leoeosseus

venres, 3 de maio de 2019

Mes de letras e flores


Promete este maio: camionetas de comida, día da nai, feira do libro, festival de Cans, letras galegas, eleccións e máis.
A ver se nos medra o céspede ( mea culpa: enterreino en troques de sementalo ) e arranxan o problema da humidade ( tardarán menos en restaurar Nôtre Dame ) para que sexa este mes florido e fermoso.

Etiquetas: , ,

martes, 16 de abril de 2019

Cultura




 
 
 
Con este goberno local hai garantizadas actuacións de contacontos, magos, actores teatrais e acróbatas.
A ver se non perdemos esta cultura.

Etiquetas: ,

sábado, 6 de abril de 2019

Precampaña

 

Estamos na precampaña e cementan parques infantís que antes eran de terra para facer chorar a nenos, tiran casas abandonadas ( logo xa lle cobrarán ao dono esta obra ) e inzan brigadas de limpeza, de xardíns e de amaño de farolas. Iso si, unhas cousas quedan sen arranxar e algún disconforme di: " Eu non voto. Arreglarme cando vos sala do carallo. "
Que repetitiva e vulgar se me fai a precampaña !.

Etiquetas: ,

venres, 5 de abril de 2019

4-4-2044


Cos meus 78 anos acabados de cumprir podo por fin escribir aquí. Non é nada doado: muito mudou o mundo. O que queda da familia non sei onde a teño e mesmo eu estou nun campo de concentración tratando de xustificar que non son católico nin tan siquera cristián. Vivo en plena zona invadida ( máis ben cedida ) ao Imperio Musulmán que xurdiu despois da rendición da coalición Xudeunorteamericana. Muito mudou o meu mundo. Demasiado mesmo comparando co nome desta tenda de Vilaguindastre que trocou de nome tres veces en cinco meses e que, a Allah louvado graciñas, xa non existe por imaxe pecadora e nome virandeiro neste 4-4-2044.
Tratarei de seguir informando.

Etiquetas: ,

xoves, 6 de decembro de 2018

Adornando o Nadal 2018

 
 
Onte Vilaguindatre encendeu as luces. O acto perdeu vistosidade porque choveu e o concello non tivo a ben montar unha carpa ou un toldo para acubillar aos nenos que cantaron coas Maimiñas. Os músicos e nenos tiveron que arrexuntarse debaixo dos soportais do concello e o público apretarse coma puidemos. Xela cantaba e non logrei unha foto nin vídeo decente onde saíse ela.


Os adornos están ben e este ano en vez de pingüins puxeron unha chea de elfos e un oso polar grande que aínda non retratei.

 
E hoxe fomos a Vigo a admirar as luces que se miran dende o espazo e que son envexa dos alcaldes de todo o mundo.
O día estaba quente e había unha marabunta de xente por todas partes.
 


 
Fomos cear á Praza Elíptica e fotografei unha obra de arte feita cun carro de bois transformado nun tiracroios ou catapulta enorme.
 



Tamén estaban montando unha vila de Playmobil con concello, tendas, gasolineira, edificios, unha igrexa e ata un cemiterio !.
E así imos entrando neste Nadal.

Etiquetas: ,

domingo, 11 de novembro de 2018

Chicas sin bragas


Non hai coma un bo nome para atraer a atención dos demais.
Esta nova tenda en Vilaguindastre quere conseguir clientes e polo menos conseguiron publicidade gratuita no meu blogo.
A ver se teñen éxito que o asunto económico segue chungo.

Etiquetas: ,

mércores, 31 de outubro de 2018

Ambiente de terror


Nesta data amenceu con néboa e daba un aspecto tenebroso a todo.
Mentres Xela estaba no cole disfrazada eu fotografei o motel abandonado extremante coa nova casa.
Este si que sería un bo escenario para unha película de terror e non o cole coa súa exposición de sombreiros e o seu túnel do terror.

Etiquetas: ,

mércores, 12 de setembro de 2018

Rexurdir do lume


Non colleron a Leo no equipo de Pontellas. Sobraban nenos e Leo, T. S e P. chegaron os últimos e tiveron que buscar outro equipo. Agora adestran no Ribadelouro e van xogar amistosos porque non son suficientes nenos e hai que misturar categorias. A Leo gustoulle o adestramento e iso é o que importa.
Xela empeza o cole dentro dunhas horas e a ver que tal.
Tamén caíron as Torres Xemelgas hai dezasete anos xa ! e rexurdiu algo no lugar delas.
E en Vilaguindastre celebrouse o aniversario cun novo incendio nunha clasificadora de refugallos e xa vai o terceiro.
Pero hai que ser positivos como a parella da foto.

Etiquetas: , ,

martes, 19 de xuño de 2018

Vilaguindastre tristemente famosa


Viaguindastre foi famosa hoxe por un caso máis de violencia machista. Un home matou a súa parella e logo matouse el.
Ogallá que muden as mentalidades ancoradas no pasado !.

Etiquetas:

luns, 4 de xuño de 2018

Pan e máis


Sábado foi a 3ª Feira do Pan do Porriño e alá fun eu dar unha volta. Había concurso de empanadas caseiras con comentarios simpáticos como mostra a foto con esas caras rideiras. Había postos de produtos de panadería e doutros produtos como viño, cervexa, embutidos, queixo, licor da Louriña, requeixo, marmeladas e non sei se deixo algo atrás. Alá falei con coñecidos de hai pouco e outros de hai trinta anos e marchei cun queixo de cabra dun francés afincado en Castro Caldelas, unha barra de espelta, unha bica dunha panadería nova e unha botella de crema de licor " Terras do Louro " de Mosende. Aparte levei postos algúns licores, unha cervexa e un anaco de panettone aparte de lembranzas e boas lerias.

Etiquetas: ,

sábado, 26 de maio de 2018

Cans 2018


Hoxe Xela tivo o seu bautizo de festival de Cans. Fomos no autobús dende o centro de Vilaguindastre. Paseamos entre as casas cos cans pendurados e a xente coas súas camisolas desta edición ou doutras anteriores e os sombreiros de palla de Mahou. Fomos á parte onde está a caravana coas películas infantís, compramos churros de chocolate e tamén había unha vaca de propaganda Deleite camiñando entre o público. Logo montamos nun chimpín como o da foto  e a Xela gustoulle a experiencia e máis cando mirou un neno que baixou do chimpín e corría atrás del para volver montar.  Botamos unhas carreiras pai VS filla por unha encosta e logo marchamos que empezaba a pingar un chisco.

Etiquetas: ,

mércores, 25 de abril de 2018

Prefiro os libros

 
 
 
 
O outro día peguei outra volta por Vilaguindastre e fotografiei o monumento a Óscar Pereiro montando a Galicia no canto dunha bicicleta.





Satisfixen a curiosidade de mirar as ruinas dunha casona por dentro.



 
 
Fixen varias fotos de detalles de Villa Xeiteiro.
 




 
E merquei unha rifa para mirar se me tocan alpacas valoradas en 5000 €. Fíxome graza iso de que decidise a cagada da toura o gañador.
 
E logo pasou o día do libro e viñeron os problemas co fregadeiro que pinga, o coche que non frea e o estrés coa carretilla no choio.
Dende logo que prefiro os libros.

Etiquetas: ,

sábado, 14 de abril de 2018

14 de abril


Hoxe celébrase o día da república española que non está nada mal a idea de que algúns mantidos e parasitos buscasen choio coma o resto xa que todos nacemos iguais, nonsí ?.

Como facía bo día deume a arroutada e baixei a dar unha volta graaaande por Vilaguindastre.
Pasei polo túnel do " fantasma ".


Fun ata unha tenda de fotografía onde quixen refotar unha foto simpática dunha parella de noivos cunha gaita e unha pandeireta e a mensaxe " Casemos coma galegos " pero non fun capaz.

Andei, andei e andei e aprendín que cando non sabes que escribir millor é borrar parte do escrito.



Prohibido pegar carteles > Prohibido a arte.

Notei que a primavera está aquí coas cerudas e a súa saiva amarela que sanda.


Os pampullos multiplícanse.


Os favos das vespas asiáticas están á vista.



Logo volvín á civilización cos seus exemplos de enxendros en rotóndolas.


Menos mal que unhas peregrinas se desviaron porque despois de rir coa casa dos Xeiteiro seguirían rindo.


E despois non faltou o típico perdido que me pregunta por un sitio cada vez que vou camiñando anque esta vez o campo de fútbol polo que me preguntaba está a máis de tres quilómetros. Espero que non se perdera.

E isto foi o que deu este 14 de abril de 2018.

Etiquetas: , ,

martes, 27 de marzo de 2018

Un chisco de paseo e poesía


Un descanso das chuvias dan para pasear con Xela e os seus patíns. Fomos polo camiño verde e xogamos ao xadrez humano no parque do Lindano.
No camiño verde segue en pé a escultura de hai catro anos que aguantou sen pintadas ata hai un pouco. O bo é que a pintada é pequena e case unha declaración de amor: " Eres la pieza q me falta m caso contigo ".
E para poesía a que descobre a televisión con César Brandon.

Etiquetas: ,

domingo, 11 de marzo de 2018

Refuxiándose


Teño un libro de fotografía que me ensina muito da fotografía e dos fotógrafos nestes días de mal tempo. Prestoume especialmente a foto " Drum Major and Children " de Alfred Eisenstaedt onde retrata a frescura e ledicia dos nenos que fan de calquera momento un xogo.
Nunca chegarei a ese nivel pero seguirei tirando fotos a todo canto poida.

A foto de arriba está feita por min en Vilaguindastre e o pé de foto diría algo así: Ruina sen estrear compite con ruina con historia.

Etiquetas: ,

luns, 22 de xaneiro de 2018

Nova mascota do camiño


Levamos uns días grises, poallentos e case pechados na casa. Saímos dela para traballar, irmos ao cole e actividades e pouco máis. Son días de tele, chocolate con churros e de preparar disfraces.
Tamén Vilaguindastre semella triste con novos establecementos pechados anque no despacho de lotaría non paran de conseguir premios.
Pero sempre queda lugar para o optimismo e así frutas Katuxa crea unha nova mascota para os pelegríns que se chama "PeraGrino" que se engade ás anteriores mascotas do Camiño.
Xa chegará o bo tempo !.

Etiquetas: ,

luns, 27 de novembro de 2017

Sesenta anos non son nada

 
 
Sesenta anos hai de diferenza entre as dúas fotos da zona onde máis ou menos vivo e o cambio foi grande. Na foto de arriba había muitas menos construcións e os camiños estaban sen empichar. Hai algunas manchas irregulares brancas á dereita e abaixo que a calidade da foto tirada directamente sobre a pantalla do ordenador, apenas deixa mirar. Eses serían os lugares onde se verquía o lindano da fábrica que estaría máis arriba fóra da foto.
Eu bañábame na zona das manchas brancas de abaixo alá a finais dos setenta e principios dos oitenta ata que empezaron a construir edificios e máis cousas.
A finais dos noventa fixeron un parque onde estaba o principal verquedeiro despois de retirar parte da superficie e selar o máis profundo e así estamos hoxe.


A imaxe de arriba de todo tireina do vó americano de 1956. Deixo aquí a ligazón onde podes comprobar como era España naquela altura. Só tés que escribir o lugar que queres visitar e xa está. Na imaxe da ligazón sae Santiago de Compostela.

E, buscando, buscando; topei un vídeo aéreo de Vilaguindastre no ano 2001 que tamén mudou nestes dezaséis anos.

Etiquetas: ,

xoves, 23 de novembro de 2017

" Yo-kai " e lindano




Martes fomos ao cinema a mirar a película " Yo-kai Watch " e dende logo que non é do meu gusto e así só estabamos Xela, Leo e mais eu, uns nenos dun aniversario duns sete-oito anos e outro neno desa idade e mais a nai. O caso é que na película viaxaban ao pasado e alí acontecía todo.

Cambiando de tema e volvendo ao mundo real. Tamén me gustaría a min viaxar ao pasado e explicarlle aos paisanos que o que carretaban nos carros de bois con escombro de Zeltia era altamente contaminante. Nesa fábrica de insecticidas daban cartos a quen levase os refugallos e a xente chimpaba co eles nos camiños porque semellaba xabre. Resulta que un ingrediente é o lindano que se demostrou que é canceríxeno e acabou por proibirse a súa utilización.
E así estamos hoxe: hai pozos clausurados nesta parroquia de Vilaguindastre e están por ver as consecuencias na saúde daqueles verquidos de hai sesenta anos.

Menos mal que a nós non nos afecta directamente anque eu me bañaba nunhas charcas que agora non existen e que tiñan un cheiro a insecticida fortísimo.
Maloserá !.

Etiquetas: ,

domingo, 5 de novembro de 2017

Noite de calacús, " Parolas " e " pinchorriño "



Onte foi a Noite dos Calacús en Vilaguindastre e houbo talla de calacús, charanga, castañas e viño.
 


Ademais este ano apareceu unha " competencia " da man do grupo " Parolas " que actúa en eventos e que montou nunha casa un túnel do terror e tocaron na terraza baixo unha lúa digna de noite de terror para promocionarse.
Tamén estamos en novembro e todo Vilaguindastre está co " pinchorriño " de fin de semana onde che dan para comer algo coa consumición e a xente vai a dous ou tres establecementos e sai ceada.
E niso estamos.

Etiquetas: ,

sábado, 23 de setembro de 2017

Empezan as festas


Si. As festas de Vilaguindastre deron comezo e onte estivemos un anaco no espectáculo de " Cachoscheques ".


Esta mañá había unha película que finalmente foi aprazada ata o luns.
O pregón deuno Diego Giráldez que falou de lembranzas nesta vila e dixo que ata o fillo está de cumpreanos nas festas.
No meu caso hai máis coincidencias. Vin vivir a Vilaguindastre nas festas de 1976, cando ardeu o edificio da foto; o concello. Empecei de noivo con Naideleo na festa anos despois. Casamos tamén con Vilaguindastre en festas e o Leo foi nacer... Xa adiviñaches: nas festas de Vilaguindastre.



 
 
Pasaron os cabezudos para ledicia dalgúns nenos ou para asustar algúns coma Leo e Xela.
 




E hoxe actuou o mago Martín Camiña que fixo unha mui boa actuación e demostración de bo humor. Para min que non hai truco e que fixo maxia de verdade.
E houbo palomitas, churros de chocolate, tren chuchú e carrusel.
E a festa segue !.

Etiquetas: