leoeosseus

mércores, 27 de agosto de 2014

Verano azul

Chove miudiño pero chove e isto non semella agosto para nada e case me fai esquecer a semana pasada cos seus días de bo tempo e viaxes.
Empezamos topando sitio nun camping de Portonovo que tiña solpores así.


Tamén tiña a praia co seu chiringuito que resultou un desastre cos seus prezos, esa pizza de conxelador e esa tapa de polbo salgado sen palillos nin garfos. Tamén tiña unhas tumbonas e unhas pedaletas de alugueiro de prezo acordo co chiringuito e un mal momento que nos fixo pasar a pedaleta que non andaba nin para atrás e que o mar un pouco picado impedía controlala.
 


Boa foi a viaxe que fixemos a Sálvora. Fomos ao faro, miramos penedos de formas curiosas como este que semella o Xabarín e soubemos da historia das heroínas de Sálvora que rescataron un feixe de persoas na maior traxedia marítima de España.

 


No camiño á aldea topamos a fonte de Santa Catarina que apareceu na illa cruzando o mar por un túnel dende Ribeira.
Na aldea abandonada fotografei o tractor de ollos tristes que xa non ten ollos e detalles que nos fan imaxinar como era a vida na illa hai máis de corenta anos.

 


Logo despedímonos desa illa case paradisiaca e da serea que vixía o mar.

 


 


No Grove demos un paseo para admirar o feixe de estatuas que xorden aquí e alá pero eu quedo coa fonte dos cabaliños de mar.

 


 


De recollida paramos en Portonovo onde un camiño de pegadas pintadas no chan nos levou a un mercadiño artesán.
Facía calor e fomos buscar un parque onde había un cruceiro coa Virxe María cun pau batendo nun animal.




















Ocorréusenos parar a xantar en Combarro e non foi boa idea. Xantamos nun sitio con boa sombra pero Graciela a cociñeira deunos de comer polbo e chipiróns salgados, pan ruin e café frío de Melitta a prezo de gourmet. Non me extraña que o sitio teña o nome Chill Out: chilla ben alto quen vai alí.
 



Notei Combarro mui cambiado e cheo de tendas de souvenirs e viños caseiros e restaurantes que case non deixan admirar o bonito desta aldea.

 


Iso si, había unha serea que ata daba mágoa que tivese rabo de peixe.

 


E agora os nenos seguen de vacacións pero eu non e teremos que volver ao ritmo do resto do ano.

Etiquetas:

domingo, 24 de agosto de 2014

Trixésimo oitavo mes


E a nena segue medrando con pouca cousa comida a destempo despois de teimar co ela. Ten carácter forte e caprichoso pero ten momentos gloriosos de ledicia e cariño que compensan os malos momentos que nos fai pasar. É áxil e atrevida e tamén forte e solta calor día e noite. Esta semana picáronlle dúas vespras ( muitas hai este ano ) e chorou pero case non lle afectou.
No falar está co descontrol de " ayer " que lle vale para todo o pasado anque agora inclúe nese descontrol " martes " e " viernes ". É un chisco zarabeta e outra curiosidade que di é " descués " e " no cuedo " no canto de " después " e " no puedo ". Forma frases longas que rematan por onde empezan e pregunta bastantes cousas. Gústalle cantar e aprendeu anacos longos de cancións de " Xiqui, xoque ".
O pis e a caca lévaos ben esta semana e que o demo sexa xordo. De noite usa cueiro e ás veces pide teta pero cada vez menos.
E así vai.

Etiquetas:

sábado, 16 de agosto de 2014

Por alá e acolá


Levamos uns días sen parar e imos dende a Ponte do Mouro en Portugal ata a praia das Catedrais pasando por Burela, Sargadelos, O Vicedo, O Barqueiro, Ortigueira, Cariño e Porto do Son.
Agora toca descansar que a árbore familiar perdeu outra póla.

Etiquetas: ,