Wednesday, December 7, 2011

Perdendo a inocencia



Entramos no mes máis feliz e inocente do ano e Leo está todo ilusionado, claro está. Anque xa hai un compañeiriño da súa idade que di que Papa Noel non existe e a iso nós dixémoslle a Leo que entón ese neno non ía ter agasallo del e aí rematou o asunto. Leo non ten mui claro que pedir ( hai dous anos pedía follas de outono e non quería que entrase ninguén na casa de noite e o ano pasado pediu un triángulo musical que pouco usou ) e así este ano pon pegatinas " Me lo pido " a todo o catálogo de xoguetes menos nas cousas rosas, nas dos Gormitti e no patinete que é un deporte de alto risco para el. E con tanto para escoller terao doado a corte de regaladores dos reis magos, Papa Noel e o Apalpador ( este ano non está o ratiño Pérez incluido no lote ).

Onde si vai perdendo a inocencia é cos animais de Arbo. Estes días desapareceron varios pitos e díxenlle que os mataran para comer. Entón el preguntou polos ovos das galiñas e díxenlle a media mentira de que uns son para comermos e outros son para que nazan máis pitos. Tamén lle dixen que os dous porcos son para comer e díxenlle que os humanos ao final somos piores ca os lobos dos contos.

A toda esta explicación Leo non reaccionou con sorpresa como si reaccionou hai dúas semanas mirando as noticias na tele dos maiores e descubrindo que existen guerras e non son películas.

Canta inocencia lle queda por perder !.

11 comentarios:

Dilaida said...

Pois si que tes razón, quédalle moita inocencia que perder, pero déixao ir pouco a pouco, para que disfrute dela mentres poda, xa a perderá, neste mundo a todos acaban por roubarnos a nosa inocencia, máis tarde ou máis cedo.
Bicos

Xabres da Teixeira said...

Demasiada inocencia que perder. Non teño nada claro que é mellor, se deixalos na inocencia ou contarles a verdade.
¿Que clase de sociedade é esta que facemos, que as veces temos que enganar os nenos?

Chousa da Alcandra said...

Eu son da opinión de Dilaida. Canto máis amodiño...mellor.
Apertas

Peke said...

Si, concordo, que vaia pouco e pouco pero que a perda; se non fose así ía sufrir moito na vida.

mfc said...

A todos os dias se vai perdendo a inocência!
Faz parte deste caminhar que temos que fazer...

Eva G. Rei said...

Pois si, meu pobre, aínda lle queda moita inocencia e xa terá tempo de perdela. Mellor de vagariño.

Rosa Varela said...

O primeiro desexo que se me ocorre para Leo é que nunca chegue a perder a inocencia de todo, que nunca chegue a perder a capacidade para a sorpresa, é un don moi valioso que sería bo manter... Que o Apalpador lle traia repostos para a inocencia que vaia perdendo...

A nena do paraugas said...

Ogallá non perda nunca ese toque de inocencia que ilumina os sorrisos.

Aldabra said...

A pérdida da inocencia é inevitabel pero sempre hai que conservar unha pouquiña durante toda a vida, si non estamos perdidos.

e os pais temos moito que facer neste tema, desengañalos pero tamén facer que non perdan a ilusión e a fe pola vida.

biquiños,

zeltia said...

Eu niso son algo pesimista:
inda que os pais os mantiveramos nunha burbulla inocente, a vida (no cole, na rúa, na tele, as accións de familiares e achegados) xa se encarga de escacharlle esa inocencia coa que nacemos...
mellor irlla desvelando co amor e con explicacions mais ou menos "lóxicas" de boca dun pai... un pai coma tí, no que confía.

Mer said...

uf, é moi cedo para que empece a dubidar do Papá Noel, non? que manteña a inocencia todo o posible, que cando se acaba xa non volta máis