leoeosseus

luns, 10 de setembro de 2012

Xela de anxiño



Como todos os anos celebrouse este ano en Arbo a misa pola Virxe do Libramento e este ano tocoulle a Xela levar as asas de anxiño que usa a familia dende hai máis de cincuenta anos. Tamén tiña que ir sentada no carro pero era mala hora para ela e non houbo maneira de que non saíse do colo dalgún coñecido. Este ano só había dúas nenas con asas e semella que esmorece o costume cada ano que pasa. Primeiro foi cambiar a xunta de bois por un tractor para tirar do carro e de cada vez hai menos nenas con asas. Tamén antes había festa e xa leva uns anos sen habela. Iso si, non mudou o baile de catro parellas e o amoreamento da xente e coches que interrompen o baile.

Etiquetas: , ,

domingo, 1 de xullo de 2012

Noite de san Pedro


Hai tradicións que resisten malamente o paso do tempo e unha que se dá pola zona de Arbo é a de facer trasnadas a noite de san Pedro. As trasnadas consisten en " roubar " e trasladar cousas das casas alleas para unha zona típica como pode ser unha praza, unha fonte ou un adro dunha igrexa onde as vítimas pasan a recoller o seu sen dereito a queixa.
E así este ano viaxaron " misteriosamente " varias cancelas, tres chedeiras xa sen rodas nin estadullos, dous carretillos, unha escada, unha grade e un coche de paseo de neno. Iso foi o que retratei esta mañá que supoño que a mañá anterior haberías máis aparellos na praza de Barcela en Arbo.
Xa sei que me repito nalgúns posteos pero isto vivino nos anos mozos e lémbroo con alegría.

Etiquetas:

mércores, 27 de xuño de 2012

Paz e cornetas


Hai dúas horas Vilaguindastre estaba paralizada coas estradas e beirarrúas libres de xente e coches a circular.
Agora escúitanse foguetes e cornetas.
Que pasaría ?. Ah, xa caio, a xente fixo caso do alcalde que pedía apoio para a selección española de fútbol hoxe.
Como se lle fixese falla máis apoio !.
Agora a ver quen é o guapo que dorme para madrugar mañá.

Etiquetas:

domingo, 27 de maio de 2012

Touras " everywhere "



Coa cercanía do verán e as festas patronais as comisións de festas buscan cartos onde sexa. Multiplícanse bingos, sorteos, campionatos de tute e outras actividades co fin de recadar o máximo posible. Para chamar á participación poñen de reclamo muitos produtos alimenticios como follas de bacalao, aceite, años, porcos e touras e aquí foi onde se me parou o ollo. As touras semellan uns animais míticos que valen o mesmo de cuarto ca de quinto premio e que poden ser regalos a máis sobre premios coma se se multiplicasen por xeneración espontánea.
O dito, hai touras " everywhere ".
Sorte a quen opte por elas.


Etiquetas: ,

sábado, 5 de maio de 2012

Festa da lamprea 2012


Outro ano máis Arbo celebra a festa da lamprea e haberá que comela e ben a gusto que quedo.
Como xa puxen algunha foto dese becho que nin á súa nai lle gusta a súa cara pois este ano poño o debuxo da rede con toda a súa nomenclatura. Xa sabes, para que non se perda isto. Esta rede ponse amarrada a unha especie de peiraos de pedra que se adentran no río e chaman pescos ou pesqueiras e que son antigos. Actualmente son propriedade de Fenosa mentres non constrúan un novo encoro e desaparezan afogados despois de levar dous mil anos en pé nalgún caso.
Pois nada, a desfrutar da lamprea mentres se poida !.

Etiquetas: ,

xoves, 5 de abril de 2012

Vivenzo



Cando arderon as fragas do Eume parei a matinar no que se está perdendo co paso do tempo e decidín visitar Vivenzo antes de que desapareza o que fai diferente a esta aldea.
Vivenzo está no final dunha estrada que vai cara á montaña en Melón, Ourense. A entrada é en Quins onde hai bos exemplos de construcións típicas. Logo hai que pasar por Negrelle onde tamén hai un campo de canastros rectangulares comúns. Despóis de seis quilómetros dunha estrada sinuosa e con carteis anunciando caza permanente chego a Vivenzo.
Onde está a marquesina da entrada deixo o coche e tiro pola ruela central. A aldeíña está chea de cans de caza amistosos coas visitas e con muitas botellas de auga penduradas ao lado das portas para que non mexen alí os cans. Ao chegar arriba tiro pola dereita e chego ao campo dos cabaceiros. Este ano comprobei que os cabaceiros redondos son cada vez menos e están máis deteriorados. Só un deles tiña millo.
Estes cabaceiros son curiosos para min porque son baixos, a base sostida por tres pés é unha pedra redonda coma un tornarratos grande. Logo hai un armazón de catro madeiras que sosteñen o propio cabaceiro. As paredes son de xesta e o teito de palla centea. Os veciños intentaron restaurar os cabaceiros hai anos pero a palla que tiña que vir de Lugo nunca apareceu.



Aparte dos cabaceiros hai outra curiosidade como é a existencia dun camiño con varios galpóns para carros e algúns destes galpóns chegan a ter ata dous carros e muitos eixos e rodas soltas. Estes son os galpóns de sempre porque na entrada da aldea os veciños fixeron uns galpóns modernos que xa son garaxes para coches e tractores.
Tamén na entrada hai un cruceiro cunha imaxe de san Bernabé e unha mesa de pedra onde di misa o cura ao aire libre para os doce ou trece veciños que quedan.



E isto é Vivenzo; unha aldea con xente con ganas de falar e que é un exemplo aínda vivo da Galicia rural de hai trinta anos.

Etiquetas:

mércores, 22 de febreiro de 2012

De entruido



Como a vida tamén ten momentos de lecer aquí estamos preparados para o entruido. O Leo de Pinocho, Xela de bailarina e o menda de viquingo cos cornos plásticos máis grandes de Vilaguindastre. A fotógrafa ía de pallaza.

Este ano non me metín con ninguén anque uns nenos piratas, mosqueteiros e cabaleiros medievais querían luitar contra min.

Etiquetas: ,

xoves, 29 de decembro de 2011

Sobremesas de Nadal



Neste tempo temos fartura de dóces e en Arbo hai dous que non faltan estas festas. Un é a torta de roxóns que sae na foto e outras son as torradas de viño. Se queres saber como se fai a torta de roxóns hai varias receitas e podo dicir que non se nota o sabor a porco por se alguén é escrupuloso. Receita 1. Receita 2. Receita 3.

As torradas de viños son máis sinxelas de facer.

Etiquetas:

martes, 13 de decembro de 2011

Día dos canteiros




Hoxe é santa Lucía, patroa dos canteiros e doutros profesionais onde os ollos e o sentido da vista son especialmente importantes como costureiras e oculistas.


Eu non podo esquecer o tempo que adiquei ao duro traballo da pedra e as palabras e curiosidades que aprendín. No choio non falabamos o latín dos arxinas pero si tiñamos algunhas palabriñas como " levar á meiniña " que era levar a pedra como indica o debuxo, de pe e primeiro adiantando unha esquina e logo a outra.


O debuxo pertence a un libro dun canteiro profisional que me ensinou muito e me fixo lembrar outros tempos.


Feliz día de santa Lucía !. Aquí e en Suecia, claro.

Etiquetas: ,

sábado, 10 de decembro de 2011

Matanza 2011



Hoxe tocou a tradición de sempre de matar os porcos. Tocoulle a dous que eran boíños ( " Pobriños !. Que mansiños eran !. " ) dicía avoaM coma sempre. A verdade é que saen do cortello enganchados polo fuciño coma se fosen un can de paseo. Arrímanse ao banco, pasásenlle dúas cintas polo corpo e dáselle un cuarto de volta á taboa do banco e xa están listos para matar. Logo tócalles chamuscalos para queimar o pelo con fento e logo fachuqueiras de centeo e limpar con carqueixa. Na foto de hai dous anos vese ao matador arrincando as uñas do pesuño. No momento de queimar había xente que comía o rabo asado tal como estaba. Preguntei se o facían os rapaces pero dicían que non, que os rapaces collían a vexiga e inchábana coma un globo para xogaren e quedaban tristes cando rebentaba.

O traballo da matanza xa o expliquei o ano pasado e este ano foi case igual. Eu estiven salgando na salgadeira nova plástica. Este ano aprendín unha frase cando lavaban o pedro, a tripa gorda e que dicían cando un levaba o gando pouco tempo ao prado: " Pedro botello: bótase tarde, métese cedo ". Tamén aprendín que os laghartos veñen a ser os solomillos do porco e que o corazón da cebola chámase choromelo.

Falouse de todo: política, crise, pensións, veciños, roubos, etc e ata falaron dun tal Dionisio que estivo en Cuba e cando volveu de alí fuxiu para o monte para evitar que o paseasen os fascistas. Seica era un home intelixente e que fixo un casamento de comenencia que lle saíra mal e que el resumía coa frase: fun por farelo e salín enfarelado.

Así foi o día de hoxe e mañá toca preparar a carne para facer chourizos.

Etiquetas: , ,

sábado, 12 de novembro de 2011

11-11-11



E como cada san Martiño ampliei a colección de pións de Leo e iniciei este ano a de Xela.

Foi un día normal. Pola tarde, despóis da sesta de Xela, baixamos ao parque de Vilaguindastre. As pombas xa se recolleran e non comeron pupias de galleta. Iso si, andaban soltan tres porcas en forma de nenaschupimegafriends que deixan no chan o lixo en forma de botellas de refresco e bolsa de chuminadas. Supoño que estarán adestrando para o botellón. Nós fomos ao parque e, mentres eu probaba un pión, Leo fixo rir a Xela xogando no bambán e no tobogán. Logo tocou a merenda dos nenos nunha cafetería e un paseo polo centro de Vilaguindastre onde había unha feira de artesanía e libros. Leo entrou nunha librería e escolleu un de Bob Esponxa e eu non puiden resistir a tentación do último libro de Manuel Rivas. Xa despóis tocou recollida para casa que a noite cai rápida.

E así foi o 11 de 11 de 11, sen nada máxico nin esotérico como aquel 7 do 7 do 77 que un inglés apostou polo cabalo 7 na carreira 7 pensando facerse millonario e, claro, pasou o que tiña que pasar: o cabalo quedou sétimo !.

Etiquetas: , ,

mércores, 9 de novembro de 2011

Para gustos


Hai gustos para todo e mentres hai algunha blogueira á que semella non chistarlle esta imaxe, hai outras como Aldabra que estará leda de ampliar a súa colección de sereas co esta xogando á billarda ou pincha, como dicimos por Vilaguindastre.
Anque deporte, deporte, eu inclínome máis polo fútbol gaélico.
E, rematando por hoxe, na interrede podemos atopar de todo para inspirarnos ou pasar o rato e non quero deixar atrás a canción que descubrín no blogo de Brétemas uns días atrás e da que tamén falou Chousa.




A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

Etiquetas: ,

luns, 12 de setembro de 2011

Sigo entre uvas








Neste tempo non só se vendima. A uva despóis de vendimada ten que ser estruchada na espaleadora que separa a uva que vai para o barril do cangallo que hai que tirar.



A uva bota varios días a ferver no barril e hai que ir baixándoa coa ghaia para que estea toda mollada e non borde.

Na foto de arriba retrato a ghaia e o barril.










Cando deixa de ferver hai que cambiar a uva de barril e hai que pasala a un barril limpo de sarrio.

Na foto de arriba aparecen un medio de branco e un bocoi con sarrio antes de limpalos.





O que queda no primeiro barril despóis de pasar o seu líquido a un novo barril chámase baghazo e hai que metelo na laghareta para prensalo e aproveitar o líquido resultante da espremedura.




Este ano houbo tanto tinto que avóM. mercou un depósito de mil litros de aceiro inox.

Na foto retrato o depósito ben roxiño cando baixa o viño.

E mentres o viño tinto ía facéndose na adega houbo que vendimar uva branca híbado pola tarde.


Pero tamén hai tempo para tirar algunhas fotos bonitas.






Etiquetas:

xoves, 8 de setembro de 2011

Vendima 2011





Nótase que hai crise que a vendima se adiantou e vén máis farturenta que outros anos e así a adega non quere máis uvas que os dous mil cincocentos quilos do cupo e o resto hai que tragalo. Menos mal que apareceu outra adega que quedou cos máis de mil quilos a máis de Albariño que produciron San Benito, Soutelo, Suborribas, Correlos, O Couto, Tumbalobos e As Carmelas.



Levamos unha boa farta os dez vendimadores contando o primeirizo curmánD con doce anos.



Agora queda a Treixadura para a adega e as tintas e híbados para a casa pero iso é outro cantar.



Na foto uns cachos de Albariño non mui grandes que había outros coma rapaces pequenos.

Etiquetas: ,

sábado, 14 de maio de 2011

Traballando de noite


Esta quincena tócame traballar de noite e faise duro durmir pola mañá cos coches de propaganda electoral dando voltas cada pouco tempo.
Iso si; traballando de noite pode visitarse de día castelos coma o de Sobroso.


Tamén mercamos alí un axóuxere para a nena e fixen a foto da explicación tan fermosa.





Fixemos a primeira viaxe en tren para o Leo.





E estreamos a praia este ano para sorpresa de Leo porque aínda non estamos no verán.


Ao final traballar de noite ten as súas cousas boas !.

Etiquetas: , , ,

domingo, 17 de abril de 2011

Arde o pazo

Onte acerqueime ata Mos onde celebraban os veciños a terceira edición de " Arde o pazo ": unha festa onde recrean a chegada das tropas napoleónicas á zona en abril de 1809. O día estaba espléndido para a festa e había xente vestida de campesiños da época, de marqueses e de franceses. Tamén había mercadillo e postos de artesanía e gastronomía. O Leo asustouse un chisco cos tiros e estaba o fotógrafo omnipresente.

Etiquetas:

mércores, 9 de marzo de 2011

Entruiando


Na miña etapa norteamericana non puiden disfrazarme cando coincidían estas datas naquel país tan pouco festeiro así que me propuxen dende aquela disfrazarme sempre que puidese anque fose unha hora. Este ano fun de super heroi vingador o sábado pola tarde e de bruxa o domingo e aínda acañei coa vasoura a unha veciña de Arbo. Non foi muito pero é algo.
O Leo foi de Pinocho, Bob Esponxa, gato e pallazo e desfrutou máis ca o ano pasado.
A ver que tal é o ano que vén.

Etiquetas:

venres, 11 de febreiro de 2011

Na estacada


Estamos en tempada de pesca de lamprea e fun convidado por un compañeiro de traballo a ver como fan para pescala desde unha estacada no río Tea.
A estacada é unha especie de pasarela no medio do río. Hai un número de estacadas cunha posición fixa no río Tea que entran en sorteo da Xunta. Por cada estacada hai catro persoas coa súa " fisga " correspondente. A " fisga " é un vareiro duns seis metros cunha serie de anzós extraibles na punta. A lamprea non morre cando a espetan e a ferida fecha no momento meténdoa en auga outra vez e xa teñen un cesto con auga para este cometido.


A lamprea péscase de noite. Os homes están ao axexo na estacada coa "fisga" a man esperando que a lamprea suba zigzagueando polo fundo do río. As luces potentes axudan a distinguila e así pode espetarse cando pase. Á lamprea non lle gusta a luz, queda quieta un momento e logo tratará de esquivala ou pasar o máis rápido posible.
Iso se hai sorte porque esta noite pasada foi desastrosa: só pescaron unha ( a da foto ) e outra escapou. Cando escapa unha avísase a berros á seguinte estacada río arriba que está a uns cen metros.
O compañeiro díxome que había que esperar a unha noite de muita chuvia para que mova a auga do río. Xa se sabe iso de " a río revolto, gañancia de pescadores ".
Polo resto dicir que fai muito frío e que acaba un canso de mirar fixamente a auga e o único becho que mirei foron unhas cabras ceghas.
Se queres saber algo máis podes ler aquí outro blogo da zona falando disto.

Etiquetas:

mércores, 26 de xaneiro de 2011

Demolición e lembranzas


Podería falar hoxe do frío pero oín unha ocasión que falar do frío no inverno non é noticia. Se fixese frío de dous grados baixo cero en agosto iso si sería noticia.



O que foi noticia estes días por aquí foi a demolición do antigo colexio onde estudei eu e o Leo.
Con el van lembranzas de xente, estudos, xogos e anécdotas como a da columna do saber ou a Pinoucha que raptaba nenos.



En canto a xogos había bastantes pero hoxe quero falar do " pulso gallego " que chamabamos nós. Facíamos un circo no chan e puñamos pé contra pé e logo agarrados por unha man turrabamos e puxabamos para tratar de botar o rival fóra do circo.
Non volvín ver xogar a ninguén a isto dende aqueles tempos pero supoño que hoxe sería visto coma un xogo de brutáns.
E agora unha preguntiña. Lembras algún xogo curioso do tempo do cole e as súas regras ?.

Etiquetas:

venres, 17 de decembro de 2010

O Nadal segundo Leo

O Nadal para Leo son luces na rúa. É árbore co seu debuxo do Papa Noel e do calcetín de cintas de cores do cole. É comer chocolatinas do calendario de Advento. É buscar un Herodes en todos os Beléns. É deixar aberta a fiestra xa que non temos cheminea. É DVDs de Rudolph. É o conto de Antón e o Apalpador ( a imaxe está tirada dese conto de barafunda ). É unha procesión na súa mente dos cinco reis: Melchor, Gaspar, Baltasar, Papa Noel e o Apalpador.
En definitiva; o Nadal é a ilusión máxica nos ollos dun neno.

Etiquetas: ,