leoeosseus

martes, 29 de novembro de 2011

Sempre aprendendo



Sempre se aprende, lembra e ri. Esta fin de semana aprendín da bisavoa Celia que " facer as beiras " significa arrimarse a alguén aparte de namorar. A avoaM quería arrimarse a Xela pero estes días andou coa moqueira así que a nai lle dixo: " Non lle fagas as beiras á nena ! ". Tamén aprendín que " facer aghuardente " significa pingar o nariz pola catarreira como dixo avoaM nada máis baixarmos do coche en Arbo.

Lembrei a palabra " aghoar " que é o que fai Xela cando mira a xente a comer que semella que tamén quere comer. Busqueina no dicionario de dicionarios e parece que esta palabra é só do sur de Pontevedra.

Tamén coñecín unha chica que segue este blogo dende o principio e por fin coñeceu a Leo en persoa. Xuro que non é familia nin a coñecía de antes e sempre dá unha alegría unha cousa así.

E tamén rimos con Leo como non podía ser doutro xeito.O outro día foi ao baño e funlle fechar a ventá. " Para que non che entre o frío ", díxenlle; e el respondeu: " E que así temos un problema. Si se conxela o cu o buraco é redondo e o hielo é cadrado. "

Etiquetas: ,

12 comentarios:

Ás 16:46, 29/11/11 , Blogger Dilaida dixo...

O de "facer as beiras" eu sempre o oín con ese significado que dis que che dixo a avoa.
Rin un pouco coa acurrencia de Leo.
Bicos

 
Ás 18:52, 29/11/11 , Blogger Son Unha Xoaniña dixo...

O de facer as beiras por aquí tamén quere dicir andar a namorar, mais tamén arrimarse a alguén co fin de engatusar ou, non sei como dicilo, facerlle a pelota ou algo así.
A ocurrencia do Leo é mundial o que puden rir.
Saúdos.

 
Ás 20:01, 29/11/11 , Blogger Peke dixo...

Se non se aprende algo case todos os días, sería moooooi aburrido. ;)

 
Ás 21:05, 29/11/11 , Blogger Xabres da Teixeira dixo...

Na miña terra decian: "Xa falan", e como consecuencia fulano fala con fulana, ou fulana fala con fulano
O de facer as beiras tamén valía.

 
Ás 22:27, 29/11/11 , Anonymous opaco dixo...

pois se non para de agoar, é unha agoadisa ...na nosa familia é de uso máis común o sustantivo que o verbo :)

 
Ás 22:54, 29/11/11 , Blogger mfc dixo...

Estas frases feitas e com um signifiocado preciso fazem parte daquelas tradições que é importante guardar!
É um património riquíssimo da nossa língua!

 
Ás 00:19, 30/11/11 , Blogger Raposo dixo...

Lóxica pura a do Leo!

 
Ás 01:14, 30/11/11 , Blogger Paz Zeltia dixo...

aghoar nunca o escoitara,
e nin sequera me quedou moi claro que é o que significa...

parece que aprendiches moito vocabulario,
e quedaríache a cara a cadros, despois da clase de xeometría do Leo

 
Ás 08:57, 30/11/11 , Blogger matrioska_verde dixo...

deume a risa coas cousas do Leo, pero hai que ver como son estes nenos, que ocorrentes!

o diccionario de diccionarios é unha pasada, fai tempo que o veño utilizando para buscar palabriñas que non sei.

eu coñecía o de facer as beiras pero en sentido amoroso, non sabía que se utilizaba doutro modo.

biquiños e gracias polo aprendizaxe.

 
Ás 13:59, 30/11/11 , Anonymous Eva G. Rei dixo...

Pois eu tamén utilizaba o de "facer as beiras" co sentido de achegarse a alguén para conseguir algo.
E o de aghuar tamén o dicimos por Perdecanai; porén a persoa que o fai é "deghuadiza".
En Chapela seica din "aghodiso".

 
Ás 18:37, 30/11/11 , Anonymous filispina dixo...

"Facer as beiras" co significado de "arrimarse a alguén", non o oíra. Mais si un razoamento semellante ao de Leo, contábamo meu avó. Como era posible que o burro tendo o cu redondo cagase cadrado. E que era pq dentro del había uns canteiros que... Ese Leo sabe moito

 
Ás 19:25, 30/11/11 , Blogger busto.agolada dixo...

Creo que entendo ao Leo: o xelo é cadrado porque o ve maiormente sacado da neveira, en cadradiños. Tés que mercar moldes esféricos para a neveira e verás que redondo lle parece o xeo, daquela non existirán problemas de ventás de baño abertas ou pechadas.
Saúde e apertas.

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio