leoeosseus

venres, 26 de agosto de 2016

Islandia



 
 
Levaba uns días sen publicar pero tiña unha razón para iso. Estivemos de vacacións fóra da terriña e un dos sitios onde estivemos foi Islandia.
Chegamos o 14 de agosto despois dun palizón de dous avións dende Madrid a Viena e de aí a Keflavik. Aínda tivemos que buscar o coche de alugueiro de Blue Cars e chovía tanto que fomos en taxi a cincocentos metros. O coche era automático e tardei un quilómetro en esquecer de empregar o pé esquerdo que daba uns freazos que asustaba aos nenos. Demos voltas buscando o Fyt Guesthouse e resultou ser un antro. Unha liteira e unha cama estreita, unha cociña que non coñeceu unha limpeza en muito tempo e as almofadas sen fundas. Pero eras as cinco da mañá nosas e os nenos estaban derrotados despois de pasar todo o día entre avións e aeroportos. Ben, Xela choraba que quería regresar a casa e Leo pouco menos. Os maiores confiabamos en que sería un mal comezo e que mudaría a nosa sorte e, por fortuna, así foi.
Poucas horas despois erguémonos e fomos ao aeroporto a almorzar que era domingo e non sabiamos se habería algo aberto. Almorzamos mal e a prezo de ricos e tiramos a Rejkjavik a visitar o centro. Estivemos por onde a igrexa famosa e as rúas de casiñas e edificios baixos cos peitorís das ventás cheos das artistadas que fan na casa e con paredes con pintadas marabillosas. Logo seguimos viaxe a Thinvellir. 




 
No parque de Thinvellir sepáranse as placas americana e euroasiática e é o único sitio en terra firme onde ocorre isto. Cobraban por aparcar o coche e por ir ao baño pero nós aparcamos algo máis lonxe e non empregamos o baño. Seguía a chover e os ponchos que acertadamente mercamos para pór por riba da roupa servíronnos de muito. Na grecha entre as plancas camiñaba un feixe de turistas de todo o mundo.

 
 
A unha hora ou así en coche está a zona de xéiseres máis famosa co Geysir propio que dá nome a este fenómeno natural e que agora rara vez bota vapor e o Strokkur que si bota vapor cada 4 - 8 minutos para admiración dos turistas que nos xuntamos ao redor. Esta visita foi das poucas nas que tivemos descanso da chuvia que nos fixo compaña toda a viaxe.
 

 
 
Despistámonos de que estabamos perto da fervenza Gullfoss e non a visitamos. Si visitamos o cráter Kéfir coa súa lagoa no interior. Non baixamos ata a lagoa porque chovía e estaba o camiño enlamado e esvaradizo. Agora sabiamos porque nos pedían no alugueiro de coches que deixaramos o interior limpo !. Aquí tamén nos cobraron por aparcar pero foi o último sitio onde pasou isto. Todos os sitios de interés paisaxístico son de balde.
 


Logo buscamos o hostel que ten ese nome tan sinxelo de Ljósafossskóli. Aquí xa nos atenderon mui ben e había almorzo completo e variado, unha sala como Deus manda, varios baños e duchas e ata había ximnasio con pista deportiva cuberta que foi a delicia de Leo coa súa canastra e de Xela coas súas cordas para escalar e raquetas de bádminton. O pero deste hostal foron os colchóns que eran malísimos.

 
Despois do almorzo do día seguinte seguimos viaxe. Paramos en Selfoss onde eu cría que había unha fervenza ( foss é fervenza en islandés ) pero non a había. Mercamos cousas no Bonus, o supermercado do porquiño que é o máis barato de todos os da illa e tiramos cara o leste. Paramos a xantar nunha gasolineira en Hella e probei un bocata de año delicioso. A partir de aquí xa se empezaban a mirar fervenzas aquí e acolá. É lóxico, nós iamos pola estrada 1 que bordea toda a illa e vai pola plataforma mariña e abeiradas están as alturas cos glaciares que evacúan auga dende esas alturas en forma de fervenzas. Paramos na de Seljalandsfoss e Xela atreveuse a pasar por detrás comigo. Para animar a Xela díxenlle que esta freixa era a ducha dos dinosaurios. Empapámonos pero estivo mui ben; non todos os días pasas por detrás dunha fervenza como nas películas !.
 


A seguinte parada foi nun local na estrada onde botaban un documental sobre a erupción do volcán Eyjaftjallajökull en 2010. Falaba a familia da granxa da foto sobre os perigos e apuros que pasaron e a luita que tiveron contra o fume e os millóns de toneladas de cinsa que caiu nas súas terras e que ata vendían aos turistas como souvenir. Agora xa volveu á normalidade todo pero traballaron muitísimo para conseguilo. Xela acabou impresionadísima das imaxes e todo o tempo en Islandia tivo medo de que explotase un volcán. Quixo mercar postais da erupción para ensinar á familia.


 

 
 
 
 

 
 
Alí pertiño está outra fervenza de nome máis sinxelo e mui visitada: Skógarfoss. Ten uns escalóns que chegan ao alto e tocoume levar a Xela a carranchas case ata arriba. A caída é de máis de 60 metros e impresiona. Hai de todo e había atrevidos que arriscaban a vida por unha boa foto. Tamén é sitio para facer fotos de voda que miramos unha parella subir coa fotógrafa. Tamén hai algún turista que non lle cabe os cornos pola escaleira e quere apurar á xente que non pode andar máis lixeira.
 
 
 
Á beira da fervenza tiñamos o noso cuarto no Skógar Guesthouse que tiña cabana na árbore, jacuzzi exterior e xardín dos que non puidemos gozar polo mal tempo que nos acompañaba. A dona falaba español de México e preparou un bó almorzo no seguinte día. Era mui agradable, preguntaba aos hóspedes onde ían e daba consellos.
 
 
Como era cedo deixamos as cousas e fomos a Dyrholaey onde se admira a costa cos seus cons batidos por un mar bravo e perigoso, coas súas praias de area tan negra como fina e as súas rochas cheas de puffins, unha especie de pingüinos voadores con peteiro de cores que se comían antigamente na illa.
 
 
 
 
Seguimos o paseo en coche e baixamos á praia de Vik coa súa area negra e as figuras feitas polos turistas cos coios.
Din que hai boas vistas dende aquí pero a chuvia fechada non deixaba mirar máis alá de cincuenta metros de distancia.
 
 
 
Na mañá seguinte paramos no museo de transporte e comunicacións de Skógar. Puidemos admirar un bo feixe de veículos antigos coma este da foto que ía pola neve. Tamén había unha boa coleción de teléfonos dende os antigos aos móbiles actuais.
 
No exterior había casas e cortellos dos antigos feitos con pedra, turba, madeira e herba. Tamén había unha igrexa pequena, unha escola e a primeira casa de madeira da rexión feita cos restos de naufraxios. En Islandia non hai bosques así que a madeira sempre foi escasa.
 
 
Volvemos parar en Reynisfjara ( fjara significa praia ) que hoxe había un descanso da chuvia e así puidemos facer fotos das colunas basálticas, das olas perigosísimas, dos puffins, dos turistas e da pintora da praia.
 
 
 
Seguimos a viaxe cara o leste. De Vik ata Kirkjubaejarklaustur pasamos polas paisaxes despoboadas que mudan por zona. Son quilómetros e quilómetros de desertos amarelos, verdes, chans con pirindolos, desertos negros, quilómetros de pedras redondas cubertas de musgo brandísimo coma o dos trolls de Frozen e terreo ondulado e verde que parecía dos teletubbies e darían envexa a calquera campo de golf. En Kirkjubaejarklaustur hai unha fervenza dobre que se chama Systrafoss e paramos a xantar no Systrakaffi onde comemos unha pizza de langosta, cebola, tomate e allo boísima. 
 
 
 
Logo máis quilómetros e quilómetros de zona desértica que muda de cor de amarelo a negro pasando por verde. Os ríos son anchísimos e revoltos e co cauce controlado por diques e as pontes que os cruzan son estreitas e dun só carril.
A foto de arriba está tirada dende unha área de descanso onde hai os restos dunha ponte levada por unha enchente. Dende alí xa se poden mirar de lonxe os glaciares que nos seguirían o resto da viaxe cara ao leste.
 
 
Paramos no glaciar  Svínafellsjókull ( jókull significa glaciar ) que xa impresiona pero que non é nada comparado co seguinte que é o famoso Jokurlajókull onde rodaron películas de James Bond. Este glaciar xúntase co mar nunha lagoa resultado do cambio climático. Antes todo era un glaciar pero está derretendo rápidamente. Os anacos de xeos blanquiazul con raias negras de erupcións e de miles de anos de idade van aboiando cara ao mar coas súas formas abstractas. Impresiona o silenzo do lugar roto polos estralos dos icebergs que parten por onde menos contas. Polo medio hai barcos anfibios de turistas, zodiacs guiando eses barcos entre os icebergs e focas que asoman o fociño aquí e acolá. Foi unha escea maravillosa, hipnotizante e difícil de observar noutro lugar do mundo.
 
 
A xente vai ao outro lado da ponte para xogar e fotografarse cos anacos de xeo ciscados polo mar na praia. Leo tamén quixo levar un anaco pero só conseguiu mollar a barriga. E outra vez a chuvia nos fixo fuxir deste lugar máxico.
 
 
 
Chegamos a Skalafell ( a casa branca do medio ) que ten a súa fervenza particular que cai do glaciar como case todas as casas da rexión . Deixamos as cousas e fomos cear a uns 9 minutos en coche. Polo camiño miramos os primeiros renos da nosa viaxe. No restaurante de Holmur ceamos unha pizza para os catro, unha botella de auga ( é gratis e boísima ) e unha copa de cervexa feita por eles tan cara como boa ( 10 € ). Iamos deixar un anaco de pizza pero comeuno Xela. Iamos deixalo porque nos chegaba ( para abraio de Holmur que lle parecía pouca comida ), non como a outros turistas doutras mesas que comían unha pizza por cabeza.
 

 
 
Durmimos ben en Skalafell, un bo almorzo e un sitio mui limpo. Recollemos e tocou volver ata Keflavik para regresar a casa.
O camiño foi longo pasando outravolta polos desertos e as súas paisaxes. Paramos a xantar no Svarta Fjiaran en Reynisfjara e seguimos viaxe ata Hveragerdi despois de Selfoss. Hveragerdi é unha vila chea de fontes termais ( hver en islandés significa auga termal ) e aquí todos se adican á xardinería. Tamén teñen unha piscina de augas quentes nun local con ximnasio, sauna e máis piscinas pequenas a distintas temperaturas onde se xuntan os coñecidos para falar e relacionarse. Foi barato comparado co famoso Blue Lagoon no que cobran 100 euros e hai que pedir cita. Se quixeramos ir tiñamos que ir ás dez da noite. Bañándonos en Laugaskard, aforramos cartos ( 14 euros os catro ) e aínda coñecemos á xente propia da illa. Por certo, muller en islandés é konur que nos fixo graza.
 

 
Despois dese merecido e relaxante descanso baixo a chuvia fina fomos a Rejkjavik para despedirnos das súas rúas con movemento, turistas e arte.
Logo tiramos para o noso último aloxamento en Islandia, en Keflavik en concreto: Confort4u. Era un cuarto mui limpo, cómodo e completo, cun baño para nós sós e unha señora mui amable que non nos cobrou máis polos nenos cos que non contaba e que ainda nos deu iogures e zumes para eles e un colchón extra.
Madrugamos seguindo o consello da señora, entregamos o coche, un Suzuki Vitara automático do que rematamos enamorados e fomos ao aeroporto que é pequeno e caótico para o movemento que ten. Por fin montamos e iniciamos viaxe a Madrid.
Pero iso xa  é outra historia.

Etiquetas:

2 comentarios:

Ás 27/08/16, 23:58 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Obrigado por partilhar Pedro. Foi muito interessante viajar convosco através desta reportagem.
Um abraço e bom fim de semana

 
Ás 28/08/16, 20:38 , Anonymous Anónimo dixo...

Que envexa me dá ver esas fotos. Teño moitas moitas ganas de ir aló. E a crónica, interesante como sempre. Grazas

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio