leoeosseus

sábado, 28 de abril de 2012

Mans, nubes e libros



Volviamos de xantar na casa dos avós e o ceo estaba cheo de nubes fermosas. Quería fotografalas pero o Leo ía da miña man. Pensei no futuro cando Leo xa non queira ir da miña man e fun incapaz de soltar a súa cálida man para fotografar unhas nubes distantes, frías  e de breve duración.


Iso si, máis tarde tiven a sorte de atopar un libro de bookcrossing en Vilaguindastre ( Out de Natsuo Kirino e BCDI 842-10236530 )  e que lerei con calma.

Etiquetas: ,

Felicidade


Onte venres fun por terras ourensás e houbo treboada e sarabiada por sorpresa. Cando decidín volver para casa a temperatura baixara dez grados e estaba no inverno nun territorio increiblemente branco de sarabia. Cheguei a unha costa, parei e puxen as luces intermitentes de emerxencia porque había dous turismos parados no medio da costa. Fixen ben que estaban atrancados segundo me explicou un paisano que baixou pola costa e así atrancados tamén quedaron os condutores apurados que viñan detrás miña e me adiantaron tocando a bocina. Eu peguei media volta e explorei outro camiño alternativo cara o río con medo a saír da estrada descoñecida nunha curva calquera. Por sorte, fun dar a unha zona segura e coñecida e puiden volver a casa cunha anécdota para contar.
Estou tan feliz de saír sen problemas que sería capaz de pagar entrada para asistir á Verbenalia do cartel. Mira que hai ata rosquillas e todo !.

Etiquetas: ,

xoves, 26 de abril de 2012

Leo, o contista


Na imaxe está Leo mirando no cine " Lorax, en busca de la trúfula perdida ". A Leo gustoulle, e o que máis, o oso repoludo que quedaba atrás nas carreiras e arfaba cando había un pouco de movemento. E confeso que tamén me gustou a min a película pola acción, imaxinación, paisaxes e historia.
Mirámola onte e así o Leo se ergueu hoxe falando de que na terra de Jónistan ( o imperecedeiro alter ego e amigo invisible de Leo ) hai un lobo solitario e non hai abellas nin mosquitos pero si abellonas que non morden a todos senón que só pican aos malos.
Este conto ten algo da película pero a inspiración bebe de varias fontes e o lobo lémbrame o lobo Crispín que entrou na nosa casa en forma de libro onte mesmo tamén.
Está visto que outras cualidades non terá Leo pero a contista poucos lle gañan.

Etiquetas: ,

martes, 24 de abril de 2012

Décimo mes


A conta corre e xa imos polo décimo mes da xoubiña.
Segue feita un fervellico que non ten paraxe nin na teta nin durmindo que se destapa toda. Cando está esperta vai dun lado para outro agatañando ou apoiándose nas cousas ou das dúas mans dun adulto. Hai veces que queda solta un segundo de pé sen apoiarse pero aínda non ten a confianza para empezar a camiñar.
En canto ao comer, vai comendo enganándoa con galletas ou gusanitos para que abra a boca e así meterlle outra cousa.
Xa lle saíron dous dentes arriba: grandes e separados; e ten o mal costume de enganchalos na mesa do televisor. Estanlle asomando outros dous arriba.
De forma de ser parece alegre e curiosa de máis cos enchufes, cables, ordenadores e rodas e obxectos redondos. Gústalle a música, collerlle cousas ao irmán e xogar a cucú pero cando bota verdadeiras gargalladas é cando a perseguimos ou lle botamos a bronca.
En definitiva, esta nena non nos vai aburrir no futuro.

Etiquetas:

luns, 23 de abril de 2012

Para que serven os libros


Hoxe é o día do libro e pouco se pode engadir ao que din xentes máis sabias ca min.
Unha vez topei esta imaxe e encantoume porque representa claramente o que penso eu dos libros. Porque un libro para min é unha ollada ao outro lado dun muro no que nos pecha a realidade.
E agora tócame volver á realidade e buscar fotos que perdín no ordenador e creo que non atoparei. Menos mal que a inmensa maioría xa as tiña duplicadas e ata triplicadas !.

Etiquetas:

venres, 20 de abril de 2012

Indo e vindo



Hai xente que non lle mira validez e posibilidades ao idioma galego nesta sociedade actual e eu non estou de acordo. Sempre me gustaron as ideas orixinais e iso de pórlle o nome Irevir a unha empresa de mensaxería urxente paréceme caralludo.
Tamén me gustan os dicionarios e a historia que traen detrás as palabras así que ligo aquí o Disionario da Revolusionaria Academia Morrasense da Lingua ( morrasense-jodechincho ).
Que o desfrutes coma min !.
Non deixes de botarlle unha ollada na ligazón ao vídeo Os Jodechinchos: son tres minutos divertidos.

Etiquetas:

martes, 17 de abril de 2012

A miña heroína


A miña heroína non é lady Gaga senón lady Gu-Gún que é o grito de guerra de Xela cando quere algo.
Estes días empeza a soltarse das dúas mans estando de pé e non ten medo. O sitio preferido é onda o botixo da cociña: apóiase nel coas dúas mans, logo solta unha e logo a outra e queda uns instantes así.
E hoxe deixoume abraiado cando eu lle ensinaba unha peza dun xogo de construción cun color e forma determinados e logo metíaa na caixa con outras pezas. Pedíalla a Xela e Xela devolvíame a mesma peza.
Unha nena así ten que ser a miña heroína á forza.

Etiquetas:

luns, 16 de abril de 2012

Héroes


Héroe é unha persoa que non se rende á maioría e ten claras as ideas tanto na mente coma no corazón coma August Landmesser que casou cunha xudía e negouse a saudar a Hitler en plena euforia nazi.
Un héroe tamén pode ser un xubilado que prefire suicidarse diante do seu goberno antes que andar a remexer no lixo para poder comer como foi o caso de Dimitris Christoulas.
Para min matar osos borrachos ou elefantes a distancia non é cousa de héroes.
Deixo unha foto dun arco do trono adicada a tantos e tantos héroes de cada día que buscan o pan de forma honrada.

Etiquetas:

domingo, 15 de abril de 2012

Auga de bacallao


O outro día aprendín unha expresión e non quero que se perda pola miña parte así que a poño aquí. Resulta que avóM quería cambiar un terreo coa xunta de montes e foi á reunión. Á volta a avoaM preguntoulle pesimista: " Que, o do cambio ó final quedou en aghua de bacallao ? ".
Esta expresión significa que algo que se planeaba queda en nada. Preguntei ao señor Google acerca desta expresión e descubrín que sae na wikipedia. Tamén descubrín que é unha frase feita da que gusta especialmente algún periodista e incluso atopeina como tradución da expresión española " quedar en agua de castañas " que oportunamente retrato arriba a falta dun retrato de auga de bacallao.
Espero que este posteo non quede en auga de bacallao e que aproveites esta frase no futuro.

Etiquetas:

sábado, 7 de abril de 2012

Leo e o amor


O Leo leva un tempo un pouco repugnante no trato pero ten días gloriosos que borran eses malos momentos. Encántame cando me colle por banda e mándame facer deberes. Colle un folio reutilizado e mándame en plan profesor escribir palabras ou números ou debuxar algo. Eu sempre lle pido que sexan fáciles de facer e que me axude e el faino todo cheo de razón.
Onte cambiou de xogo e púxose a clasificar fotos imprimidas e topou a que subo no posteo que é do ano pasado. Entón explicou: " Aquí estamos Pascuala i eu facendo o amor ". Eu pregunteille que era iso e el respondeume: " É dar bicos, abrazos e chocar a man ".
Pero cando me fixo gracia de verdade foi o día que dixo que tiña novia no cole: " A miña novia é Uxía ". Eu, sabendo como son estes amores, pregunteille cun chisco de malicia: " E ela sábeo ? " ao que el retrucou: " Non, aínda non sabe que é miña ".

Etiquetas:

xoves, 5 de abril de 2012

Vivenzo



Cando arderon as fragas do Eume parei a matinar no que se está perdendo co paso do tempo e decidín visitar Vivenzo antes de que desapareza o que fai diferente a esta aldea.
Vivenzo está no final dunha estrada que vai cara á montaña en Melón, Ourense. A entrada é en Quins onde hai bos exemplos de construcións típicas. Logo hai que pasar por Negrelle onde tamén hai un campo de canastros rectangulares comúns. Despóis de seis quilómetros dunha estrada sinuosa e con carteis anunciando caza permanente chego a Vivenzo.
Onde está a marquesina da entrada deixo o coche e tiro pola ruela central. A aldeíña está chea de cans de caza amistosos coas visitas e con muitas botellas de auga penduradas ao lado das portas para que non mexen alí os cans. Ao chegar arriba tiro pola dereita e chego ao campo dos cabaceiros. Este ano comprobei que os cabaceiros redondos son cada vez menos e están máis deteriorados. Só un deles tiña millo.
Estes cabaceiros son curiosos para min porque son baixos, a base sostida por tres pés é unha pedra redonda coma un tornarratos grande. Logo hai un armazón de catro madeiras que sosteñen o propio cabaceiro. As paredes son de xesta e o teito de palla centea. Os veciños intentaron restaurar os cabaceiros hai anos pero a palla que tiña que vir de Lugo nunca apareceu.



Aparte dos cabaceiros hai outra curiosidade como é a existencia dun camiño con varios galpóns para carros e algúns destes galpóns chegan a ter ata dous carros e muitos eixos e rodas soltas. Estes son os galpóns de sempre porque na entrada da aldea os veciños fixeron uns galpóns modernos que xa son garaxes para coches e tractores.
Tamén na entrada hai un cruceiro cunha imaxe de san Bernabé e unha mesa de pedra onde di misa o cura ao aire libre para os doce ou trece veciños que quedan.



E isto é Vivenzo; unha aldea con xente con ganas de falar e que é un exemplo aínda vivo da Galicia rural de hai trinta anos.

Etiquetas:

domingo, 1 de abril de 2012

Arden as fragas do Eume


Mentres eu paseaba onte polo río Tea e fotografaba esta insua bucólica, ardían as fragas do Eume. Hoxe estou a escribir e seguen a arder. Sempre lamentarei non telas visitado antes. O pior de todo é que non sei se os meus fillos terán a sorte de visitalas algunha vez co esplendor de antes.

Etiquetas: