leoeosseus

Saturday, 31 March 2018

Paseo por Berobriga

 
Hoxe fomos xantar muito e rico ao final da península do Morrazo no restaurante Cabo Home. Aproveitamos logo para camiñar ata o monte Facho que nunca visitaramos. O camiño sai de Donón coas súas casas de variadas feituras e algún chilote que incorpora dúas bicicletas estáticas para facer exercicio mentres ollas a costa de EEUU.
 


 
 
Despois da Casa das Pedras aparece a indicación para subir ao Facho por un camiño milenario de pedras con rodeiras de tantos carros que por aí subiron e baixaron.
Xusto antes de chegar ao alto aparecen os restos de Berobriga, o castro que aí alí con varias cabanas excavadas.
 


E no alto aparece a garita do Facho dende onde vixiaban a entrada de piratas ou outros inimigos de hai 400-300 anos.
 



Outra construción circular e con cúpula, neste caso de cristal, aparece no medio da aldea de Donón en forma de estrela da morte e cunha utilidade que descoñezo anque si podo dicir que queda coma unha patada na barriga.
En fin.

Labels:

Friday, 30 March 2018

LII


Pola mañá fomos ao Ifevi que había inchables para nenos e para maiores. De feito atrevinme a facer unha especie de Wipe Out e paseino ben andando a chimpos e rebotes coma un macaco. Saín mallado coma un pulpo pero despois quedaron os músculos todos relaxados.
E a noite regalounos unha sarabiada que tapizou de branco a veciñanza e xurdiu un regueiro efémero que abriu a superficie branca.
Iso foi hai media hora. Agora todo desapareceu.

Labels: ,

Thursday, 29 March 2018

Frente á pantalla

 
 
Un día pechado na casa dá para viaxar pola interrede a fartar. Lin e mirei muitas páxinas e vídeos e aprendín e divertinme.
Aprendín que climacofobia é o medo ás escaleiras como na imaxe que ilustra este posteo.
Estiven tamén cos vídeos dos youtubeiros e destaco tres como podería destacar outros.
- Juan O Choio explica como fai un vello dependendo da situación. É una canle mui simpática que xa pechou porque non lle gusta a fama. Aquí deixo o capítulo " Como entender a xuventude ".
- Outra canle que descubrín é a de Fati; unha artesá de Santo Andrés de Teixido que fai rotas pola natureza, fala de artesanías e ten unhas monecas que falan de cousas distintas. Aquí as monecas apréndennos refráns.
- Unha rapariga que fai de todo neste vídeo mostra como se debuxa.

Labels:

Tuesday, 27 March 2018

Un chisco de paseo e poesía


Un descanso das chuvias dan para pasear con Xela e os seus patíns. Fomos polo camiño verde e xogamos ao xadrez humano no parque do Lindano.
No camiño verde segue en pé a escultura de hai catro anos que aguantou sen pintadas ata hai un pouco. O bo é que a pintada é pequena e case unha declaración de amor: " Eres la pieza q me falta m caso contigo ".
E para poesía a que descobre a televisión con César Brandon.

Labels: ,

Sunday, 25 March 2018

Octoxésimo primeiro mes ( e mais un día )


Despisteime e xa non escribía sobre Xela. Como agora está na casa dun amigo nunha festa de pixama xa non me lembraba dela.
Que podo dicir ?. No cole saca boas notas, en música tamén están contentos co ela ( o día do pai fun a clase co ela e púxome un regular porque seica lle copiei unha ficha ). En inglés vai ben e xadrez tamén o colleu con gusto...ata quere ensinar a xogar aos que non saben !. Segue sendo activa e creativa e debuxa elefantes ou escribe minilibros coa súa boa letra. Gústalle que lle lea contos e agora está con Pupi e outro de adiviñas.
En definitiva: todo ben.

Labels:

Thursday, 22 March 2018

Futingo


Vai vir a semana santa e van circular muitos coches por eses camiños. Lembrei a palabra futingo para dicir coche que aínda se emprega bastante e descubrín ... que vén do inglés !. A orixe hai que buscala nun anuncio antigo do Ford T que dicía " Foot it and go ! " que se pronuncia algo parecido a " futingo ". Eu non sabía de onde viña esa palabra pero hoxe aprendino da man de Google e Alfredo Conde.

Na imaxe retrato un futingo de hai uns anos cunha mensaxe canda menos curiosa e que lle acai nestas datas.

Labels: ,

Sunday, 18 March 2018

Cores e mais experimentos


Nestes días grises é difícil topar cores anque esta vista aérea dun posto do mercado alegra a vista.


Os debuxos de Xela teñen unha vida especial sen necesidade de darlle cor.


Para pintar algo transparente como a auga non hai millor experimento que pór dous vasos con auga e corante e un vaso libre no medio. Comunicamos os vasos cunha servilleta, deixamos pasar unhas horas e faise o milagre: o nivel de auga dos tres vasos equilíbrase e o vaso do medio mistura as cores dos vasos laterais.


E un experimento literario sería escribir sobre unha parella con chaquetas de camuflaxe e pantalóns negros a xogo que comparten un postre.

Faltaba falar sobre a cor branca que sería brincando coa neve pero a pouca que quedaba desfíxose coa chuvia de hoxe.

Labels: ,

Wednesday, 14 March 2018

Agardando o delaio


O sábado ceamos churrasco típico galego e no día seguinte xantamos galettes e crepes bretoas nunha crepería. O local estaba adornado cun seiscentos para xogaren os nenos, unha furgoneta que facía de bar e un feixe de trangalladas, cartaces, debuxos e fotos espallados polas paredes.
Prestoume esta que ata parece que pode ser en Galicia.
Na imaxe a parella está recollida na casa e supoño que fóra está a chover e fai frío. Estarán agardando o " delaio " palabra que aprendín onte e que quere dicir cando deixa de chover.
Encántame aprender palabras !.

Labels:

Sunday, 11 March 2018

Refuxiándose


Teño un libro de fotografía que me ensina muito da fotografía e dos fotógrafos nestes días de mal tempo. Prestoume especialmente a foto " Drum Major and Children " de Alfred Eisenstaedt onde retrata a frescura e ledicia dos nenos que fan de calquera momento un xogo.
Nunca chegarei a ese nivel pero seguirei tirando fotos a todo canto poida.

A foto de arriba está feita por min en Vilaguindastre e o pé de foto diría algo así: Ruina sen estrear compite con ruina con historia.

Labels: ,

Thursday, 8 March 2018

Día da muller


Baixo os choros do ceo unha marea de cores pide igualdade real, non só teórica.

Labels: