leoeosseus

xoves, 5 de abril de 2012

Vivenzo



Cando arderon as fragas do Eume parei a matinar no que se está perdendo co paso do tempo e decidín visitar Vivenzo antes de que desapareza o que fai diferente a esta aldea.
Vivenzo está no final dunha estrada que vai cara á montaña en Melón, Ourense. A entrada é en Quins onde hai bos exemplos de construcións típicas. Logo hai que pasar por Negrelle onde tamén hai un campo de canastros rectangulares comúns. Despóis de seis quilómetros dunha estrada sinuosa e con carteis anunciando caza permanente chego a Vivenzo.
Onde está a marquesina da entrada deixo o coche e tiro pola ruela central. A aldeíña está chea de cans de caza amistosos coas visitas e con muitas botellas de auga penduradas ao lado das portas para que non mexen alí os cans. Ao chegar arriba tiro pola dereita e chego ao campo dos cabaceiros. Este ano comprobei que os cabaceiros redondos son cada vez menos e están máis deteriorados. Só un deles tiña millo.
Estes cabaceiros son curiosos para min porque son baixos, a base sostida por tres pés é unha pedra redonda coma un tornarratos grande. Logo hai un armazón de catro madeiras que sosteñen o propio cabaceiro. As paredes son de xesta e o teito de palla centea. Os veciños intentaron restaurar os cabaceiros hai anos pero a palla que tiña que vir de Lugo nunca apareceu.



Aparte dos cabaceiros hai outra curiosidade como é a existencia dun camiño con varios galpóns para carros e algúns destes galpóns chegan a ter ata dous carros e muitos eixos e rodas soltas. Estes son os galpóns de sempre porque na entrada da aldea os veciños fixeron uns galpóns modernos que xa son garaxes para coches e tractores.
Tamén na entrada hai un cruceiro cunha imaxe de san Bernabé e unha mesa de pedra onde di misa o cura ao aire libre para os doce ou trece veciños que quedan.



E isto é Vivenzo; unha aldea con xente con ganas de falar e que é un exemplo aínda vivo da Galicia rural de hai trinta anos.

Etiquetas:

10 comentarios:

Ás 06/04/12, 00:15 , Blogger Dilaida dixo...

Non coñezo esa aldea, pero polo que contas debe ser interesante perderse por alí. Intentareino un destes días.
Bicos

 
Ás 06/04/12, 01:28 , Blogger xenevra dixo...

Eu tampoco coñezo a aldea, pero andarei tras a túa fermosa descrición e verei de re-coñecela. Gustoume moito como a contaches.

 
Ás 06/04/12, 13:06 , Blogger matrioska_verde dixo...

pois moitísimas gracias por achegarnos esta aldeíña porque nunca antes ouvín falar dela e paréceme moi interesante para facer con Congo unha das nosas excursións.

biquiños,

 
Ás 06/04/12, 13:14 , Blogger Peke dixo...

Curioso. Eu tampouco coñezo o lugar, e iso que vivín en Ourense moitos anos.

 
Ás 06/04/12, 18:19 , Blogger Carlos Sousa dixo...

Isto destes días parece que nos puxo morriñentos. Intentarei ir un día destes da semana santa, que para algo hai que aproveitala.

Gustoume moito a túa reportaxe.

 
Ás 06/04/12, 18:28 , Blogger Chousa da Alcandra dixo...

En Antas decíamoslles "cabeceiras" ou "cabiceiras" a esas construccións. Poucas quedan actualmente en pe.

 
Ás 07/04/12, 00:45 , Blogger mfc dixo...

São estas maravilhas de que eu tanto e tanto gosto!

 
Ás 07/04/12, 04:46 , Blogger Antón de Muros dixo...

É a primeira vez que escoito falar de cabaceiros con tres pés.
Gustoume a entrada.

Saúdos.

Antón.

 
Ás 09/04/12, 12:54 , Anonymous Eva G. Rei dixo...

Gustoume esta entrada, e eu tampouco sabía o dos hórreos de tres pés.
Por certo, no Aquí-é teñen estes días unha exposición destas construccións. Vaina mirar!

 
Ás 10/04/12, 16:24 , Blogger Paz Zeltia dixo...

canto che agradezo este post!
gústame facer excursións non moi lonxe, así en findes perdidos, e é esa unha ruta para enfiar calquera día.
Ademáis, xuro que na miña vida vin cabaceiras, nin cabaceiros, nin cabiceiras ou cabeceiras. só en fotos, coma estas que traes tí.
nin que fose eu andaluza!

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio