leoeosseus

domingo, 19 de agosto de 2012

Bágoas


Corría o ano 1990 e eu estaba na mili. Tocábame de cuarteleiro de noite, de vixiante do corredor dos dormitorios, vamos. A iso das dez da noite chega un compañeiro meu de volta dun permiso. Trouxérao o pai ata o cuartel no camión e seguía camiño. De alí a dúas horas vénme o oficial de noite e dime que o camioneiro pai do compañeiro tivo un accidente e que morreu. Díxome que non ía espertar ao compañeiro ata a mañá para non preocupalo sen necesidade. E alá quedei eu soíño naquel corredor silandeiro matinando na morte dun pai e como o levaría eu. E deume por chorar e chorar e seguín sen parar por bastante tempo naquela noite ata que os ollos secaron.
Supoño que aquela noite chorei polo meu pai o que tiña que chorar o día que morrese. Non atopo outra explicación ás poucas bágoas que botei hoxe pola morte do meu pai, o avóP. de Xela e Leo.

Etiquetas:

10 comentarios:

Ás 20/08/12, 08:29 , Anonymous Eva G. Rei dixo...

Síntoo de corazón.
Ás veces as bágoas veñen cando un menos pensa, pero non todos mostramos o que sentimos no momento esperado nin da mesma forma.
A dor vai durar moito tempo, e hai que ila levando, pero tamén vai facer lembrar os bos momentos e o mellor de cada quen.
Iso é o que nos queda!
Unha forte aperta para toda a familia.

 
Ás 20/08/12, 12:29 , Anonymous Anónimo dixo...

Tamén eu o sinto. É algo ao que un nunca se afai, por moito que saiba que vai suceder.
Pode ser que a dor sexa tanta agora que as bágoas só veñan despois.
Ánimo.

 
Ás 20/08/12, 21:18 , Blogger Peke dixo...

Eu non chorei a morte de meu pai, e non porque non o quixese. Lémbroo sempre dicindo "para que estar aquí?". Sentín como se a morte fose para el unha liberación. E que conste que non era un home triste, pero...

 
Ás 20/08/12, 21:55 , Blogger Paz Zeltia dixo...

Entendo que morreu teu pai...?
Tan linda maneira de contalo que parece un conto. Un conto triste de bágoas doces. Sin angustia. Que veñan todas as bágoas do mundo, que alivian; pero que non teñas angustia: dende o meu corazón, para tí, este desexo.

 
Ás 21/08/12, 17:21 , Anonymous Carlos dixo...

Un abraso.

 
Ás 21/08/12, 23:41 , Blogger busto.agolada dixo...

A pena non precisa bágoas para habitar nos adentros. Pero a ausencia de lágrimas ás veces xustifícase no que se viviu ou sufriu anteriormente.
Recibe unha aperta solidaria desde Agolada e atopa consolo nesa familia tan marabillosa que posúes. O Leo e a Xela hanche axudar a distraer a ausencia do avó.

 
Ás 22/08/12, 08:50 , Blogger matrioska_verde dixo...

Síntoo de verdade. A pena é así de caprichosa. Que non chores non quere decir que o quixeses menos. Tendemos a penar que o que non chora, non lle doe, e non tén nada que ver. Cada un interioriza a pena dunha maneira diferente. E tamén a pena chega ó noso corazón cando lle apetece, de repente un día ouvindo unha canción, o lendo algunha cousa, o vendo unha foto...

Unha moi triste noticia. Acompáñote no teu sentimento.

biquiños,

 
Ás 22/08/12, 18:38 , Blogger Cuspedepita dixo...


Penso que cada un ten a súa maneira de reaccionar, e que moitas vecesa dor é tan grande que un se sinte incapaz de chorar mentres non pasa un tempo.

De todos os xeitos as bágoas axudan, como che pasou aquela vez...

Só podo mandarche unha forte aperta da miña parte e da de todos os meus.

 
Ás 24/08/12, 21:09 , Blogger mfc dixo...

Um grande abraço muito sentido meu amigo!
Estou contigo...

 
Ás 17/09/12, 09:44 , Blogger abuelacris dixo...


Nestes momentos se alguén pode comprenderche quizais eu sexa un deses. Un abrazo
Avoa Cris

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio