leoeosseus

sábado, 27 de marzo de 2010

Corenta e dous meses


Seguimos na andaina da mudanza pero non podo deixar pasar o mesario do Leo para falar del e dos seus progresos. No cole avanza e a profe está contenta co el. Déronnos as " notas " do trimestre e fixo un cambio radical dende o primeiro trimestre a este segundo. Falla aínda na sicomotricidade pero non se lle pode esixir todo. Quere aprender os números e letras e debúxaos no aire e todo. Ata para queixarse cando lle cortamos as uñas solta unha parrafada do alfabeto e quéixase dicindo " I grego !, I grego ! ". Supoño que será porque non sabe dicir palabróns aparte dalgún " membro viril en galego " que solta de cando en vez. Segue enamorado dos contos e dalgúns programas da tele e o chocolate e os premios que lle dá a nai cando pide as súas necesidades. Por certo, leva unha tempada sen facer nada na cama e pensamos retirarlle o cueiro. En canto ó comportamento dicir que leva uns días mimento e un pouco salvaxe dende eses días que pasou con febre e delirios que el trataba de solucionar mandando parar quietos os mobles.
E así vai.

Etiquetas:

xoves, 25 de marzo de 2010

Acarrexando


...e pintando e facendo máis labores propios dun cambio de domicilio. Polo tanto,non teño o vagar preciso para comentar na túa casa virtual ou para escribir nesta miña.

Etiquetas:

domingo, 21 de marzo de 2010

Primavera


Anque o día do pai estivo enturbiado pola mala saúde do Leo e o avóP desfrutei do diploma-calendario que me regalou Leo onde ata me fixo un retrato e sae o mundo: " É o planeta Terra, onde vivimos nós e os veciños. "



A primavera fixo abrochar a camelia agasallo dunha amiga.


O Leo recibe axuda nas súas primeiras rodadas en bici.


E a pelota multicolor descansa na horta convertida en eficaz e sorprendente espantallo.

Etiquetas: , ,

venres, 19 de marzo de 2010

Día do pai


Estou esperando a que pase a noite para que o Leo me dea o agasallo do día do pai. A profe Maite díxolle que tiña que darmo despóis de durmir así que toca esperar.
Na foto sae un regalo que vai recibir avóM. Será unha sorpresa para todos porque non coñecemos o sabor desa fruita.

Etiquetas:

martes, 16 de marzo de 2010

O xogador das mandarinas


O outro día andei a fotografar casas que vai tirar o AVE ao seu paso por Vilaguindastre e lembrei un acontecido que vivín nun bar que había no baixo da casa da foto. O conto foi hai máis de vinte anos e eu era novo e daquela andaba como quen di a dúas velas, sen cartos. Topei cun amigo e díxome que no bar había un home que convidaba ás consumicións coa condición de xogar ás cartas co el e alá me apuntei eu. Presentoumo e sentamos os tres a xogar ao subastado.O tal home pediu un cubata para el e para nós cervexas. Botamos un tempo xogando ás cartas e o xogador só facía chimpar glorios ou chanqueiros, fumar e comer mandarinas que tiña nunha prata sen perder a concentración nos puntos e nas cartas que saltaban á mesa. Todo ía ben ata que o meu amigo fixo un renuncio sen querer e botou unha carta que non correspondía. O xogador encendeuse e púxose a berrar e deu por rematado o xogo todo encomodado. Nós marchamos coas orellas gachas e fóra do bar comenteille ao amigo como se puxera o home, que tampouco era para tanto. O meu amigo díxome que non era de extrañar porque o comedor de mandarinas botara dez anos no cárcere por matar a un nunha partida de naipes. Non teño que dicir que non volvín por aquel bar nunha tempada beeen longa; non todos os días coñece un a un asasino !.

Etiquetas:

sábado, 13 de marzo de 2010

Traballar por " fas "


O tempo segue o seu camiño adiante sen preguntar e sen se deter e así outro compañeiro da torredocaminho se retirou onte. Vou botar de menos as súas historias de fondo sabor popular e as súas anécdotas que abrochaban con cada palabra.
Esta noite pasada trouxo de despedida uns chourizos da casa con viño bastante bó e un licor de cilantro nunha cesta talmente á da Carrapouchiña e falamos de viños, de matanzas de porcos e de enviar produtos da casa en maletas.
Como el me regalou tantos contos eu faleille do conto de traballar por " fas ".
Resulta que a un que se xubilaba un compañeiro díxolle que agora ía aprender a traballar por " fas ". O que se retiraba respondeulle que non sabía nada de traballos de oficina ao que o outro respondeulle: " Si, home si. Agora vas traballar por " fas " porque vai vir túa muller e vaiche dicir " Agora fas isto e logo fas aquilo " e así sempre ".
Na foto unha das vistas dende a torredocaminho.

Etiquetas:

domingo, 7 de marzo de 2010

Días en Lugo


Lugo pode significar durmir no carril das Hortiñas onde pouco queda da orixe do nome.



Ou xogar nun parque infantil con nenos galegofalantes e abeirado de sebes arrecendentes de loureiro.


Ou decatarse de que hai unha figura dun carteiro no alto do edificio de Correos.


Ou pasear pola penumbra da catedral.



Ou constatar a decadencia de muitas edificacións.



Ou retratar a muller que chama a gatos e pombas cun axoúxere para alimentalos.





Ou fotografar hórreos curiosos na estrada ata Portomarín.



Ou esconderse dentro dun castiñeiro do souto de bruxas do parque dos Paxariños.



Ou encher o río Chanca de pauciños representando barcos.



Ou admirar construcións artesanais no parque do río Rato.



Ou agasallar cunha folla a unha blogueira aparecida por sorpresa na muralla.

Etiquetas: