leoeosseus

martes, 11 de novembro de 2008

Trompo



Hoxe fomos ao parque tarde e xa se pousaba o sol. Fun ata o kiosko e merquei un trompo coa súa baraza por un euro e uns " gusanitos " para Leo. Senteino nun banco cos gusanitos e eu púxenme a lanzar o trompo ata que lle entrou cobiza e quixo tiralo el. Por suposto que o tirou coma unha pedra pero tamén lle gustaba velo bailar e tocábao cando bailaba.

Eu case non lembro botar partidas cos trompos. Facíase un circo no chan e saía perfecto porque un agarraba o extremo da baraza ( corda ) e outro marcaba coa punta do trompo. Había que tirar dentro do círculo. Cando bailaba podían tirar os demáis e había casos que rompían trompos coa punta. Para evitar muitas roturas púñase unha chincheta na piricota ( parte de arriba ) e muitos tamén lle puñan chinchetas polas beiras do trompo. Outros pintábanos para distinguilos dos demáis e para que quedasen máis bonitos. Na foto sae o que merquei o ano pasado para Leo que, cando empece a xogar, xa terá uns cantos.

Se baila o trompo anque sexa un par de voltas a tirada é válida. O trompo tiña que bailar ese mínimo e ter unha boa arrincada final para saír do círculo sen que lle batesen os contrarios. Conviña que bailase pouco e tivese unha boa arrincada e conseguíase muitas veces cambiando a punta " de fábrica " por unha máis longa e afiada. Se o teu trompo estaba a bailar e arrimábase outro bailando despóis podía quitar o teu se os envolvía coa baraza e saían bailando os dous do círculo. Se non bailaba ou quedaba dentro había que apouchar que era deixar un trompo, polo xeral vello, no centro do círculo. Se ao tirar sacas fóra do círculo unha apoucha quedas co ela. Había o caso de bailar o trompo de piricota así que todos tiñan dereito a tirarlle unha pedra encima e lembro de chorar por un trompo que me romperan nunha ocasión cunha pedra enorme. O xogo terminaba cando quedabas sen trompos e apouchas así que un procuraba retirarse se tiña un día malo.

E creo que xa escribín bastante sobre xogos tradicionais.

Etiquetas:

11 comentarios:

Ás 11/11/08, 23:42 , Blogger Eva G. Rei dixo...

Por certo que si. Ti escribes moito de case todo e sorte que temos de "lerte" os que podemos.
Xa sabes, "por San Martiño, trompos ao camiño". A ver se para o 22 facemos o magosto (antes non imos poder) e xogamos á billarda coma o ano pasado, e xa que logo, ao trompo.
Vou ter que seguir co meu blog, que vin que había algúns comentarios... A ver se para a semana.

 
Ás 12/11/08, 00:18 , Blogger Antón de Muros dixo...

Pois o meu avó facía trompos con madeira.
Chamáballes "virandelas" ¿escoitachedes este nome?

Unha aperta.

Antón.

 
Ás 12/11/08, 00:51 , Blogger ictioscopio dixo...

a "currela" chamabamoslle nós ao xogo ese do circo; e había iso, quen lle metía un clavo de punta; e o de bater coa pedra, se non lembro mal eran os "calcudos", e dábanse batendo coa pedra no trompo propio clavando a punta no que apandara (se mal non lembro que anda que non pasaron anos xa).
Outro xogo con trompo era "pírima", pero non lembro ben as normas, era unha raia á que había que chegar co trompo ou algo así...

 
Ás 12/11/08, 12:08 , Blogger abueloscrisytoño dixo...

Mi hermano y otros amigos tenían tronpos hechos en casa. Mi padre se los hacia grandes y le colocaba un punta gorda, cuando tropezaba con otro trompo más pequeño lo rompian en dos con el consiguiente disgusto de la victima.
Un saludo. A.Cris
S.Andres tropos aos pes.

 
Ás 12/11/08, 14:41 , Blogger Carlos Sousa dixo...

Eu de pequeno sí que lle pegaba ben o trompo, as leis eran máis ou menos como contas. Había que facer unha recuperacións dos xogos daquela época, porque pouco a pouco vanse perdendo. Claro con tanta play, e outros similares...

Como dí Eva "Por San Martiño, trompos ó camiño", pero tamén había este "Por San Martiño, atesta o teu viño", asi que xa sabes, a atestar toca.

Un Saúdo.

 
Ás 12/11/08, 15:29 , Blogger LM dixo...

ah! esse sim que o tinhamos... mas por aqui chamasse buxaina.
beijos

 
Ás 12/11/08, 17:28 , Blogger A lareira de Santiso dixo...

Se falamos de xogo popular, imprescindible o libro do meu mestre Paco Veiga (Xogo Popular:
http://www.soteloblancoedicions.com/ficha_libro.asp?IdLibro=900026&Tipo=0

 
Ás 12/11/08, 22:58 , Blogger Chousa da Alcandra dixo...

Eu xoguei máis ás bolas (canicas). Normalmente xogabamos coas de cristal e a moeda de pago eran as de pao (eirugas de carballo). Axiña apareceron quenes utilizaban bolas "ferrinas" (bolas de rodamentos dos coches) que xogando ó "guá" arrasaban

 
Ás 13/11/08, 09:11 , Blogger dorfun dixo...

...pois eu téñoche un drama infantil, por non ser quen de tirar unha peonza (en ferroliño así che falamos! :D) con xeito... así foi, que me especialicei nas canicas... ;)

 
Ás 14/11/08, 13:17 , Anonymous Anónimo dixo...

Estes días a minha cativa anda louca a recoller tapóns de botellas porque disque na súa escola xogan con eles as chapas, apostan e gañan outras ou perden as deles. Paréceme unha iniciativa moi interesante para os tempos de crise que sacoden as nosas costas.
Eu de cativo xogaba a estornela, non tíñamos peozas, que é como lle chaman nas terras do Deza.
Apertas e bicos aos tres.

 
Ás 22/11/08, 12:08 , Blogger An dixo...

Por que os cativos xa non xogan con estas cousas....saúdos

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio