leoeosseus

venres, 16 de decembro de 2011

As bágoas do visgo



Di unha lenda viquinga que o día que naceu Balder, o deus do sol, en Asgard, o mundo dos deuses viquingos, foi un día de gran ledicia.

Todos os habitantes do mundo viñeron adoralo: guerreiros, campesiños, deuses e servos, animais e rochas, árbores e prantas... Alá foron todos sacando o visgo. A deusa Frigg, nai de Balder, fixo xurar a todos os presentes non mancaren nunca o seu fillo recén nado. E todo o mundo xurouno, agás o visgo.

E Balder medrou fermoso e brillante coma o sol. Co el os campos medraban máis verdes e os homes traballaban máis ledos.

Vivía alí tamén Loki, o deus das mentiras, que morría coa envexa polo seu medio irmán Balder. Tentou matalo de todos os xeitos posibles: con ponzoñas, cortándolle a cabeza ou espetándolle unha espada pero nada pasaba porque todos os obxectos xuraran non mancar a Balder. Todos, agás o visgo.

Un día Loki descubriu esta excepción e fixo unha frecha co esa pranta. A seta furou o corpo de Balder e apagouse cando caiu ao chan.

Fíxose a noite eterna en Asgard e todos foron ao funeral: guerreiros, campesiños, deuses, servos, animais, rochas, árbores, prantas.

A deusa Frigg abrazou o cadáver do fillo amado e empezou a chorar.

- Ti, visgo, que me fixeches o maior dano posible matando o meu fillo; ogallá tiveses tamén o poder de devolverlle a vida e darme a maior ledicia que se poida imaxinar.

As bágoas caíron sobre a frecha e convertéronse en pequenas pérolas brancas; tamén caíron sobre Balder que volveu brillar e ergueuse entre os mortos. Balder colleu a pranta que o matara e que tamén lle devolvera a vida e púxoa por riba da súa cabeza e observouna, coas súas follas verdes e as baguiñas brancas que xurdiron das bágoas da súa nai.

- Muitas gracias, nai -e Balder bicouna na fazula.

E dende entón, polo Nadal, é costume pendurar no limiar das portas unha póla de visgo, e que a xente que se xunte debaixo se dea un bico en lembranza desta lenda para celebrar a ledicia de volver estar xunto á familia e seres queridos.

Etiquetas:

7 comentarios:

Ás 23:59, 16/12/11 , Blogger Dilaida dixo...

Fermosa lenda. Poremos acivro que é máis fácil de atopar.
Bicos

 
Ás 13:41, 17/12/11 , Anonymous peke dixo...

Gústanme moito as lendas e os mitos. Esta é moi linda. :)

 
Ás 19:12, 17/12/11 , Anonymous Anónimo dixo...

Si que é linda: contareilla á sta Kaplan este Nadal.

 
Ás 00:59, 18/12/11 , Blogger mfc dixo...

São histórias que ouvimos contar e quase nos sentimos na obrigação de as recontar...

 
Ás 02:21, 18/12/11 , Blogger Angel Utrera dixo...

Non sabia dela, non esta mal..Sempre gusto dos contos e lendas ademais de ter moito de tradicion oral, tan que non esquezamos moitas cousas do que fomos,.

 
Ás 23:10, 21/12/11 , Blogger matrioska_verde dixo...

unha fermosa lenda.

nunca oín antes a palabra visgo, ¿qué che parece?

biquiños,

 
Ás 10:28, 25/12/11 , Blogger Paz Zeltia dixo...

que lenda tan fermosa, e que bonita maneira de contala...

mira tí que non sabía eu de onde lles viña esa tradición de bicarse debaixo do muérdago (bueno e que eu, coma Aldabra, nunca antes sentira "visgo")

sempre aprendo cousas co paideleo

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio