leoeosseus

sábado, 10 de novembro de 2012

Maghustos e fasco


O Leo celebrou o magosto o xoves e houbo xogos, castañas e emborrallado de cara e todo. A Xela tocoulle o venres e houbo que levar unha presada de castañas. Na porta topeime cunha nai e falamos un minuto de como desfrutan os nenos co estas argalladas. Eu dixen que nós xa tivemos a nosa oportunidade cando eramos coma eles e ela falou de que había que levar á escola carolos, piñas e candeas e, cando oín isto con palabras típicas de Vilaguindastre, matinei no que muda o idioma cuns quilómetros de distancia porque en Arbo os carolos son casulos ( a espiga de millo sen gran ) e as candeas son fasco ( a folla de piñeiro ). Mesmo en Arbo o magosto cambia de nome e chámase maghusto.
E falando de lingua aprendín un refrán no choio que anda ben acaído con estes tempos de crise nos que ata hai que disfrazar os espantallos de garda civil. O refrán é: - Cando a raposa anda ós ghrilos, mal por ela e pior polos fillos.
A pesar de todo, a desfrutar do san Martiño !.

Etiquetas: ,

4 comentarios:

Ás 11/11/12, 09:04 , Blogger Dilaida dixo...

Por aquí aos carolos coñecémolos como carozos (o carozo do millo) e as candeas chamámoslles muíña, aínda que tamén se oe dicir frouma e cando aínda están na árbore tamén se lle chama espita. As candeas para nós son as dos castiñeiros e outras árbores como abeleiras, vidos,...
Unha das grandes riquezas da nosa lingua e que por desgraza moitos galegos non saben valorar.
Bicos

 
Ás 11/11/12, 09:22 , Blogger Paz Zeltia dixo...

carozos tamén polas terras de Silleda.
Candeas alá son as dos castiñeiros e a flor do millo.
e á folla de pino chámanlle dunha maneira que non sentin en ningún outro sitio:
charamela
ata poida que só llo chamen no meu lugar...
gústame charamela: parece que xa dí para o que usaban:xunto coas piñas para prender o lume da lareira!
(tamén para estrar)

unha ledicia ver como gozan os teus nenos, e ti con eles.

 
Ás 11/11/12, 14:06 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Muito interessante o post. Aqui também se chama carolo à espiga depois de tirar-lhe o milho. Quando eu era menina, e a fome apertava, meus pais pisavam esse carolo, o que dava uma farinha grosseira, a que juntavam umas folhas de couve do quintal e faziam umas papas com que enchiamos a barriga. Papas de carolo.
Um abraço e bom magusto

 
Ás 11/11/12, 20:08 , Anonymous Eva G. Rei dixo...

Eu como non falo a variedade de Vilaguindastre, na miña terra (concello de Barro) e arredores chamámoslle carozos aos vosos carolos, e faísca ao fasco.
A nosa lingua ten unha riqueza inmensa!
Aínda nos queda celebrar xuntos o magosto deste ano; a ver cando podemos...
Feliz San Martiño.

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio