutas rampantes que me encanta.
Tamén os nenos empezaron este mes de outubro coas actividades extraescolares e así levando a Leo podo admirar este enxeño de arte rural para evitar o ataque dos paxaros ao millo.


E sigo enchendo este caixonciño malo de memoria virtual.

Etiquetas: ,

mércores, 25 de novembro de 2015

Quincuaxésimo terceiro mes ( e mais un día )


Aquí está a artista cun debuxo de Greg que se aprecia máis se se amplía.
Gústalle debuxar, patinar, xogar, mirar a tele, bueno, todo menos comer. Segue co seu carácter forte e querendo ser a primeira pasando por riba de Leo. Pero normalmente é cariñosa e alegre.
Fala mui ben para a súa idade pero aínda ten alguna curiosidade como " tirámide " no canto de pirámide.
A ver como evoluciona.

Etiquetas: ,

mércores, 28 de outubro de 2015

De calacús, mobles e revisións


Estes últimos días andamos liados cos preparativos para o Samaín e os cambios de mobles do cuarto de Leo.
Tocou buscar calacús ou cocos como lles chaman en Arbo e logo decoralos. O Leo ía levar un Frankenstein que semella máis unha cabeza reducida dos xíbaros pero levou outro Frankenstein menos terrorífico e Xela levou un calacú con dúas emoticonas pintadas unha por diante e outra por atrás.
Tamén me tocou a revisión de saúde anual do traballo e, de momento, engordo un quilo por ano e encollo un centímetro de altura.
Agardemos que isto sexa o máis grave !.



Etiquetas: ,

xoves, 9 de abril de 2015

De brouco e máis


Non sei se che pasará a ti pero a min tenme pasado de escuitar unha palabra e despois xa a escuitas un feixe de veces. Algo parecido pasou o sábado que escuitei de avoaM dicindo que estaba algo de " cu para arriba " e ela acostuma dicir " de brouco " para referirse a algo boca abaixo ou cu para arriba como o cesto da foto.
Foi lembrar esa expresión e no mesmo día apareceu nun blogo do sur de Pontevedra.




Pasaron máis cousas estes días como o domingo que fomos ver uhna actuación de Pablo Díaz. Foi pouca xente porque facía bo día e así despois inda fomos tomar un xelado á praia.


No día seguinte o vento levaba polo aire a farna que semellaba que nevaba.


Os coches rematan cheos desa poeira e hai que darlles unha lavadela rápida que total pouco tempo duran limpos.

 
 
E os nenos van ben. O Leo flipando co doado que é buscar palabras no diccionario e Xela progresando coa escritura e debuxo. Aquí estou eu rindo cos ollos coma montañas, Naideleo está de amarelo cunha moeda de céntimo diante e Xela de azul e Leo de verde.
Eu non sei como saín tan rideiro. Será que hoxe fago oito anos traballando na Torredocaminho ?.

Etiquetas: , , , ,

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Os debuxos de Xela

 
 
O outro día foi Xela á médica por un problema na barriga, nada grave. A médica deulle un debuxo para que o pintase e ao chegar a casa alá soltou a súa vea artística.
Primeiro coloreou a Hello Kitty.
 
 

 
Logo coloreou un círculo abstracto cheo de cores.
 
 
 
 
E rematou facendo un retrato de Pepini, o mono que viu de Madrid.
 
Está claro que se Leo tira polo camiño escritor, Xela non queda atrás e vai polo camiño pintor.

Etiquetas: ,

sábado, 15 de novembro de 2014

Mediando novembro

 
 
Co este tempo tan cheo de bataghadas temos que quedar na casa.

 
 
Xela adícase a aproveitar que aínda pode chuchar as dedas e a practicar a autodebuxarse e escribir o seu nome coas letras bailando de posición e de orientación.
 




O Leo adícase a escribir historias complexas que dan para pensar.

 
 
Aínda así temos algún momento para fuxir e mirar no cinema a película da Tropa de Trapo.

Etiquetas: , , ,

luns, 24 de febreiro de 2014

Trixésimo segundo mes


Cada vez queda menos para que a nena faga os tres anos. Xela ten obsesión con ser maior e dío case en cada frase. Xela é unha nena inquieta e tanto debuxa como fai carreiras con coches e debuxa ben para a idade que ten. Con Leo lévase ben anque hai ocasións que pelexan por algo. No comer segue co seu sistema de vivir do aire e o de pedir as súas necesidades non o fai como sería desexable. Non sei pero semella que o fai a propósito. Está enamorada dos debuxos de Caillou e dos aparatos electrónicos: ordenador, Storio, tablet, móbil, o que sexa.
Por certo, mui agradecido pola mención de Xela no blogo mimadrinha.

Etiquetas: ,

martes, 3 de decembro de 2013

Medos e mañas de Xela


Pasan os días para todos menos para os porcos de Arbo que están ou salgados ou en zorza. Xela pasou uns días maliña da tripa pero xa se recupera. Da saúde recupérase pero dalgúns medos non. Apareceulle un medo rarísimo que ten cando vai no coche que cre que imos chocar. Tamén ten medo aos cans coma ten Leo e agora, co estas datas, apareceulle o medo ao Papa Noel cando está cerca anque sexa de mentira. Pero non todo vai ser medos. Adquiriu mañas como a de usar a culler rapidamente ou a de pintar caras cos seus ollos, boca, nariz e orellas na pizarra magnética.
Creo que vai ser mañosa en muitas cousas.

Etiquetas: ,

domingo, 24 de marzo de 2013

Vixésimo primeiro mes


A naipela chegou aos vinte e un meses e prosperando en todo. É unha neniña inquieta que está atenta a todo. Non sei de onde saca as forzas para correr e subir a toda canta altura hai. Fala bastante e coñece algunha letra como o "A". Conta á súa maneira: " tinto, sei, oto, noelés ( nove máis dez xuntos )". Antes dicía " quete " como quente para dicir que algo non lle gustaba pero agora xa di "agusta" cando non lle gusta algo ou tira co prato directamente ao chan. Ten muito xenio e chama a toda voz pola mamá ou polo papá. Encántalle Epi e Blas ( "Api Blas ") e os vídeos da " Galinha pintadinha ". Outra cousa que lle gusta é encher papeis de "cícolos " ( círculos ) e dalí pasa a escribir en mobles e paredes.Cando quere algo non dubida en roubarllo ao irmán ou chora pedíndoo.
E así vai, con días alegres como o da foto tirada hai unha semana ou con días pochos como estes últimos días ata que lle meteron onte un soro milagreiro nas urxencias do Xeral para baixarlle a febre da amigdalite vírica.

Etiquetas: ,