leoeosseus

xoves, 21 de xullo de 2016

Chibo expiatorio



En todas as empresas hai un minimundo de relacións persoais. Os empregados van dun extremo a outro e así hai xente boa e compañeira e xente ruin que só mira a súa comenencia. Na Torredocaminho acontece o mesmo e teño compañeiros que son verdadeiras xoias, outros que non son malos compañeiros e algún que sobra. Este é o caso do Porcobravo, un empregado farfulleiro e faltón, que vai teso coma un pirú, que traballa ao seu ritmo: tanto bota horas co móbil como arrinca a toda velocidade e todos lle estorbamos, que tira cafés de moca dos transportistas e que pensa que só el vale e que enreda a uns e outros ( de cada vez menos ) para conseguir o que quere. Ten don de xentes e busca tema de conversa e así engana a calquera. Un dos enganados foi o xefe que o meteu nun posto con responsabilidades e todos dixemos: " Meteu a raposa no galiñeiro ".
Falando cunha compañeira da oficina dixo que o xefe cando se arrimou ao Porcobravo é que quería un " chibo expiatorio " e pregunteille que quería dicir. " Si, un chivato que espía ". Díxenlle que estaba equivocada e que comprobase o significado de " chibo expiatorio ". Ela remendou e dixo que o xefe quería un " lameculos " que non soa nada fino pero que entra na categoría do Porcobravo pero que foi máis alá e tamén acabou por meterlla dobrada ao xefe.
En fin.
Na foto un chibo camuflado que debe estar a espiar.

Etiquetas: ,

2 comentarios:

Ás 21:16, 23/07/16 , Anonymous peke dixo...

Como me amola esa xente! Por dicir algo suave, porque, en realidade, me rebentan. Fuxe del.

 
Ás 14:10, 04/08/16 , Blogger Paz Zeltia dixo...

ai, inda rin co significado de "chivato que expía"

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio